Obtendo conclusións de 2007 no eido do Sw Libre
Decindín escribir unhas cantas anotacións en AGNIX coas novas de 2007 máis visitadas, loxicamente grosso modo pois habería que puntualizar moitos aspectos para dotar esas listaxes dunha mínima validez.
Sexa como fora, persoalmente serviume para obter unha retrospectiva xeral para agora salientar determinados puntos sen ánimo de ser nin ordenados nin completos aínda que si clarificadores das tendencias de futuro.
- Imos como centellas. Baixo case que calquera punto de vista a penetración do Sw Libre na vida cotiá estase a achegar á realidade desexada. Si, si, resta moito pero hai que lembrar que vimos do mínimo case que abosluto, polo que unha gran porcentaxe de crecemento apenas medra a cota de mercado pois aquela aplícase a unha cifra próxima a cero. Éche así, é matemática.
- A mobilidade é unha das mellores oportunidades de penetración. A telefonía móbil, os novos UMPC... e, nunha última instancia, a concentración de terminais están a ser excelentes vías de entrada.
- Cómezase a pensar en Linux como algo popular. Moito disto débese a Ubuntu pois fixo dunha das distros máis veneradas (Debian) algo ao alcance do pobo. Distribúe de balde CDs ben presentados, ten compromiso de versións semestrais... Con certeza, moita xente está a introducirse grazas a Ubuntu. Non é que Fedora, OpenSUSE ou calquera outra sexa mellor ou pior. Non se trata diso! Tratándose de facer ao Sw Libre popular, Ubuntu é unha das maiores culpables. Logo virá o de Linux, GNU/Linux, distros...
- Pois si, tamén iso do Linux, GNU/Linux, nome_de_distro... segue a ser recurrente, demostrando que aínda estamos nos primeiros estadíos do noso avance e lonxe da desexada solución universal e commodity. Esas batalliñas existen na nosa contorna inmediata namentres outros xa a abandoron hai ben tempo. Ata o propio Stallman segue a incordiar, por exemplo, cando o fixo contra o OpenBSD... Temos moitos outros inimigos fóra como para entrar nesa batalliñas intestinais por unha ínfima porción de desencontro de pareceres.
- Nos servidores o asentamento é incuestionable. Máis do 80% das solucións elixidas polos supercomputadores mundiais son na súa meirante parte libres. Ese termo xa é coñecido no ámbito empresarial e unha porta de entrada cara a 'evolución' a Sw Libre.
- Sempre considerei que a dixestión dos modelos de Sw Libre é longa, moi longa. Nestes modelos inclúo ao de negocio, desenvolvemento, tecnolóxico, liberdade, de transmisión de coñecemento, de recoñecemento autorial, etc. Pois si, agora que acotío se percebe que máis xente está a achegarse á toda a liberdade que fornecen estas alternativas, tamén percebimos que este conto hai que explicalo con paciencia, moita paciencia e, ademais, continuar a agardar á devandita dixestión. Ao meu entender, ésta non é menor dun ano intensivo.
- Isto último fai que empresas interesadas no sw libre demoren en fornecer estos servizos. Alén disto tamén está o feito de que ser un 'experto en GNU-BSD' non é cousa de dias ou meses senón de anos. A bagaxe de anos de experiencia nótase ás claras e é a que marca as diferenzas.
- A ética é unha das máis importantes portas de entrada, sobor de todo para persoas vencelladas ao ensino. Porén a maioría só quere que as cousas rulen ben e doadamente. Por iso, restan esforzos importantes en seccións como a multimedia, clientes de VoIP ou na venda de equipos con GNU/Linux preinstalado, por mencionar só uns poucos.
- A domótica será outra das vías de penetración. Nestes intres isto semella futurista mais, como dicía, imos como centellas e axiña teremos este campo dominando a actualidade informativa.
chúzame -
Leave a Reply