A Era da cultura hacker
Deixo traducido un artigo de Hernani Dimantas e Dalton Martins tiulado "A Nova Era da Livre Circulação da Informação, Cultura e Conhecimento - A cultura hacker" referido especificamente á contorna de países do hemisferio sur, os países con pobreza.
Confundidos a propósito polo pensamento conservador como invasores de rede, os hackers somos todos os que actuamos para que informacións, cultura e coñecemento circulen libremente. E esta ética de cooperación, post-capitalista, vaise transvasando do Software Libre para toda a sociedade.
Os hackers xurdiron no ambiente universitario. A cultura hacker ten orixes no MIT (Instituto de Tecnoloxía de Massachussets) e noutros laboratorios norteamericanos, como o PARC da Xerox. O movemento hacker coloca o ser humano no centro do universo e pasa a desenvolver toda unha nova relación para satisfacer esta nova variable. Estas son as persoas do software de código libre, estes son os seres humanos de Linux.
Coas contas saldadas é fácil, moi fácil, romper coas estruturas impostas polo capitalismo. Richard Stallman, o gurú da Free Software Foundation, podía priorizar o desenvolvemento dun driver para unha impressora e crebar os modelos da industria de software. No Brasil el morrería de fame.
As orixinalidades das conversacións que acontecen no baixo hemisferio deben ser analizadas por outro viés. Ser hacker é unha forma de supervivencia. Esa análise despégase da cibercultura e entra nas relacións que acontecen na sociedade brasileira. A colaboración é unha estratexia de supervivencia nas periferias. Non vou alargarme nas perversidades das clases dominantes; voume centrar na forma como os brasileiros descobren un atallo para o futuro.
Internet é a opera prima hacker . Este movemento non vai quedar restrinxido á área tecnolóxica. Ser hacker depende do coñecemento inherente da computación. Ten máis sentido pensar no artífice. Na creatividade do ser humano catalizada pola dixitalización da rede.
É lóxico o debate na sociedade virtual que está osmoticamente invadindo a sociedade establecida. Algúns principios do ser humano están sendo transformados. O novo bo-senso acepta a revolución dixital como propulsora dunha nova orde. Acepta a anarquía como unha forma viable de balance entre os poderes. Acepta que o coñecemento debe ser libre e o dereito das persoas comúns a compartir ese coñecemento. Empresas e gobernos fanse moito máis fráxiles fronte a esa realidade. Construíron un verdadeiro muro de Berlín, que divide a sociedade en castas de opresores e oprimidos, de poderosos e débiles, de produtores e consumidores, do ben e mal. Non creo nunha sociedade tan maniqueísta. A multitude hiperconectada racha á ética protestante que axudou á evolución da sociedade industrial. Na Era do Coñecemento, eses valores deben ser substituídos por outra ética. A proposta da sociedade da información é a ética hacker que está sendo adoptada polo movemento do Software Libre.
Para entender esta ruptura dos paradigmas temos que pensar e participar. Un novo sistema está nacendo. Esqueza o vello mando e control. Está xurdindo unha conciencia inequívoca de que a construción de abaixo cara arriba ten moito para ofrecer para o desenvolvemento do proceso colectivo. Unha sociedade que sobrevive e vólvese a crear na súa propia diversidade.
Crear para a sociedade. Facer acontecer independente do retorno financeiro a curto prazo. Calquera persoa cun computador conectado pode participar voluntariamente en proxectos importantes. Todo cambia. Os nenos aprenden a colaborar, a desenvolver proxectos online e a reflictir os seus soños no ambiente web. O mundo virtual non é diferente do noso bo e querido mundo real. Internet está ensinando os usuarios a se inter-relacionasen neste espazo virtual. Non existe secreto, só boa gana e obstinación. Crear para a sociedade. Facer acontecer independentemente do retorno financeiro a curto prazo. É esta a gran novidade. A metodologia de traballo é simple e virtual. Calquera persoa cun computador conectado na rede e cun pouco de coñecemento ten a posibilidade de participar voluntariamente dalgúns proxectos importantes. Sen dúbida é a mellor opción.
Por detrás deste discurso hacker existe unha filosofía. O coñecemento debe ser libre. É dicir moi diferente da ética protestante, para quen o diñeiro ennobrece ao ser humano. De acordo coa xerga hacker ,"a orixinal ética hacker significa a crenza que compartir a información é un ben un poderoso e positivo." Na práctica iso significa un deber ético de traballar baixo un sistema aberto de desenvolvemento, no cal o hacker ofrece a súa creación para que outros usen, proben e continúen o desenvolvemento.
Colaboración é a palabra do século 21. Linus Torvalds causou un alboroto enorme ao liberar o código nunha lista de debates. "Release early and release often" ou "Libere axiña [os resultados do traballo] e libere a miúdo" supuxo un redeseño do modelo de produción. Colaboración como capital social. Colaboración para facer calquera cousa que o desexo provoque. Colaboración como condición de supervivencia.
E con estas prerrogativas outra lóxica emerxe das entrañas da rede. Pois a visión tradicional non concorda cos anhelos da rede e das persoas. Estamos buscando o diferencial. A posibilidade de intercambiar informacións, de opinar, de desenvolver os nosos proxectos con liberdade. Utilizar a voz.
Benvido á Era do Coñecemento Libre.
chuzame -
En: AGNIX, Cultura Libre, FLOSS por Roberto Brenlla
[…] Fonte: asennadas […]