Propietario ou Privativo?
Un dos erros máis estendidos á hora de diferenciar o Sw entre Libre (aínda que xuntemos eiquí ao de Código Aberto non 100% libre) e os demais é nomear a estes últimos como Sw Propietario.
Entón, que quere dicir isto? É que o SwL NON ten propietarios? Ah, si teñen propietarios, houbo alguén que o fixo e o segue a facer. Se é así, daquela son os dous Propietarios? Os dous recoñecen o Dereito de Autor. Que hai de errado nisto? Realmente o único errado é xustamente o sentido que lle pretende dar o seu uso habitual pola sociedade.
Se un olla na entrada da Wikipedia o termo "Dereito de Autor" (está en castelán) compróbase que restrinxe o Dereito de Autor ao ámbito do coñecido Copyright, tanto así que a propia ligazón inclúe ese termo. Porén ao final da entrada dase unha ligazón a algo máis adecuado cuxo título é "Right o Left?" de Rebelion.org.
Segundo sinala Víctor Salgado (Pintos & Salgado), con quen compartín uns minutos onte, "a licenza libre GPL é a auténtica esencia do Dereito de Autor" posto que amosa ás claras a potestade que ten o propietario da obra, neste caso Sw, de elixir o que si ou non se pode facer con ela.
Adoro o nome Privativo acuñado (ou alomenos divulgado) por Richard. M. Stallman! É, baixo o meu punto de vista e con algunha obxección, o máis adecuado para aclarar o que hai detrás dos distintos Sw amparados polo Dereito de Autor: uns privan de dereitos e outros outorgan dereitos. Daquela un é Privativo e outro é Libre, mais os dous son Propietarios. Velaquí a diferencia!
Esforcémonos en chamar ás cousas polo seu nome correcto, o mesmo que xa facemos con hacker e cracker, expliquémolo á xente. É tan importante isto que gran parte desa mesma sociedade cre que o libre NON ten propiedade e, por tanto, pode facer con el o que queira!
Ollo señorías TIC que aínda non comprededes o que é SwL en toda a súa extensión, tede moito coidado con violar o Dereito de Autor das licenzas libres. Non vaia ser que vos denunciemos en GPL-Violations ou poñades en perigo o voso negocio enteiro, como pode acontecer no caso McAfee, por empregar códigos abertos e libres no seu Sw comercial.
chuzame -
En: AGNIX, Amizade, Cultura Libre, FLOSS, Internet, Persoal por Roberto Brenlla

[…] hoxe mesmo escribín un artigo titulado “Propietario ou Privativo?” advertindo de violacións da GPL por confundiren SwL con que “podo facer o que queira con […]
[…] é SwL protexido pola licenza GPL a xeito de disco de arranque (disquete ou cdrom) de doado manexo porque só tes […]
[…] plugin en si ten licenza GPL e aínda que conecte Sw Privativo con Sw Libre é algo expresamente admitido pola […]
[…] confirmaba o acordo con Hasecorp para que o portátil para cada neno leve un sistema operativo privativo Window$ XO, Walter Bender, antigo presidente dese mesmo proxecto, tamén anuncia o Sugar Labs. […]