A miña andaina no SwL (2003, nace AGNIX)
Tal como comentara no derradeiro parágrafo deste artigo, atopar unha nova sobre SwL nun xornal como El País supuxo un punto de inflexión determinante. Xa dixen, daquela semellaba que na nosa comunidade non se facía nada para dar a coñecer á alternativa tecnolóxica libre. Digo 'semellaba' porque evidentemente si se facía aínda que se cadra sen a desexada difusión mediática. Exacto, cría que a difusión era unha das maiores tarefas por diante para que chégasemos ter algo semellante ao que o xornal comentaba sobre Estremadura.
Daí que decidira probar a comentalo nalgúns concellos. Fun a varios deles, petei portas pechadas e, nos que decidiron abrilas para escoitarme, deixaba todas as miñas ideas. Axiña comprobei que era necesario deixar esas ideas faladas resumidas nun texto con linguaxe comprensible e directa. Fíxeno pero tampouco abondaba. Daí unha nova consecuencia, tiña que atopar unha mínima masa crítica para levar adiante a difusión. Unha asociación sen fins lucrativos podería ser o idóneo mais, como coñecer e implicar á xentes nunha nova asociación?
Seguín por esta vía e comenteino coa pouca xente que coñecía. Os que comezamos non coincidimos nas formas: uns desexaban enfocalo a nível empresarial e eu non quería meterme neses líos, só desexaba crear unha asociación porque tiña a sorte de ter cobertas as costas en termos económicos. Entendía que non todo o mundo querería implicarse nalgo a cambio de nada e daquela podería ser necesario engadir á asociación un proxecto empresarial.
Porén, ao pouco tempo todo tomou outro rumbo por mor das profundas discrepancias internas dos que conformábamos o grupo inicial. Hoxe, desde o meu punto de vista, afortunadamente houbo que refacelo todo case que desde cero. Así, naceu AGNIX.
Escribín nas webs dos GLUGs galegos para presentar o proxecto "GNU/Linux para O Pobo", comecei escribir artigos e novas a cotío, fun falar con todos os grupos políticos (sen coñecer ninguén en ningures!), seguín petando en portas de concellos e noutras de diferentes institucións... Así ata chegar á unha xuntanza de asociacións para loitar contra a posible aprobación das Patentes de Sw en Europa. Indirectamente desa xuntanza saiu o embrión das futuras "I Xornadas de SwL para o Ensino Secundario".
Nota: Evitei adrede entrar en detalles, sobor de todo nomeando persoas e determinados feitos. Do que aconteceu despois deixo unha ligazón a un artigo que me pediron para Código Cero na súa edición impresa (páxina 4 do PDF).
chúzame -
En: Amizade, Eventos, FLOSS, Galicia-Galiza, Persoal por Roberto Brenlla
Leave a Reply