A miña andaina no SwL (2001, IES no Meixueiro)
Trala breve (3 meses) experiencia como substituto en ciclos de Economía na Estrada, seguiría crendo que, sen présa, ía facer enxeñaría informática pola UNED. Mais non tiven nin tempo de coller forzas dado que axiña me chaman de novo para unha nova substitución no IES Ricardo Mella do Meixueiro, preto de Vigo.

Foi moi curioso o tempo que alí pasei pois, en principio, só iría substituir ao xefe de estudos uns quince dias. Porén a súa doenza foi máis grave e finalmente cheguei estar alí ata xullo. Facendo o que? Pois cinco horas de contabilidade como horario lectivo e o resto como xefe de estudos! Incríble! Como é posible que un pringao poida ser xefe de estudos? Ben, a verdade é que non fixen máis ca estar no seu despacho, facer unhas rutinarias anotacións a cotío e logo todo o tempo sobrante para min. E claro, ese tempo ía para fedellar cun portátil que mercara de segunda man ao que lle instalara unha Slackware 7.0 e un FreeBSD.
Nese IES aproveitei para imprimir moitos manuais que se xuntarían á xa ampla colección de libros e revistas (mercábaas todas, mes a mes) que posuía sobre GNU e Linux. Alén diso, o horario era magnífico, traballaba de 18hs ás 22 hs, só iso. Bo soldo e horario de envexa... seino.
Un dos fitos dese ano foi, con certeza, a reunión do departamento de Economía. Nun dos puntos do dia estaba preparar e orzamentar a chegada do Hasefroch XP. A pesares de ser substituto tiven que asistir a dita reunión. Sabía das intencións da migración a XP mais non sabía do rexeite tan acérrimo que tería a miña proposta de migración cara GNU/Linux. Houbo excusas de todo tipo e gusto, como "é que as empresas a onde van ir traballar empregan Hasefroch", "é que todo o mundo emprega Hasefroch"... e non convenceron as miñas razóns de liberdade, independencia tecnolóxica, aforro (+100.000 ptas o XP profesional e algunha cousa máis para un único posto en troques dunha caixa con varios CDs e libros para todo o instituto por 12.000 ptas), etc. Até houbo tensión no debate, demasiada tensión... Era eu contra todos, un pringao contra todos!
Logo souben dunha ulterior xuntanza na que non participaría polo seu caracter, digamos informal, no que o responsable comentaría que para aprender Linux custaría un mínimo dun ano. En fin, aquel dia marcaríame profundamente pois fun un descoñecido para min mesmo, nunca fora quen de enfrentarme a un grupo numeroso en solitario, nunha loita todos contra un, un contra todos.
Nese IES coñecera a outro economista no meu departamento que comezaba interesarse polo SwL e a quen lle instalara GNU/Linux no seu portátil. Mágoa non ser quen de configurarlle axeitadamente as X (contorna gráfica) pois a súa tarxeta gráfica non estaba aínda soportada porque iso deulle forzas a quen rexeitaba a miña proposta de liberdade.
Outra anécdota. Un dos meus compañeiros da xunta directiva quería procurar a letra dun tema country. Procurou en Terra, Lycos... e aínda non coñecía Google. Aliás, ninguén coñecía Google! Daquela estábamos no estoupido bursátil das puntocom. Puxo Google como páxina preferida ao comprobar que lle atopara o que procuraba.
A pesares da tensa experiencia sufrida naquela reunión de departamento, esa substitución lembrareina sempre con moito agarimo pois tiven tempo de mellorar os meus coñecementos técnicos, dispor de tempo de lecer e solidificar a ética da libre transmisión do coñecemento.
chúzame -
[...] A miña andaina no SwL (2001, IES no Meixueiro) [...]