Privacidade vs. Redes Sociais
Lembro dos consellos que se daban máis ou menos unha década atrás: "Non colgues unha foto en Internet!" Decíase porque poderían empregala, modificala e distribuila con supostos fins perversos... Hoxe, moitos temos fotos colgadas 'publicamente' en servizos moi estendidos, como Flickr ou Picassa. Que pasou?
Iso lévame a meditar e facer aínda outras preguntas, non sempre co ánimo de respostalas, tan só expoñelas enriba do tapete.
Por unha banda, desexamos unha Internet sen control de potencias externas, temos inquedanzas pola posible manipulación que poideran facer e desexamos navegar na rede con privacidade (máxime nas nosas compras ou xestións bancarias) e anonimato. Moita xente adopta alcumes (nicks), algúns tan común como as do tipo 'palabriña_números' pois 'palabriña' xa tivo alguén que a pillara antes. Outros empregan proxys anónimos que enmascaran o seu enderezo IP para non deixar rastros...
Pola outra banda está o auxe das redes sociais, abundan blogs onde cada quen amosa as súas opinións persoais (eu mesmo estou a facelo agora!), proliferan servizos para que compartas gustos musicais (Last.fm...), o que estás a facer nun intre concreto (Twitter...), novas que che interesan dar a coñecer (Chuza!, Menéame...), os teus marcapáxinas, as túas preferencias multimedia e até as túas necesidades de contactos persoais ou o teu propio CV (LinkedIn, Xing...).
Que está a acontecer? Está unha a predominar frente á outra? Son compatibles? Se cadra a inxente cantidade de internautas incentiva o oposto, é dicir, darse a coñecer, sairmos do anonimato para, de paso, beneficiarnos das sinerxias producidas por estar en rede emailos beneficios da cibercultura. Ten temor a ser descoberta aquela persoa que vai de peito aberto porque é sana, sincera e non lle importa que unha parcela da súa vida sexa pública? É iso? Temos na rede unha parte publicable e outra non, cada vez máis semellante ao que acontece na vida real? Cando comezamos a navegar por Internet desconfiábamos porque non a coñecíamos e agora, xa experimentados, percibimos certa comodidade? É o ciberespazo tan grande para que cada un de nós pasemos desapercibidos xunto ás nosas publicacións e confesións persoais? É tan grande para sentirnos anónimos a pesares de publicar gustos, fotos e demais? Que hai da impresionante velocidade de cómputo da tecnoloxía? Que pode facer esta con todos os datos e rastros que imos deixando nas redes sociais co paso do tempo? Abondaría para obter de nós un perfil moi preciso? Favorecen as novas tecnoloxías as comunicacións privadas?
Que efectividade ten a LOPD (Lei Orgánica de Protección de Datos) se moitos de nós imos espallando os nosos datos persoais? É que, como na vida real, compartimos partes da nosa intimidade con algúns e con outros non? Ten algún sentido iso se Internet é accesible por todos?
Moitas máis cuestións podería engadir pero, desde o meu punto de vista e mailo meu xeito de entender e vivir a vida, pouco ten que agochar alguén que vai de peito aberto, é dicir, con a certeza subxectiva de que non fai mal a ninguén. E, se o fixera, (digo eu) faría ben en publicalo para que o rebatiran e daquela poidera rectificar, procurando facelo ben na vindeira oportunidade.
Alén de todo, as nosas vidas son tan efímeras... será por iso?
chúzame -
Decido deixar esta ligazón por tratar temas paralelos aos que mencionei no artigo:
(IN)segurança Digital
Artigo que tem como tema a questão da segurança (ou a falta dela) na era da informação, também analisando a questão da privacidade, da autodeterminação e soberania dos povos, na era da informação.
http://www.vivaolinux.com.br/artigos/verArtigo.php?codigo=8088
[...] Fixen unha tradución non literal deste artigo, atopado grazas a esta fonte, misturando algo co meu parecer porque sinala varias das cuestións que recentemente puxen de manifesto no artigo “Privacidade vs. Redes Sociais”. [...]