Encarguei o RAV4

Tras máis dun ano de espera dende que comezara a andaina polos concesionarios de diferentes marcas, onte dimos a entrada para a encomenda do Toyota RAV4 Premium. Non é un todo-tereno senón un SUV (Sport Utility Vehicle) ou todo-camiño, é dicir, máis de asfalto ca monte. Un pouco seguindo o fío que no seu dia fixen ao mercar a Honda NX-650 Dominator que aínda teño (e van dezaseis anos xa!)

Aínda terei que esperar por el uns dous ou tres meses. Nembargantes estou ben ledo con todo. Non foi unha compra impulsiva, ao invés foi moi meditada. Toyota e Lexus (a súa marca de luxo) levan varios anos consecutivos liderando as táboas de satisfacción dos clientes, fiabiidade, etc; por algo está a piques de ser a primeira e máis grande empresa mundial do sector.

Queríamos seguridade: ten unha centraliña que controla todos estes aparellos especiais (ABS, EPS, dirección eléctrica, 4×4…) sen deixalos actuar só de xeito individual, é 4×4 se precisas del, 9 airbags, unha maior altura do chan (ves o que acontece diante antes ca nun coche normal)…

Queríamos economía: é un diesel, fiabilidade Toyota, pezas de recambio a prezos coñecidos (tamén canto custa a man de obra), a parte que financiamos é mediante o sistema Toyota Elección.

Quería potencia: aínda que sempre respectando as normas de tráfico, a potencia é para min moi importante e non só pola satisfacción persoal. Daquela temos 177 CV nun motor de aluminio dos máis ecolóxicos existentes.

Bueno, que neste eido tamén a vida me sorríe. Son consciente da miña sorte, tamén do desmesurado esforzo no pasado recente, pero pasado ao fin e ao cabo. Saúde para disfrutalo e aos meus seres queridos para compartilo, iso é o que importa!

Chuzame! A Facebook A Twitter

One Response to “Encarguei o RAV4”

  1. [...] Estou moi ledo co RAV4 que teño dende agosto. Para mercalo seguín uns criterios lóxicos aínda sen ollar tan sequera o primeiro anuncio televisivo. [...]

Olark Livehelp