Sw Libre verde?

As inquedanzas actuais arredor dun crecemento sostible da economía xunto coa sensibilización ecolóxica fixeron nacer o concepto ‘verde‘. Porén non é ese ‘verde‘ ao que se refire o que o amigo Claudio F. Filho me trasmitiu estes pasados dias durante a súa estadía galega.

Sw Libre ‘verde’ é un concepto que xa está a ser tido en conta en Brasil polas empresas clientes que precisan de servizos especializados nesta materia. No noso mercado estamos situados en procesos divulgativos pois aínda precisamos dar a coñecer o Sw Libre como a alternativa máis eficaz para a maioría das organizacións, tanto públicas como privadas. As organizacións brasileiras xa coñecen de sobra esta alternativa e agora comeza a xurdir nelas a sensibilidade polo Sw Libre co aditivo ‘verde‘. Na contorna política, social e económica na que nos atopamos é a cotío maior a sensibilidade polo ben da humanidade e a do noso hábitat. Impórtanos a ecoloxía, a contaminación, as correntes migratorias, a reciclaxe do lixo… todo! Como non ía haber inquedanza por un Sw Libre ‘verde’?

Non é o mesmo contratar servizos a empresas forncedoras especializadas en sw libre e estándares abertos que teñen integrantes e políticas a prol de contribuir á comunidade que elixir contratar outras que só negocian co que outros fan ou, no mellor dos casos, moi puntualmente achegan algunha contribución. As primeiras, as que contribúen habitualmente, sexa como fora, e até en proxectos alleos ao leitmotiv da propia empresa, ésas son as empresas de Sw Libre ‘verde’.

Saber disto alédame moito pois non atopara como describir un dos valores que sempre perseguín para a nosa empresa. O obxectivo está acadado e garanto que é un pracer disfrutar del ao compartir o traballo con integrantes entregados á comunidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

One Response to “Sw Libre verde?”

  1. [...] meu sincero agradecemento. Publicado na categoría Persoal, Amizade, TEGNIX | Trackback | del.icio.us |Enriba [...]

Olark Livehelp