Imaxina… NO COPYRIGHT
O venerado profesor da Universidade de Utrecht Joost Smiers é coñecido principalmente polo seu libro de título «Un mundo sin copyright. Artes y medios en la globalización» (edición en castelán).
Foi o propio Javier de la Cueva quen me recomendou ese título e estoutro que veño de mercar: «Imagine… NO COPYRIGHT«.
Libro que defende o «NO COPYRIGHT» ten copyright restritivo!
E agora vén a fea anécdota: o libro ten coyright restritivo, como calquera outro! Por que? Nas verbas de Smiers:
«Non estou soñando, entendo que neste momento o mundo é copyright, e o editor debe facer o que lle permita protexer os seus dereitos«.
É cousa só do editor? Non había outro camiño?
Entendo que SI hai outro camiño. Proba dilo son os libros de Richard M. Stallman «Software libre para una sociedad libre«, o de Jordi Mas traducido ao galego por Daniel Romero e Ana Salgado «Software Libre: Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto» da editorial Biblos Clube de Lectura ou o de David Bravo «Copia este libro«. Cada un deles ten copyright, si, pero de tipo non-restritivo, é dicir, teñen algúns dereitos reservados e podemos copialos… De feito podes descargar o de Stallman, o de Jordi Mas e o de David Bravo.
Descoñezo se os libros de Smiers están dispoñibles para a súa descarga posto que a pesares de intentalo non fun quen de atopalos. Se realmente non estiveran dispoñibles, a súa excusa escorrendo o bulto cara o editor sería deplorable porque acho que hai que predicar co exemplo.
Imaxinas se a xente defendera o SwL pero non o copiara, modificara ou distribuira? Sería o que hoxe é?
Por favor, se sabes dun sitio público onde poida descargar os libros de Smiers, dimo. Estou ansioso de poder rectificar este artigo.
En: Amizade, Cultura Libre, Pensamento por Roberto Brenlla
