A miña andaina no Sw Libre (’99 foi o ano intenso)

Kernel PanicNo '99 comecei a tomar anotacións regularmente en libretas. Tomeino tan en serio que tan só nese ano completara máis de tres! Todas cheíñas de cousas que consideraba esenciais para a miña aprendizaxe.

Así, por exemplo, enumero algunhas cousas que agora me chaman a atención:

  • Ao LILO (LInux LOader) sempre lle engadía append="mem=128M" para que recoñecera os meus abraiantes 128MB de RAM, tralo cal había que non esquecer executar lilo -v. Obviar ese comando podería significar o non arranque do sistema!
  • Facía probas con múltiples particións e sistemas operativos. Cheguei a ter M$-win, M$-NT, dous GNU/Linux e un FreeBSD. Nada funcional, só para fedellar.
  • Axustar manualmente as frecuencias para as distintas resolucións de pantalla do meu monitor tras unhas configuracións xerais por XF86Setup.
  • Probar distros e distros (isto durante varios anos!)
  • Conectarme á RTB de Arrakis tras configurar o meu módem SupraExpress 56e Pro empregando o programa minicom e editar arquivos como o /etc/ppp/options ou pap-secrets.
  • Axustar a variable de contorna xeral PS1 para dispor de prompts en cores, numerados... en fin, personalizados.
  • Configurar a impresora editando co joe o arquivo /etc/printcap e probala despois con lpr para imprimir, lpq para examinar a cola de impresión...
  • Compilar un kernel desde as fontes cando cada compilación demoraba arredor dunha hora. Alguén lembra do comando make mrproper, ou usar o Don Limpio antes de instalar un novo núcleo? As seguintes ordes eran make xconfig, make dep, make clean, make bzImage, make modules, make modules_install...
  • Sufrir unhas cantas veces un kernel panic.
  • Aprender que o importante para configurar unha tarxeta de son é o chip que leva. Para que a miña tarxeta de son rulase, unha SoundBlaster 128 PCI, compilei o kernel 2.0.36 (?) para os drivers ESS1370. As seguintes tarxetas da mesma marca e nome levaban a ESS1371... Ao fin, puiden facela rular en agosto, medio ano despois de mercar o PC.
  • Idem coa sintonizadora de TV, unha Avermedia que rulou co driver bttv e o programa xawtv. Até puiden decodificar o Canal + con fins educativos grazas á aplicación xawtv-nagra.

Creo que non esaxerara nun artigo anterior ao dicir que a miña aprendizaxe fora vertixinosa. É que viña da case que ignorancia informática!

No seguinte artigo seguirei aínda no '99 pois, a pesar da compaña de Manuel Pumar as fins de semana, non puiden contactar con máis xente interesada. Ben, a verdade é que xa tiña coñecido algunha nunha Arroutada Party da Coruña o ano anterior, o '98... mas não deu certo.

Chuzame! chuzame -

Leave a Reply