Atopar arquivos procurando polo texto que conteña

Tras recuperar arquivos borrados nun disco duro empreguei a ferramenta Foremost. Esta déixame todos os resultados clasificados en cartafoles nomeados segundo a súa extensión (avi, mpg, jpg, png, zip…). Porén pérdense os nomes orixinais deses arquivos co que fai complexo demais atopar documentos gardados. Tamén hai que notar que moitos dos arquivos en formato estándar ODF son recuperados baixo o directorio ‘zip’.

Daquela, para ir á procura de determinados arquivos dos que sabía partes dun texto fixen:

cd ~/FOREMOST
find . -type f -exec grep -l "TEXTO" {} \; -print > ~/saida.txt

(supoñendo que o directorio onde recuperaches os arquivos do teu disco duro fora ‘FOREMOST’)

Agora só tes que ler o contido do arquivo «saida.txt» para atopares os arquivos que estabas a procurar.

O anterior é válido para faceres procuras de arquivos polo texto que conteña e tamén como continuación do artigo que publiquei en AGNIX referido ao Foremost:

Un esaxerado exceso de confianza fíxome perder unhas semanas atrás gran parte dos meus datos en copias de seguridade. Aínda sen decatarme dese erro decido instalar a nova versión de Ubuntu e, cando vou integrar os datos da miña copia de seguridade, comprobo que… case que a metade deles desapareceran! Desastres deste tipo pásanlle a calquera e senón pregúntalle ao propio Linus cando borrou por un despiste todo o traballo de meses de desenvolvemento por adoitar traballar como root…

Informeime das ferramentas existentes coas que tentar recuperar eses datos. Óscar Casal aconselloume Foremost pois recupera moitos formatos e é quen de traballar con varios sistemas de ficheiros, incluidos os ext3, fat, ntfs.

Foremost é moi leve, apenas 49 KB en tar.gz, está dispoñible en case que todas as distros e pode se executar empregando un cd-vivo.

A partición que quería recuperar era a terceira dun disco duro externo, en concreto o sdb3. Os datos recuperados hanse recoller noutro dispositivo. Daquela púxenos nun directorio nomeado FOREMOST.

Fixen:

mkdir FOREMOST
sudo foremost -d -v -q -i /dev/sdb3 -o FOREMOST/

Cando remate o seu traballo (adoita durar horas!) doulle os permisos oportunos a eses arquivos e directorios.

sudo chown -R brenlla:brenlla FOREMOST/

Foremost recupera un monte de formatos de arquivos: jpg, gif, png, bmp, avi, exe, mpg, wav, riff, wmv, pdf, ole (entre éstes PowerPoint, Word, Excel, Access e StarWriter), doc, jar, zip (lembra que o OpenOffice.org comprime con zip os arquivos XML e daquela varios zip serán arquivos OOo, incluidos SXW, SXC, SXI e SX? para os arquivos OOo indeterminados), rar, htm, cpp. Non recupera directamente ODT, ODP… pero atopei esta vía que explica como facelo aínda que para ilo sexa necesaria a axuda dalguén con perfil técnico :-)

Despois de todo este proceso aínda resta facer un traballo artesanal de reubicación e renomeo dos arquivos atopados. Menos mal que foremost os vai colocando en directorios específicos!

Tes máis informacións sobre estes casos aquí.

A importancia disto é tal que ao redor destes problemas hai toda unha órbita de empresas especializadas na recuperación de datos.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

One Response to “Atopar arquivos procurando polo texto que conteña”

  1. [...] Borrar datos cun sinxelo ‘rm’  ou até formatar de novo o un disco duro non abonda para teres a certeza de que os datos no disco non sexan recuperables empregando ferramentas especializadas como ‘foremost’. [...]

Olark Livehelp