Resultados da reunión coa conselleira de Educación

Para contextualizar é bo que leas antes:

Estes foron os puntos que finalmente tratamos coa conselleira de Educación Laura Sánchez Piñón e que a seguir deixo:

Asunto: Estratexia TIC na Educación galega

Reunión: 22 de febreiro de 2008

DEFICIENCIAS

Comunidade e o profesorado observan as seguintes deficiencias en materia TIC no ensino galego:

  • Herdanzas de políticas anteriores baseadas en pagamentos por licenzas.

  • Non hai seguimento decidido cara a adopción de estándares abertos (UE, PEGSI)

  • Fuga de capitais polo pagamento de licenzas a empresas foráneas.

  • Non se está a cumprir o PEGSI en materia TIC agás, con matizacións, nos servizos centrais.

  • Heteroxeneidade de estratexias e actuacións a diferentes niveis.

  • Escaseza de persoal no SIEGA, só 20 técnicos. Imaxinemos unha empresa cuns 40.000 empregados, canto persoal está adicado aos sistemas e información? Abondaría con vinte?

  • Quen é o persoal TIC nos centros? É adecuado que non sexan profesionais TIC?

  • Non está na actuación da Consellería favorecer a pirataría e os estándares propietarios pero está a acontecer e sen remedio aparente a curto prazo (fuga de capitais).

  • Non se está a cumprir o acordo de goberno de 2005 en materia TIC agás, con matizacións, nos servizos centrais.

  • (…)

SOLUCIÓNS

Comunidade e o profesorado propoñen as seguintes solucións:

  • Analizar os exemplos de Estremadura ou Andalucía en materia de implantación de estándares abertos, independencia tecnolóxica, aforro económico por licenzas, xeración de emprego endóxeno, libre transmisión do coñecemento e, en resumo, ética educativa e política. Sen ir tan lonxe, temos o noso caso de éxito no aforro económico na plataforma PLATEGA.

  • Xerar un Plan de Actuación que implique de facto:

    • Análise funcional cara a estandarización, homoxeneización de estratexias TIC nos centros e independencia tecnolóxica.

    • Multidepartamental, con compromisos firmes e consolidados das partes implicadas.

    • Seguimento que evite a distorsión na interpretación dos obxectivos a acadar

    • Dotar de recursos adecuados. O aforro resultante sufraga con creces o esforzo inicial.

    • Reconversión do actual Plan de Formación cara a consecución de resultados en función dos seus perfís e das súas responsabilidades TIC nos centros.
    • Cumprimento estrito da súa axenda
  • Aproveitar as sinerxias do trinomio «Contidos educativos + sistemas + centros PTIC»

  • Crear un responsable TIC con titulación técnica que atenda un axeitado número de centros.

     

ACTUACIÓNS URXENTES

Comunidade e o profesorado consideran urxente:

  • Incrementar o número de persoal TIC no SIEGA e o persoal técnico nos centros

  • Concretar a distribución de Software Libre elixida para o ensino

  • Promover un Sistema de Información Base Común para todos os centros que favoreza a colaboración e o soporte entre o profesorado

  • Concienciar sobre as bondades dos estándares abertos, o Software Libre e maila libre transmisión do coñecemento como ética educativa.

Asistentes: Benjamín Lois, Carlos Carrión, Manuel Morán e Roberto Brenlla.

Deixo o pdf da Reunión Conselleira de Educación, Laura S. Piñón – 20080222.

Os que alí estivemos saímos moi satisfeitos de como trancorreu a hora que tivemos pois o cordial interese amosado foi confirmado polas constantes solicitudes de ampliación de información a cada punto tratado ou a cada anécdota contada. Foi do sentir unánime a naturalidade coa que axiña nos atopamos. Sorprendeunos que xa empregara sistemas libres durante a súa estadía en Cambirdge.

Entre os compromisos asumidos, a conselleira confirmou que ampliará información sobre o Sw Libre e a súa ética, aproveitará unha viaxe que ten por facer a Andalucía para comprobar as súas experiencias en materia educativa e TICs libres, replantexará o actual Plan de Formación especialmente nestas materias e tamén emitirá un comunicado oficial da Consellería.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Puntos a amosar á conselleira de Educación

Tras case que un ano despois de poder abrir unha porta adecuada na Consellería de Eduación, hoxe imos alomenos catro persoas a unha entrevista coa súa responsable, Laura Sánchez Piñón.

O que aconteza no Ensino galego preocupa e implica a diversas contornas: alumnado, profesorado, APAs e, como non, a quen defendemos a adopción de estándares abertos, a libre transmisión de coñecemento e as tecnoloxías libres, nomeadamente o SwL.

Estas foron as principais motivacións á hora de tentar establecer a canle adecuada coa que poder expresar varias inquedanzas que posúen determinados colectivos. Así, en marzo do 2007 mantivemos unha primeira xuntanza varios GUGLs e profesores a título persoal defensores de SwL con representantes do SIEGA. Ao remate do ano pasado houbo unha segunda entrevista onde foise concretando a estratexia a seguir.

Hoxe imos á reunión Benjamín Lois do SIEGA, os profesores Carlos Carrión e Manuel Morán e eu, en certo xeito representando á comunidade.

Decimos incluir unha serie de puntos a tratar nesta xuntanza, seguindo a orde: análise de deficiencias, proposta de solucións e medidas urxentes. Este é o documento revisado cos puntos a tratar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

RedHat anuncia Publican

Logo RedHatRedHat vén de presentar Publican, a ferramenta que emprega no seu proceso de documentación.

Publican produce libros baseándose no coñecido DocBook XML e o seu obxectivo é a xeración doada de documentación que acompañe aos desenvolvementos, con capacidades de exportación a PDF e HTML.

Jared Smith, integrante do proxecto de documentación de Fedora, sinala que antes demoraba entre 2o ou 30 horas preparar a documentación en DocBook XML e agora co Publican faino en apenas 15 minutos!

Chuzame! A Facebook A Twitter

A miña andaina no SwL (LinuxMaster no ’99)

Confirmando o titular do anterior artigo desta serie, o ano ’99 foi un ano tan intenso que concluiría cun LinuxMaster en Global, Centro de Especialización Informática y de Empresa, creo que desparecida actualmente. O profesor fora Luis Muelas, o mesmo que me propuxera facer unha distro un tempo despois e ao que eu chamara no 2003 para crear unha asociación. De feito consta como socio fundador de AGNIX aínda que a súa estadía na asociación fora efímera demais.

No ’99 xa dispoñía de tempo libre dabondo para adicarme ao SwL. Estaba coa filla polas mañás, daquela con dous aniños, e pola tarde no negocio do meu pai. Alén diso, comezábamos a sair da inestabilidade financieira na que nos atopábamos. Con todo, estaba en condicións ideais para practicar a reo.

Dado que non puiden atopar xente coa que compartir coñecementos, facer o LinuxMaster supoñía unha oportunidade que non podía deixar escapar. O curso comezaba en outubro coa intalación e administración de distribucións, basicamente Slackware, RedHat e SuSE. Decidín no ir porque cría ter os coñecementos suficientes nese apartado concreto. Si fixen o de Traballo en Rede e mailo de Arquitectura cliente/servidor, todo baixo GNU/Linux. Desilusionoume bastante sermos só dous alumnos, eu moi ilusionado, até apaixonado, e outro cun recente título de FP que fora por ir, sen máis.

Aínda así, aprendín moito, con certeza, pois non hai nada como ollar a outro manexando o teclado e preguntarlle continuamente «e iso como se fai?«. Instalamos Postgres, Webmin, conectamos redes por NFS e Samba, accedimos por telnet e ssh, configuramos sudo, abrimos accesos para traballar remotamente con aplicacións gráficas… En resumo, moi ben polo aprendido e ruinoso no canto de atopar xente con inquedanzas afíns.

Con estas experiencias e á beira dun novo milenio fun meditando comezar Enxeñaría Informática Técnica pola UNED… mais iso acontecería no 2000.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Google promove o Photoshop para GNU/Linux

Hai que case que unanimidade á hora de afirmar que a aplicación máis ansiada que debería dispór GNU/Linux é un subsituto de Photoshop. Porén non todos coincidiremos en como telo.

Agora Google patrocina o desenvolvemento específico de Wine para que poida executar doadamente esa aplicación privativa da que Adobe, a súa propietaria, non amosa trazos de liberar.

Hai varias aplicacións desexadas en SwL comezando polo propio Photoshop e seguindo co AutoCAD, Dreamweaver e Macromedia Studio, etc.

É evidente a necesidade de aplicacións libres ao xeito das nomeadas mais a calquera prezo? Idealmente deberían crearse substitutos libres e con interface semellante para facer trivial a evolución a SwL. Mais hai quen considera axeitado ir tapando ócos con medidas inmediatas á vez que provisionais. Tamén é certo que aínda hai outras alternativas pois, por exemplo, dia a dia é máis viable a execución de máquinas virtuais coas que executar aplicacións doutro sistema operativo.

Dá para debate.

A fonte apunta cara este artigo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ODF pode chegar ser norma brasileira (alén da ISO)

ODFO debate ODF vs OOXML non rematou. O primeiro xa é estándar ISO 26300:2006 e comeza ser adoptado amplamente por diferentes estados e gobernos rexionais como se pode comprobar neste PDF co relatorio anual ODF de 2007. Lido superficialmente, en España só aparece a admirada Estremadura.

Pola contra, o OOXML da M$ foi rexeitado como estándar mais aínda ten unha derradeira oportunidade na vindeira semana en Suiza. Daí que estemos de novo a voltas coa súa aprobación ou rexeite definitivo.

Por aquí apenas temos a metade da repercusión que houbera na primeira votación, se cadra confiados demais, descontando o seu rexeite como algo que acontecerá con certeza.

Onte aconteceu no Brasil o debate ODF vs OOXML no Rio de Janeiro onde, unha vez máis, han votar negativamente na contra do OOXML.

De todo isto fun informado polo amigo Claudio F. Filho pois é un dos técnicos que avaliou o OOXML para a ABNT (Associação Brasileira de Normas Técnicas). Contou tamén que o ODF irá a consulta pública para se convertir en norma brasileira de imperativo cumprimento.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mozilla Messaging

ThunderbirdMeses depois do seu anuncio inicial, a Fundación Mozilla presenta o proxecto Mozilla Messaging. Con isto Mozilla pode separar os seus esforzos en dúas bandas principais, o navegador Firefox e mailo espazo de mensaxería e comunicacións.

A vindeira versión 3.0 do Thunderbird terá importantes melloras, axenda integrada, motor de buscas, etc. Para facelo posible Mozilla Messaging comeza cun equipo de desenvolvemento pequeno que traballará en paralelo coa comunidade.

O nome inicial MailCo trocou ao de Mozilla Messaging para reflictir que ‘tanto unha iniciativa de Mozilla como que estamos a centrarnos na mensaxería e comunicacións como un todo, non só correo-e

Fonte.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A miña andaina no Sw Libre (’99 foi o ano intenso)

Kernel PanicNo ’99 comecei a tomar anotacións regularmente en libretas. Tomeino tan en serio que tan só nese ano completara máis de tres! Todas cheíñas de cousas que consideraba esenciais para a miña aprendizaxe.

Así, por exemplo, enumero algunhas cousas que agora me chaman a atención:

  • Ao LILO (LInux LOader) sempre lle engadía append="mem=128M" para que recoñecera os meus abraiantes 128MB de RAM, tralo cal había que non esquecer executar lilo -v. Obviar ese comando podería significar o non arranque do sistema!
  • Facía probas con múltiples particións e sistemas operativos. Cheguei a ter M$-win, M$-NT, dous GNU/Linux e un FreeBSD. Nada funcional, só para fedellar.
  • Axustar manualmente as frecuencias para as distintas resolucións de pantalla do meu monitor tras unhas configuracións xerais por XF86Setup.
  • Probar distros e distros (isto durante varios anos!)
  • Conectarme á RTB de Arrakis tras configurar o meu módem SupraExpress 56e Pro empregando o programa minicom e editar arquivos como o /etc/ppp/options ou pap-secrets.
  • Axustar a variable de contorna xeral PS1 para dispor de prompts en cores, numerados… en fin, personalizados.
  • Configurar a impresora editando co joe o arquivo /etc/printcap e probala despois con lpr para imprimir, lpq para examinar a cola de impresión…
  • Compilar un kernel desde as fontes cando cada compilación demoraba arredor dunha hora. Alguén lembra do comando make mrproper, ou usar o Don Limpio antes de instalar un novo núcleo? As seguintes ordes eran make xconfig, make dep, make clean, make bzImage, make modules, make modules_install…
  • Sufrir unhas cantas veces un kernel panic.
  • Aprender que o importante para configurar unha tarxeta de son é o chip que leva. Para que a miña tarxeta de son rulase, unha SoundBlaster 128 PCI, compilei o kernel 2.0.36 (?) para os drivers ESS1370. As seguintes tarxetas da mesma marca e nome levaban a ESS1371… Ao fin, puiden facela rular en agosto, medio ano despois de mercar o PC.
  • Idem coa sintonizadora de TV, unha Avermedia que rulou co driver bttv e o programa xawtv. Até puiden decodificar o Canal + con fins educativos grazas á aplicación xawtv-nagra.

Creo que non esaxerara nun artigo anterior ao dicir que a miña aprendizaxe fora vertixinosa. É que viña da case que ignorancia informática!

No seguinte artigo seguirei aínda no ’99 pois, a pesar da compaña de Manuel Pumar as fins de semana, non puiden contactar con máis xente interesada. Ben, a verdade é que xa tiña coñecido algunha nunha Arroutada Party da Coruña o ano anterior, o ’98… mas não deu certo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Trocando o enderezo MAC dunha interface de rede

ifconfig Os ISP´s (Internet Service Provider), ou «fornecedores de servizos de Internet», son as empresas adicadas a conectar ós usuarios a Internet, e dar outras prestacións relacionadas coa rede (venda de dominios web, etc.). Algúns deles emparellan o enderezo físico MAC (Media Access Control) dunha interface de rede a unha IP ou de Protocolo de Internet.

Isto pode ocasionar varias incomodidades. Por exemplo, imaxina que mudas de interface de rede por outra mellor. Neste caso pode que perdas a posibilidade de conectarte ao teu ISP e polo tanto a Internet. Hai pouco un amigo tivo que facelo tras conectarse á mañá a unha WiFi dun centro comercial e á tarde non podía ata que trocou a MAC da súa interface.

Con SwL normalmente podes modificar o valor dese enderezo MAC que vén de fábrica. Como facelo? Comeza copiando o campo actual HWaddr que obtés coa saída do comando ifconfig, por exemplo, 00:15:00:3C:EA:A5. Tras isto, descativa esa interface:
ifdown eth0
Sustitúe a interface pola nova e asócialle o enderezo MAC que atoparas antes,
ifconfig eth0 hw ether 00:15:00:3C:EA:A5
tralo que só tes que volver activala,
ifup eth0

Comproba que a nova interface ten a MAC que querías:
ifconfig eth0 | grep HWaddr

Chuzame! A Facebook A Twitter

Historia das Interfaces Gráficas de Usario (GUIs)

Xa que estou a relembrar e compartir un chisco do meu humilde pasado, pode ser adecuado rescatar este documento PDF que publiquei en AGNIX (tamén en Br-Linux e Viva O Linux) no 2005.

X-Window System 1984

Historia das GUIs (ata 2005)

Como di na súa sección ‘Referenzas’, está baseado netes artigos:

Chuzame! A Facebook A Twitter

A miña andaina no Sw Libre (’98-’99, libros, revistas e internet)

A miña implicación co SwL foi aumentando exponencialemente aínda que con moita dificultade por mor de non dispoñer de ninguén na miña contorna que me axudara ou, como mínimo, compartira experiencias.

Seguía xogando con simuladores de F-1 nun Pentium I á vez que aprendía cousas coa Slackware no 486, lendo howtos, páxinas man e practicando. Souben entrar en modo gráfico grazas ao startx que puiden facelo rular na enésima tentativa tras probar diversas configuracións das XFree. O xestor de fiestras era Fwwm95. Todo iso sen aínda ter conexión a internet na casa…

Xestor de fiestras Fwwm95

En setembro de ’98 comezo un curso de ofimática, algo que á larga só aproveitaría ata finais dese ano, estragando o que restaba de curso do ’99 porque a miña adicación ía medrando para GNU/Linux e, cada vez menos, aos simuladores e nada á ofimática.

No ’98 mercara o meu primeiro libro sobre SwL, Manual Avanzado de Linux por Raúl Montero da editorial Anaya, baseado na Salckware 3.4. E tamén a miña primeira revista, o nº 5 de Linux Actual por 995 ptas que hoxe conservo. Era carísima pois a PC-Actual vendíase a toda cor por menos da metade de prezo e co cuádriple de páxinas! Na portada da revista aparecía o KDE-1.0 e incluía como artigos «Etx2: El sistema de archivos de Linux al detalle«, «Curso de programación en Tcl/Tk» e un cdrom coa terceira entrega da Debian 2.0 Hamm. A partir de decembro ’98 tamén comecei mercar Sólo Programadores Linux, era a nº 4 e viña cun cdrom co Netscape 4.08, StarOffice 5.0 e o KDE-1.2.

A primeiros do ’99 merquei un P-II a 350 con 128MB RAM. Daquela vendíanse normalmente con 32MB, raramente con 64MB. Por suposto, negueime a pagar licenza por Windows aínda que recoñeza que logo o pirateara para poder instalar os meus xogos de F-1. Elexín Arrakis como ISP para o meu acceso a internet a 56K con tarifa plana nocturna.

Axiña fun entendo o do modelo de negocio no SwL pois ao pouco mercaba unha distro española, ESware, baseada en RedHat e case de contado un novo libro, La Biblia de RedHat de David Pitts. Por entón non gastara nin a décima parte co sw privativo!

Xa tiña o verme no corpo! Todo era ler, subliñar, practicar, procurar na web, ler, marcar páxinas, preguntar nos newsgroups e mercar máis libros e todas as revistas. O que teño eu de libros, revistas e cds, mimá! Na primavera do ’99, por fin, comezaba facer quedadas as fins de semana con Manuel Pumar, o mantedor de sistemas da academia Samicro.

O meu xogo preferido xa era o SwL!

Chuzame! A Facebook A Twitter

A miña andaina no Sw Libre (instalando Slackware 3.2)

Tralos disquetes para arrancar o sistema mínimo viña o asunto de particionar o disco co fdisk como dicía no anterior artigo. Despois tiña que pór a orde setup para entrar no proceso de instalación.

A seguinte fase era elixir o teclado español (souben que teclado dicíase keymap!), o cal non significaba que quedara perfectamente configurado… todo era complicado, moi complicado, sobre todo para alguén como eu que nin usuario avanzado me podía considerar. Mais, como traballaba cun 486 vello, non me importaba destruir o Windows, tampouco creo que fora quen de perservalo se me puxera a ilo. Ese equipo era para ir a saco, tíñao claro.

O formateo incluía opcións como tamaño de bloques, chequeo… Logo era o da selección da fonte de instalación (cdrom) que deixaba como /dev/hdb. A selección de software aparentaba algo máis doado pois viña por grupos. Todo isto facíase desde un menú onde ía elixindo que facer, non era unha sucesión ordenada de pantallas.

Tralo software instalábase o LILO (LInux LOader), o xestor de arranque. Podía voltar ao menú e tentar configurar o GPM (para poder copiar e pegar na liña de comandos), a rede (aínda non tiña nin rede nin conexión a Internet), o fuso horario, etc.

Reiniciaba e si, semella que todo rulaba se non fora porque o arranque hiperinformativo (que morea de mensaxes mostraba! e que cousas tan estrañas!) remataba cun login:. Nada de contorna gráfica! E agora que fago?

Durante un bo tempo fun pouco a pouco meténdome neste tinglado, sen saber ben que facer, sempre lendo e practicando. Porén persevaba a idea de facer un curso de ofimática (comezaría en setembro de1998) e preparaba o investimento dun novo PC co que quería poder xogar aos simuladores de F-1 que tanto me atraían.

Por entón, cando falaba de Linux, GNU e esas cousas, a resposta era de estupefacción: que é iso? Claro, refírome á miña contorna de amizades. Despois sabería que moita xente xa estaba de cheo nisto, mais supoño que case que toda ela tiña perfil técnico…

Nota: Non foi ata primeiros de 1999 cando comecei escribir en libretas (teño máis dunha dúcia cheíñas!), a xeito de diario. Aínda que pasara por varias distros, á Slackware gárdolle un especial cariño, pois con ela fixen de todo: instalar o Apache, usar SSH, compilar o kernel e moitas aplicacións… O que describín ata aquí foi todo de memoria e rescatando algo do posto nas libretas posto que Slackware apenas variou en anos o seu proceso de instalación. Irei resumindo o que veu máis como unha historia e conxunto de anécdotas ca descricións técnicas. Procurarei incluir estas descricións cando ilustren mellor á historia destes anos.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp