BookCrossing, compartindo libros sen Internet
Vendo o programa da TVG presentado por Manolo Romón, Libro Aberto, relembro unha iniciativa que está a medrar rapidamente desde o 2001. BookCrossing (na Wikipedia inglés) ten case que todas as mesmas características das redes P2P agás o imprescindible destas, a conexión a Internet.
BookCrossing (na Wikipedia en castelán) é a práctica de deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo. A idea é liberar libros "na xungla" para que sexan atopados por outras persoas, normalmente estrañas.
Se alguén decide liberar un libro vía BookCrossing, terá que rexistralo para conseguir un BCID (número de identificación de BookCrossing) que será o que identifique ese exemplar concreto na base de datos do sistema. Ese número de rexistro lévao o libro escrito, directamente no interior da cuberta ou ben nunha etiqueta na que se pide á persoa que o atope que entre na web de BookCrossing e escriba un pequeno apunte para notificar o achado e finalmente remate liberando o libro.
Resúltame curioso comprobar que o BookCrossing e outros sistemas relacionados posúen obxectivos afíns, cando non idénticos, aos que perseguen as redes P2P e até o SwL. Compartir, liberar, facilitar o acceso á cultura, etc, son fins comúns, esenciais, incuestionables nesta revolucionaria Era da Hiperinnovación que estamos a vivir.
Aínda sendo contornas distintas, o mundo dixital e mailo real están a confluir, aprendendo un doutro para acadarmos maiores cotas de liberdade.
chúzame -
En: AGNIX, Cultura Libre, Internet por Roberto Brenlla
Leave a Reply