Deterxente ‘Linux’

Do sitio de Manuel Andrade:

Deterxente Linux

Linux limpa máis :-)

ACTUALIZACIÓN: Ups, pensei nun principio que era papel hixiénico! :-D Grazas a Álex e Tonio. Éste sinala outra foto, bastante máis simpática ca anterior e con 'Linux' en riba de micro&soft:

Dteterxente Linux en riba de MIcro&Soft

 

Chuzame! chuzame -

Usuario de Ubuntu obrigado a instalar Window$

Scott McCausland, un usuario de GNU/Linux, nomeadamente da distro Ubuntu 7.04 Feisty Fawn, foi acusado e até encarcerado por subir a película Star Wars: Episode III a internet empregando as redes P2P. Collido polo FBI, declarado culpable no 2006 con dous cargos por violación de copyrights, tivo como sentenza cinco meses de cárcere e outros cinco meses máis confinado na súa casa. Agora, durante a súa condicional, o axente da súa liberdade vixiada díxolle que ten que instalar un software de monitoreo no seu PC como parte da sentenza. Acontece que tal software está pensado para Window$ e non ten versións para GNU/Linux...

Scott McCausland
Non desexarás compartir

... polo que o devandito axente engade que 'Se queres usar o PC tes que ter un sistema operativo onde poida instalar tal software'. Daquela, McCausland (de alcume sk0t) sinala na súa bitácora que tal motivo significa: MICROSOFT AND MONITORING SOFTWARE or NO COMPUTER.

Segundo o sitio TorrentFreak, sk0t e mailo seu avogado loitarán contra esta situación dado que el está desempregado cunha situación de desemprego que continuará previsiblemente no vindeiro futuro precisamente pola súa condición de condenado e ten que mercar software para que lle poidan monitorar alén de restruturar os seus hábitos dixitais.

Fonte.

Chuzame! chuzame -

Musical Gallaecia en Melide

Onte, 15 de agosto, foi o dia da estrea do Musical Gallaecia en Melide, onde tamén está a sede da Orquesta Sinfónica dirixida por Fernando V. Arias, promotor, ideario e director deste gran espectáculo.

Seica non son obxectivo o dicir que a soprano Susana de Lorenzo estivo sobresaínte, sobor de todo ao remate cando o público que ateigaba o recinto foi convidado a cantar xunto cos compoñentes deste espectáculo o coñecido Miudiño. Non son obxectivo porque Susana é a nae dos meus fillos, o cal énchenos de orgullo a toda a familia. Nembargantes tamén sei que non esaxero polas numerosas mostras de admiración que ela soíña adoita recibir. Velaquí unha mostra:

Xunto a ela estiveron Alberto Cunha, as Cantareiras e grupo de baile Trompos ós Pes, o grupo folk Liorna emailos coreógrafos Berna e Andrés Carballeira, este último xa o coñecía dende os meus dez aniños.

O completo repertorio que amenizou as dúas horas do espectáculo, todo el galego, contou coa estrea dunha obra do propio director, titulada Rapsodia en Azul e Branco, temas de Andrés do Barro e até unha emotiva homenaxe ao recentemente falecido Prudencio Romo, compoñente do grupo noiés Los Tamara.

Noraboa e ogallá moito máis público poida disfrutalo.

Chuzame! chuzame -

Entrevistas personalísmas a Fernando Alonso (humor)

Hai unhas semanas que sei destes videos, por unha banda moi cómicos á vez que ordinarios, mais é agora cando me animo a incluilos. Velaquí van algúns comezando por este:

Tralo GP de Europa onde Lewis Hamilton estampouse contra o muro durante as calificacións ou a discusión con Felipe Massa antes do podium:

Tras a sanción imposta pola FIA por causa da guerra interna con Luisito:

Según di quen os fixo, un tal riddick111, haberá máis na saga.

Tamén únese a este tipo de videos Loquendo dando como mostra un a prol de Lewis.

Chuzame! chuzame -

Haberá unha nova C.T.I. TEGNIX

Á saída da primeira convocatoria a prol da creación da asociación de empresas de sw libre, hoxe nomeada AGASOL, a evidencia era abrumadora. Agás unhas poucas, dúas ou tres, todas as demais empresas alí congregadas eran microPEMES, con graves atrancos pola propia dinámica da súa reducida dimensión. Refírome a pouca capacidade de manobra e de dirección.

Dirixir implica saber onde estás e cara onde queres ir, controlando a andaina cara os futuros inmediato e ulterior, algo oposto ao que adoita acontecer en varias desas microPEMES por estaren acotío apagando incendios, sen dispoñibilidade de prever acontecementos pola nula existencia de proxectos a medio ou longo prazo ben definidos e calculados. Outros moitos inconvintes existen mais non é isto o que me motiva a escribir este artigo.

Asociarse, unirse, xerar economías de escala, aproveitar mellor os recursos dispoñibles, mellorar a calidade do servizo fornecido, etc, sempre foi unha das cuestións que máis me preocupou, sobor de todo, ao comprobar o panorama existente na oferta destes servizos na economía galega.

De feito iniciara, creo lembrar que hai máis de dous anos, a apertura de contactos con varias empresas co obxectivo de termos unha asociación igual ou semellante a AGASOL. Por que non pasou dunha apertura de contactos e presentación de obxectivos? Moi sinxelo, polo descrito en riba: o dia a dia obrigaba a apagar incendios e demais inconvintes.

Mais foi precisamente a primeira xuntanza a prol da que será AGASOL a que agora levaranos posiblemente a sermos unha nova C.T.I. TEGNIX ao xuntarmos esforzos e recursos, tanto económicos como persoais. Sobor de todo persoais pois moitos dos que estamos e estaremos en TEGNIX levamos ben tempo contribuindo con ilusión a facer realidade a presenza do sw libre, sexa contribuindo en distintas asociacións galegas (LUGs), organizando xornadas, traducindo, xerando documentacións técnicas, dando relatorios, desenvolvendo, poñendo novas acotío... con certeza, moitísimo esforzo. Esforzo, pola outra banda, non recompensado economicamente a nivel empresarial, se cadra precisamente polos devanditos motivos. Se alén de contribuir sen fins de lucro, temos que dirixir empresas, case que obriga ao sacrifico dalgunha delas. O dia dura o que dura e o tempo non dá para máis.

A nova TEGNIX medrará moito tendo, con certeza, varios integrantes comprometidos co sw libre dende hai anos e outros compoñentes máis que o farán con soldo. Tamén teremos máis contribucións da empresa a prol do sw libre aínda que, ao meu entender, isto semelle evidente polo propio modelo de negocio desta especialidade. Que unha empresa obteña rendementos e non devolva alomenos unha parte deles á comunidade paréceme simplemente inaceptable. Aí é onde marcamos diferencia pois sempre contribuimos sen ter empresa por detrás, e agora e no futuro, con empresa, tamén o seguiremos a facer.

Fique claro, a nova C.T.I. TEGNIX, dirixirase á calidade como premisa incuestionable e tomaremos un repouso comercial a prol dun total enfoque no noso proxecto de futuro, algo que precisa do seu tempo e maduración. Témolo claro, moi claro.

C.T.I TEGNIX

Chuzame! chuzame -

Dinamización no Carballiño

Aceptei dar un curso de Introdución ao OOo Writer no Carballiño por mor dalgo persoal pois foi alí onde o meu pai aprendeu a súa profesión antes de partir cara o Brasil.

O curso foi organizado e miticulosamente levado por Ana Belén. O alumnado, como adoita acontecer, era heteroxéneo en canto a coñecementos pero homoxéneo en canto á receptividade de novos coñecementos e ideas. Este último termo e mailo ambiente xeral que fluiu foi realmente determinante para crer que dificilmente esquecerei del.

Dado o custoso do aloxamento do ApartaHotel Arenteiro, por outra banda ideal (Wi-Fi, cociña...), aproveitei para levar comigo á miña familia e daquela facer da estadía o meu período vacacional. O mesmo fixo Pablo, o marido de Delia, a prima de Susana, ao aproveitar que traballaba en Toén na comandancia de helicópteros contra-incendios. Isto enfatizou aínda máis o caracter familiar da viaxe.

Salientables diría que foron a piscina de Maside, con augas sulfurosas, o gran bosque onde fan a Festa do Polbo e o ambiente nas rúas.

Deixo un par de fotos (unha e outra) tomadas do curso e o meu agradecemento a todos e todas pola acollida dispensada.

Chuzame! chuzame -

Baixando videos de YouTube e pasándoos a .avi

Hai moitas e variadas formas de baixar videos dende YouTube mais algunhas delas deixaron de rular por mor do corte feito pola propia YouTube.

En GNU/Linux hai específicamente unha pequena aplicación que o fai. É a youtube-dl que xunto a ffmpeg convértense nunha combinación perfecta se non te importa empregar a liña de comandos.

Só hai que executar:

sudo apt-get install youtube-dl ffmpeg

Agora procura o video do teu interese e copia o seu enderezo orixinal. O seguinte é un exemplo cun video de Compiz-Fusion:

youtube-dl http://www.youtube.com/watch?v=_ImW0-MgR8I

Trala súa descarga pásao a .avi ou a .mpg:

ffmpeg -i _ImW0-MgR8I video.avi

ou

ffmpeg -i _ImW0-MgR8I video.mpg

Tamén podes empregar o script flv2avi que xa amosei nun artigo e executar onde estea tal script:

./flv2avi.sh -xvid _ImW0-MgR8I.flv

Na vez de -xvid podes probar tamén coa opción -divx.

Chuzame! chuzame -

A venda de equipos con GNU/Linux xa existe

A venda minorista de equipos con GNU/Linux xa existe. PCs, portátiles ou até de calquera tipo como PDAs ou GPS comezan a proliferar por varios recunchos do mundo e da web. Faltan moitos para seren maioría os establecementos que os ofrezan preinstalados mais todo semella que a mecha desta pólvora xa prendeu.

Polo que sei, a cadea de tendas UPI foi a pioneira en España incluindo nos seus catálogos equipos co seu propio GNU/Linux, unha adaptación dunha Red Hat. Agora ofrecen os equipos pelaos.

Porén, foi preciso que unha das grandes multinacionais, neste caso Dell en marzo de 2007, anunciara oficialmente o comezo das súas vendas con Ubuntu para que outras vaian curando a súa miopía e comecen a imitala para non perder terreo estratéxico neste mercado. É o caso da posible entrada de HP e Acer, aínda que esta última vén de negalo tralo estoupido informativo xurdido na rede pola aparición dun anuncio oficial na súa filial en Singapura.

Termos a venda minorista ofrecendo equipos con Sw Libre preinstalado será unha das maiores conquistas, con certeza. É moi certo que a xente que emprega Hasefroch é a maioría mais non o é menos que parte desa xente non muda cara a liberdade tecnolóxica por mor desta causa. Aprender a instalar un sistema operativo libre non ten por que ser unha condición sine qua non para disfrutar del, e menos aínda se se procura que conviva co privativo no mesmo equipo. Isto semella ser tan complexo para unha persoa simple usuaria de tecnoloxía como o pode ser para outra instalar unha segunda lavadora. Ou hai que saber de informática (fontanería) para disfrutar da tecnoloxía e a rede (lavar roupa)?

Estamos moi próximos á fase na que o escritorio emailas aplicacións libres sexan máis doadas cós equivalentes privativos e agora, co comezo da venda minorista de equipos con tecnoloxía libre preinstalada, outra fronte está a piques de desaparecer.

Deixo unhas ligazóns cara sitios onde mercar equipos con GNU/Linux preinstalado:

Chuzame! chuzame -