Traduzo o Free/OpenFlames de Tsao (e concordo)
Francisco J. Tsao titulou así un artigo sobre os recentes comentarios de RMS (Richard M. Stallman) non recomendando BSD, algo reflictido en moitísimos sitios en Internet e tamén en AGNIX.org. Permitinme tentar traducilo:
—
O comezo foi esta entrevista a RMS en BSDTalk. El dixo:
‘Estou infeliz con varias distribucións de BSD, porque todas elas inclúen, na instalación dos seus sistemas, o sistema de portes (ports system), todos eles inclúen algúns programas non-libres. Como conclusión non podo recomendar ningún deles.‘Algunhas persoas escribiron sobre isto na lista ‘misc’ de OpenBSD. Daquela RMS respostou na mesma lista comezando un ‘flame‘ (1) cun correo-e titulado ‘Os homes de verdade non atacan a homes de palla (2)’ (Real men don’t attack straw men).
Foi un fío simpático ata que derivou nalgúns outros absurdos fíos inundando unha lista de correo técnica con pseudofilosofía, debates draconianos e insultos. É moi triste e vergoñante para persoas coma min que apoian a ambos proxectos, GNU e OpenBSD. Gustaríame que parasen e concienciaran do infantil do seu comportamento.
Ou se cadra debemos pechar a Theo de Raadt, Richard Stallman, Jörg Schilling, Linus Torvalds e Eric Raymond (esquézome dalgún?) nun cadrado de 2×2 m. que non abrirían ata pararen de berrar ou vermos sangue baixo a porta.
—
Lin moitos artigos sobre este mesmo asunto e, polo que puiden observar, hai unha unanimidade case que total ao respecto, totalmente coincidente coa visón exposta por Fran Tsao.
Cando saio como activista, a dar un relatorio, curso ou por calquera outro motivo afín, gústame reflictir que, incriblemente, estas cousas hainas e minan o ánimo de quen ama todo o que implica o Sw Libre. Hainas aínda que non nos guste. Se cadra sexa unha das consecuencias comúns de Internet e non só disto do SwL mais a evidencia amosa ben ás claras que estas liortas co ánimo de precisar que é libre ou non o é, ou máis incrible aínda ‘máis libre que ese que tamén é libre’… cando temos tanto polo que loitar fóra, nun outro escenario onde idealmente todos nós estivésemos unidos, decididos e confiados uns nos outros pois, de termos inimigos, éstes están noutro lado. Mais eche o que hai !
Alén disto está a facilidade para verse envolto en liortas ao escribir en rede, sexa en fíos de correo-e, chats, respostas a correos-e, etc. Sempre aseverei que estas vías telemáticas son fantásticas mais tamén carentes do contacto directo, da enerxía que transmitimos, da nosa entonación, ollada ou xestos alén das perdas de precisión que supón o proceso penso-escribo-le-entende-pensa-escribe-leo-entendo. Cousas que podo dicir en persoa poden ser absolutamente mal interpretadas na rede.
(1) Recomendo ler este artigo sobre flames e trolls.
(2) straw men pódese traducir, se cadra máis adecuadamente neste caso, como ‘testaferro‘.
En: AGNIX, Curiosidades, FLOSS, Internet, Persoal por Roberto Brenlla

Non sei como é que o sw libre sempre esta envolto en guerras, trifulcas e demáis… se todo ese esforzo se centrase en desenrrolar aplicacións e novas ideas outro galo cantaría… por cousas así, xente moi nerd prefire agarrase a Microsoft, dado que así só se preocupan da tecnolóxia que sí WPF,WCF, agora o frameWork para programar robots… esa é a competencia de Gnu/Linux e non esas malditas disputas esteriles.
No mundo dos negocios non só hai liortas senón guerras. Non me agradan estas ‘movidas’ pero… que relación pais-fillos, de parella ou de amizade non pasan por isto? Sw Libre é comunidade e polo tanto nada se agocha, nin as máis das veces estériles liortas.