A miña andaina no Sw Libre (os derradeiros anos escuros)
No curso de Introdución á Informática do '89 vira moitas cousas do MS-DOS e, abofé, debería ser un presaxio como outros que viñeron despois, pero non me agradaba nada o de M$. Merquera un libro do MS-DOS, si, practiquei cousas, si, peron non me agradaba.
A finais do ano 1990 meu pai decidiu mercar o primeiro PC que tiven, aínda que fora adicado á tenda e establecido nela. Era un Compaq Deskpro 386 de 20 MHz (sen coprocesador matemático), 100 MB de disco duro, disquetera de 3 1/2" en troques das estándares 5 1/4" e os abraiantes 2 MB RAM. Isto xunto cunha impresora de agullas e un SAI que pesaba toneladas sumaron a nada desdeñable cifra de 1 millón de pesetas... pero finalmente houbo unha rebaixiña na que aforramos unhas 100.000. Xunto ao equipamento houbo que mercar por fóra unha folla de cálculo Borland Quattro Pro, acho que unhas 32.000 ptas con interface ao estilo ncurses, e un programa de xestión comercial do que non lembro o seu custe. Por suposto, mea culpa, o sistema operativo e outras aplicacións eran piratas mais é que por iso estou a calificar estes anos como escuros, non é?
Aproveitei ese equipo para instalar uns primitivos xogos, moi semellantes aos que disfrutaba na sala de recreativos da rúa Estrela, preto da miña casa. Entroume o verme no corpo. O equipo facíase axiña insuficiente en todos os aspectos, sobre todo en canto a RAM, espazo en disco ou a carencia de CD-ROM. Porén, trocalo seguía implicando un forte desembolso e daquela estábamos metidos nunha fase de forte investimento familiar e, polo tanto, con dificultades financieiras.
Espremino moitísimo durante un curso superior de dirección de empresas que fixen coa Escola de Negocios Caixavigo (hoxe, Caixanova) aló polo 94-95. O meu proxecto empresarial esixiu unha morea de horas de adicación en follas de cálculo, xa cunha mellorada Quattro Pro, procesador de textos WordPerfect 5.1... como sempre, o máis lonxe posible de M$, por nada en especial, senón por curiosidade ou calquera outra minucia. Ben lembro que a veces me levaba longos minutos imprimir cada unha das páxinas do proxecto por mor do pobre equipamento e as novas aplicacións, daquela xa gráficas e semellantes ás que hoxe coñecemos.
Algúns colegas de ese curso seguimos unha boa tempada véndonos. Nunha desas quedamos a tomar un algo nunha cafetería que ofrecía conexión a Internet (1994-95?). Foi unha descoberta incríble! Fun varias veces a ese lugar a navegar torpemente, sen saber ben o que facer ata collerlle xeito. Pode que fora o primeiro internet-café da Coruña.
Namentras, os anos pasaban... O meu cuñado deixou un vello 486 clónico con cdrom e 16 MB de RAM, para empregalo nos ensaios do dúo pop-rock que daquela formaba con Susana. Apropieme o que puiden dese PC, pasaba infinitas horas con el. Procurei memoria extra e amplieina ata os 32 MB.
Por encuanto lembro facer buscas na web sobre sistemas operativos e, milagre!, dinme de bruces cun artigo que falaba de Unix, root e unha alternativa free nomeada Linux. Inmediatemente souben dunha comunidade altruista, do proxecto GNU, da distro Slackware e até atopara un artigo amosando como obtela e instalala. Imprimín ese artigo, procurei máis información e fun collendo forzas. Era o remate do verán de 1997, uns meses despois do nacemento de Carla.
chúzame -
En: FLOSS, Hasefroch, Historia(s), Internet, Persoal por Roberto Brenlla

Á espera da seguinte entrega…
Semellan interesantes eses primeiros anos do lado da liberdade
Eu mentes leo vou procurando lembrar como ia crecendo nesas mesmas datas, alleo a todo, un bo exercicio mental para ver o tempo pasado.