A miña andaina no Sw Libre (os primeiros anos escuros)

Comezo unha serie de artigos onde amosarei a miña experiencia persoal coa Informática en xeral e especialmente co Software Libre. Loxicamente comezo polos anos escuros, aqueles antes de coñecer o que era root e a GPL, aqueles cos que traballaba co sw privativo.

Souben disto da informática pola asignatura de Álxebra que cursei no ICAI tentando facer enxeñaría industrial aló polo 78-79. Daquela gravábamos códigos en tarxetas perforadas. Lembro introducir moitísimas liñas de códigos para logo imprimir a cara do Ché Guevara. Algunha cousa proveitosa tamén a fixera, si, como a resolución dalgunhas fórmulas sinxelas aínda que complexas de programar.

Outro colega, desta vez nun colexio maior de Madrí, El Pasoti, cordobés, chamounos a atención a moitos dos aloxados nese colexio polo feito de estudar informática. Que é iso? Para que serve? Lembro ben as dores de cabeza das que se queixaba, do pouco gratificante que eran as linguaxes (falaba dunha tal Cobol)...

Logo foi o dun amigo da vida, José (dende hai anos é Joe), de Chimbote (Perú) de pai iuguslavo e nae de Malpica. Foi o do HitBit de Sony, aló polos primeiros '80. Conversando con el hai uns intres, lembraba que o mercara 'pelao', é dicir, viña sen xogos. Estes poderíanse mercar a parte e a prezos elevados. Porén vendíanse revistas con códigos fontes de xogos que manualmente tiñas que introducir no trebello, algo que a Joe custáballe a veces dias para logo non rular. Se tal cousa acontecía, e case sempre lle pasaba, tiña que repasalo todo por mor dalgúns erros cometidos. Cando ao fin rulaba, disfrutaba duns primitivos bonecos movéndose en plan parvo. Ao fin Joe desfíxose do trebello, farto de tanto esforzo e tan pouca compensación.

Abandonada a enxeñaría co primeiro aprobado, estrago dous anos na mili e a seguir comezo facer CC. Económicas, afortunadamente ben mellor pois rematei os cinco cursos en cinco anos, traballando cos meus pais algúns deles e á vez estudando. Todo ben rematado en maio do derradeiro curso aínda que polo medio a cousa fora outra algo distinta. Tras rematar a carreira fixen un curso de Introdución á Informática, todo en MS-DOS. Era o ano 1989.

Mentras cursaba Económicas (daquela na Coruña tiña os tres pimeiros cursos e había que rematar en Santiago os dous derradeiros), outro amigo, Manuel Agrafojo, mostrábame os seus avances en deseño gráfico empregando Windows e Mac, logo co sorprendente Next e finalmente Mac. Hoxe segue a traballar en deseño gráfico con Mac na súa próspera empresa.

Seguirei noutro intre contando os anos previos ata coñecer o Sw Libre en 1997 e, por suposto, tamén o que veu despois.

Chuzame! chuzame -

3 Responses to “A miña andaina no Sw Libre (os primeiros anos escuros)”

  1. Será proveitoso oir de voçé toda a sabiduría .. si xa o di o refrán: “sabe máis o demo por vello que por demo” :) non se enfade, eh! :)

  2. Adoito ter dificultades para enfadarme :-)

  3. [...] A miña andaina no Sw Libre (os primeiros anos escuros) [...]

Leave a Reply