Haberá unha nova C.T.I. TEGNIX
Á saída da primeira convocatoria a prol da creación da asociación de empresas de sw libre, hoxe nomeada AGASOL, a evidencia era abrumadora. Agás unhas poucas, dúas ou tres, todas as demais empresas alí congregadas eran microPEMES, con graves atrancos pola propia dinámica da súa reducida dimensión. Refírome a pouca capacidade de manobra e de dirección.
Dirixir implica saber onde estás e cara onde queres ir, controlando a andaina cara os futuros inmediato e ulterior, algo oposto ao que adoita acontecer en varias desas microPEMES por estaren acotío apagando incendios, sen dispoñibilidade de prever acontecementos pola nula existencia de proxectos a medio ou longo prazo ben definidos e calculados. Outros moitos inconvintes existen mais non é isto o que me motiva a escribir este artigo.
Asociarse, unirse, xerar economías de escala, aproveitar mellor os recursos dispoñibles, mellorar a calidade do servizo fornecido, etc, sempre foi unha das cuestións que máis me preocupou, sobor de todo, ao comprobar o panorama existente na oferta destes servizos na economía galega.
De feito iniciara, creo lembrar que hai máis de dous anos, a apertura de contactos con varias empresas co obxectivo de termos unha asociación igual ou semellante a AGASOL. Por que non pasou dunha apertura de contactos e presentación de obxectivos? Moi sinxelo, polo descrito en riba: o dia a dia obrigaba a apagar incendios e demais inconvintes.
Mais foi precisamente a primeira xuntanza a prol da que será AGASOL a que agora levaranos posiblemente a sermos unha nova C.T.I. TEGNIX ao xuntarmos esforzos e recursos, tanto económicos como persoais. Sobor de todo persoais pois moitos dos que estamos e estaremos en TEGNIX levamos ben tempo contribuindo con ilusión a facer realidade a presenza do sw libre, sexa contribuindo en distintas asociacións galegas (LUGs), organizando xornadas, traducindo, xerando documentacións técnicas, dando relatorios, desenvolvendo, poñendo novas acotío... con certeza, moitísimo esforzo. Esforzo, pola outra banda, non recompensado economicamente a nivel empresarial, se cadra precisamente polos devanditos motivos. Se alén de contribuir sen fins de lucro, temos que dirixir empresas, case que obriga ao sacrifico dalgunha delas. O dia dura o que dura e o tempo non dá para máis.
A nova TEGNIX medrará moito tendo, con certeza, varios integrantes comprometidos co sw libre dende hai anos e outros compoñentes máis que o farán con soldo. Tamén teremos máis contribucións da empresa a prol do sw libre aínda que, ao meu entender, isto semelle evidente polo propio modelo de negocio desta especialidade. Que unha empresa obteña rendementos e non devolva alomenos unha parte deles á comunidade paréceme simplemente inaceptable. Aí é onde marcamos diferencia pois sempre contribuimos sen ter empresa por detrás, e agora e no futuro, con empresa, tamén o seguiremos a facer.
Fique claro, a nova C.T.I. TEGNIX, dirixirase á calidade como premisa incuestionable e tomaremos un repouso comercial a prol dun total enfoque no noso proxecto de futuro, algo que precisa do seu tempo e maduración. Témolo claro, moi claro.

chuzame -
[...] asennadas: Haberá unha nova C.T.I. TEGNIX http://brenlla.blogaliza.org/2007/08/11/habera-unha-nova-cti-tegnix/ [...]