Denunciei (presunta) violación da GPL
Merquei un disco duro multimedia Differo que semella ser a marca de distribución en España do HMR-700A da coreana Elliot Digital Inc.
Mentres fedellaba con el chamoume a atención algún directorio do estilo 'tmpfs', as barras separadoras do estilo *nix, é dicir '/' e cousas así. Polo tanto non foi moita sorpresa conectar vía USB ese disco duro ao meu portátil e atopar directorios montados cos nomes "lost+found" ou até un evidente "LinuxUDF".
Procuro en todo o material que me deron (guía impresa, mini-cd con instrucións...) e nada atopo de GPL, nin de Linux, nin gaitas...
Tras isto consulto con Víctor Salgado (avogado-socio de Pintos & Salgado) e a súa resposta foi clara:
En canto ao asunto que me comentas do Disco Duro, semella evidente outra nova violación da licenza GNU, dado que teñen a obriga de publicar os seus traballos e/ou desenvolvementos con base na mesma e incluíndoa expresamente.
Isto xunteino ao seu traballo que publiquei nesta entrada que inclúe este perágrafo:
"Por exemplo, se se distribúen copias dun destes programas, sexa gratuitamente, ou a cambio dunha contraprestación, débese dar aos receptores todos os dereitos que se teñen sobre a mesma. Débese asegurar que eles tamén reciben, ou poden conseguir, o código fonte do programa. E débense mostrar estas condicións de forma que coñezan os seus dereitos."
Estes feitos foron comentados onte durante a comida de TEGNIX e non houbo unanimidade... Porén tras o que me dixo Víctor Salgado, experto nesta materia, decidín contactar coa empresa coreana para logo decontado dicilo á GPL-Violations nesta mensaxe (contén erros de inglés escrito ás presas).
Veremos como remata a cousa. Teño curiosidade por saber se estou errado ou se hai un novo caso de incumprimento da GPL.
chuzame -
En: AGNIX, FLOSS, Galicia-Galiza, Historia(s), Persoal, TEGNIX por Roberto Brenlla
Leave a Reply