A oportunidade política do canon
Tradicionalmente quen pertence ao mundo da arte adoita afiliarse á esquerda política. Abonda comprobalo rescatando imaxes de pasadas eleccións onde especialmente xentes das artes aparecen apoiando o seus candidatos de esquerda. Si, é certo, a dereita tamén ten os seus persoeiros das artes aínda que máis ben penosos alén de escasos.
Defender os intereses da clase artista e aparecer con ela nas derradeiras imaxes de calquera campaña electoral significaba un monte de votos de devotos espectadores que idolatran a determinados persoeiros. Non é de estrañar, hainos que seguen consumindo asuntos 'rosa' a cotío!
Velaquí que o panorama troca. Agora semella xurdir unha nova postura política. Por que defender os intereses duns poucos idolatrados cos que obter os seus votos emailos dos seus seguidores? Como loitar contra todos estes se conforman unha absoluta minoría? A descoberta chámase canon.
O canon naceu inxusto pois sempre pretendeu compensar as eventuais perdas que as novas tecnoloxías provocaban nos ingresos por cesión e desfrute da súa creación. Este tipo de propiedade intelectual volveuse máis feble e vulnerable ca nunca segundo se foi confirmando a actual revolución dixital. É dicir, presupón que son os consumidores os que han pagar a obsolescencia dun modelo de negocio no canto de que ese sector evolucione cos tempos que corren e coa máxima determinación. Outras das inxustizas que provoca a súa existencia é a súa universalización, a súa xestión por unha entidade privada, a ausencia de equidade e un variado 'etc' no que non me pretendo introducir pois non é o obxectivo da reflexión que me levou escribir estas liñas.
A clase política atópase agora con que a maioría da poboación está en contra do canon. Opositar esta evidencia non lle compensa nin á esquerda. Entón por que segue a apoiar o canon ou non loita contra el con absoluta determinación? Aí é onde quería chegar. O canon venlle que nin diola á dereita pois xa se atopa nunha confortable posición frente á tradicional loita perdida de todas as pasadas eleccións. E á esquerda? Terá que espabilar e, se cadra, até axudar ao sector a atopar o seu propio óco na nova coxuntura económica e tecnolóxica.
Este conto debería ser ben máis longo e profundo para atinxir unhas conclusións válidas que, de seguro, seguirían enfrentando posturas. Porén prefiro pensar que este asunto non será o determinante nos nosos votos pois, con certeza, temos outros problemas moito máis importantes a resolver.
chuzame -
En: Cultura Libre, Internet por Roberto Brenlla
Leave a Reply