A miña andaina no Sw Libre (instalando Slackware 3.2)
Tralos disquetes para arrancar o sistema mínimo viña o asunto de particionar o disco co fdisk como dicía no anterior artigo. Despois tiña que pór a orde setup para entrar no proceso de instalación.
A seguinte fase era elixir o teclado español (souben que teclado dicíase keymap!), o cal non significaba que quedara perfectamente configurado... todo era complicado, moi complicado, sobre todo para alguén como eu que nin usuario avanzado me podía considerar. Mais, como traballaba cun 486 vello, non me importaba destruir o Windows, tampouco creo que fora quen de perservalo se me puxera a ilo. Ese equipo era para ir a saco, tíñao claro.
O formateo incluía opcións como tamaño de bloques, chequeo... Logo era o da selección da fonte de instalación (cdrom) que deixaba como /dev/hdb. A selección de software aparentaba algo máis doado pois viña por grupos. Todo isto facíase desde un menú onde ía elixindo que facer, non era unha sucesión ordenada de pantallas.
Tralo software instalábase o LILO (LInux LOader), o xestor de arranque. Podía voltar ao menú e tentar configurar o GPM (para poder copiar e pegar na liña de comandos), a rede (aínda non tiña nin rede nin conexión a Internet), o fuso horario, etc.
Reiniciaba e si, semella que todo rulaba se non fora porque o arranque hiperinformativo (que morea de mensaxes mostraba! e que cousas tan estrañas!) remataba cun login:. Nada de contorna gráfica! E agora que fago?
Durante un bo tempo fun pouco a pouco meténdome neste tinglado, sen saber ben que facer, sempre lendo e practicando. Porén persevaba a idea de facer un curso de ofimática (comezaría en setembro de1998) e preparaba o investimento dun novo PC co que quería poder xogar aos simuladores de F-1 que tanto me atraían.
Por entón, cando falaba de Linux, GNU e esas cousas, a resposta era de estupefacción: que é iso? Claro, refírome á miña contorna de amizades. Despois sabería que moita xente xa estaba de cheo nisto, mais supoño que case que toda ela tiña perfil técnico...
Nota: Non foi ata primeiros de 1999 cando comecei escribir en libretas (teño máis dunha dúcia cheíñas!), a xeito de diario. Aínda que pasara por varias distros, á Slackware gárdolle un especial cariño, pois con ela fixen de todo: instalar o Apache, usar SSH, compilar o kernel e moitas aplicacións... O que describín ata aquí foi todo de memoria e rescatando algo do posto nas libretas posto que Slackware apenas variou en anos o seu proceso de instalación. Irei resumindo o que veu máis como unha historia e conxunto de anécdotas ca descricións técnicas. Procurarei incluir estas descricións cando ilustren mellor á historia destes anos.
chúzame -
En: FLOSS, Hasefroch, Historia(s), Persoal, Racing por Roberto Brenlla
Antes ou despois terás que explicar, o como eo porque de crear agnix.org, alegrias e disgustos, como foi o camiño… sigue sigue queremos saber máis, dos tempos pasados sempre se aprende.
Eu por esas datas 98-99, nin idea tiña do Gnu+Linux, que va!!! anda a voltas co Win98, programando en VisualBasic e sin entender moi ben de que ia isto da informatica.
Si, debería, debería, mais estouno a meditar. Foron moitas alegrías mais tamén houbo mal rollo por parte dalgúns… e, abofé, non lle desexo a ninguén algunhas cousas polas que pasei. O mellor é que foron moitísimas máis a prol que na contra, téñoo claro. En fin, heino meditar. Se tal o fago máis adiante…
Claro, de forma cronoloxica, que así entendese mellor.
Mal rollo, home se hoxe sigues será porque os bos momentos se sobrepuxeron aos malos ratos, supoño que a xente que te fuxe atopando polo camiño, o mundo recorrido, as experiencias vividas, todo influe na vida dunha persoa e ti sen dubida tes que ter unha morea de todo, e de seguro que de todo iso hai persoas, experiencias, coñecemento, … que non podes olvidar.
O máis importante… sigues na loita e iso xa é unha victoria.