A miña filla Galega

O meu primeiro contacto coa língua de Cervantes foi onde nacín, no Rio de Janeiro, cun nativo español. Tamén tiven a sorte de viaxar en bus dende Rio a Buenos Aires (que viaxe!) onde practicaría algo antes da verdadeira gran viaxe, en trasatlántico con parada nas Azores.

A Cidade Maravilhosa deume unha infancia feliz, sen grandes alardes mais feliz ao fin. Chego a Vigo en maio do setenta, dalí ao Carballiño (que frío!), logo Coruña con varios días na aldea antes do comezo das clases.

Na aldea ríanse do meu acento, con cariño pois sempre fun recibido como integrante dunha ampla familia. Catro meses despois aínda tiña cor morena na pel do País Tropical de onde viña, así que o meu castelán non era precisamente abraiante. Traballei duro, sufrín moito pero o obxectivo non demorei en conquerilo.

Xa falaba castelán e unha mistura de galego con portugués do Brasil, todo ilo seseando e con gheadas... Aí é onde creo que comecei a decatarme do que estaba a gañar. Porén, entrar na xuventude levoume a case esquecer o galego e o portugués, algo que logo íase acentuar polo tempo que vivín en Madrí e Sevilla.

Facer cursos de galego normativo, descubrir internet e o software libre e abrir contactos con xentes do Brasil deume a posibilidade de gañar definitivamente as línguas que case perdera. Agora síntoas como as miñas fillas: quéroas a todas!

Só foi o avatar o que provocara que nacera onde nacín e vivira o que vivín. As circunstancias, como diría Ortega y Gasset, conduciron en gran medida á miña vontade. Outras circunstancias levaríanme por calquera outra vía aínda que posiblemente creo que a conclusión seguiría sendo a mesma, seguiría adorando ás miñas fillas, foran as que fosen.

Chuzame! chuzame -

One Response to “A miña filla Galega”

  1. [...] Por deferencia hacia Federico Albujer y a los integrantes de InfoSiAL, empresa desarrolladora de AbanQ (antes FacturaLUX) escribo por primera vez en la lengua de Cervantes en mi bitácora. Lo hago además con mucha satisfacción y por los diversos motivos que ahora paso a enumerar. [...]

Leave a Reply