Software Libre para unha Sociedade do Coñecemento
Veño de escribir o seguinte artigo para a Estratexia Galega da Sociedade da Información:
A nova LAECAP (Lei para o Acceso Electrónico dos Cidadáns ás Administracións Públicas) pretende achegar a todos os concellos estatais a implantación da administración electrónica dentro de catro anos e o PEGSI (Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información) está a tela en conta co Software Libre coma un dos seus principais eixos.
Mais, que é o Software Libre? Sen saber del, nun primeiro achegamento é doado pensar que trata de liberdade, tecnoloxía ou gratuidade. Case que todo é certo, o Software Libre naceu para devolver ao pobo a liberdade tecnolóxica, distribuíndo o coñecemento necesario e posibilitando a independencia dos pobos neste eido. Só sendo un pouco máis descritivo, o Software Libre danos liberdade de empregalo, modificalo, melloralo ou distribuílo.
E, por que o PEGSI contempla o Software Libre? A e-administración galega acadarase só se aposta por empregar estas tecnoloxías, habendo innúmeras razóns para subliñalo. Dígase que é unha tecnoloxía de dominio público, o seu custe é menor, polo menos nunha visión máis aló do medio prazo, o aforro no pagamento de licenzas é continuo xa que non ten tales custes, atinxe a independencia de fornecedores, ten un crecemento exponencial, adáptase aos requirimentos concretos de xeito natural, emprega estándares, xera emprego endóxeno, evita a saída de divisas cara o estranxeiro ou contribúe á normalización do galego.
Todo isto semella ser estratéxico para os concellos galegos, sempre parcos en recursos económicos e a maioría deles con illadas políticas a prol de espallar a Sociedade da Información entre a súa cidadanía.
Xa que logo acadar a Sociedade da Información é un obxectivo presente nos gobernos actuais, por que non temos máis ambición? Namentres a Sociedade da Información emana do emprego intensivo das tecnoloxías da información e comunicacións ata modificar moitas das pautas da actual sociedade post-industrial, podemos pecar de sermos curtos de miras se esquecemos que a información non é máis ca un instrumento do coñecemento, non o Coñecemento mesmo, en letras maiúsculas.
Ás veces a información adoita estar rexida só por intereses comerciais, o cal até atrasa o achegamento á Sociedade do Coñecemento. Ao meu entender, esta matización de termos debe ser mantida presente para, se cadra, xustificar aínda máis a adopción de tecnoloxías estándares e libres coma base da nosa vindeira sociedade, a do Coñecemento.
chuzame -
En: FLOSS, Galicia-Galiza, Persoal por Roberto Brenlla
Leave a Reply