A miña andaina no SwL (LinuxMaster no ‘99)
Confirmando o titular do anterior artigo desta serie, o ano '99 foi un ano tan intenso que concluiría cun LinuxMaster en Global, Centro de Especialización Informática y de Empresa, creo que desparecida actualmente. O profesor fora Luis Muelas, o mesmo que me propuxera facer unha distro un tempo despois e ao que eu chamara no 2003 para crear unha asociación. De feito consta como socio fundador de AGNIX aínda que a súa estadía na asociación fora efímera demais.
No '99 xa dispoñía de tempo libre dabondo para adicarme ao SwL. Estaba coa filla polas mañás, daquela con dous aniños, e pola tarde no negocio do meu pai. Alén diso, comezábamos a sair da inestabilidade financieira na que nos atopábamos. Con todo, estaba en condicións ideais para practicar a reo.
Dado que non puiden atopar xente coa que compartir coñecementos, facer o LinuxMaster supoñía unha oportunidade que non podía deixar escapar. O curso comezaba en outubro coa intalación e administración de distribucións, basicamente Slackware, RedHat e SuSE. Decidín no ir porque cría ter os coñecementos suficientes nese apartado concreto. Si fixen o de Traballo en Rede e mailo de Arquitectura cliente/servidor, todo baixo GNU/Linux. Desilusionoume bastante sermos só dous alumnos, eu moi ilusionado, até apaixonado, e outro cun recente título de FP que fora por ir, sen máis.
Aínda así, aprendín moito, con certeza, pois non hai nada como ollar a outro manexando o teclado e preguntarlle continuamente "e iso como se fai?". Instalamos Postgres, Webmin, conectamos redes por NFS e Samba, accedimos por telnet e ssh, configuramos sudo, abrimos accesos para traballar remotamente con aplicacións gráficas... En resumo, moi ben polo aprendido e ruinoso no canto de atopar xente con inquedanzas afíns.
Con estas experiencias e á beira dun novo milenio fun meditando comezar Enxeñaría Informática Técnica pola UNED... mais iso acontecería no 2000.
chúzame -
En: FLOSS, Historia(s), Persoal por Roberto Brenlla
[...] moito no LinuxMaster do 1999 e comecei pensar na posibilidade de aproveitar o tempo libre que tiña facendo a enxeñaría [...]