Sentenza Copyleft en Pontevedra (Javier de la Cueva)
Javier de la Cueva fai unha análise dunha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra ditada o pasado 31 de xullo de 2008.
Os feitos foron os seguintes: a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGA€) demandou ao establecemento El Monstruo de un Solo Ojo reclamándolle a cantidade de 1.325,70 euros como importe da música que se reproducía no local. Aproveitamos para reiterar a explicación de que a SGAE non pon multas (é unha asociación privada), senón que reclama importes que lle corresponden como un provedor máis dun establecemento (como o fan os provedores de bebidas, electricidade, gas, etcétera). A SGAE fornece a música e se esta é de autores aos que representa, ten dereito a cobrar. No establecemento, segundo a sentenza, só se reproducen dous tipos de música: música libre e maquetas de autores noveis.
En primeira instancia o Xulgado determinou que a SGAE non tiña dereito a cobrar e rexeitou a demanda, con expresa imposición de costas a devandita entidade, sentenza que agora ratifica a Audiencia Provincial de Pontevedra, volvendo impor as costas á SGAE.
En dúas ocasións anteriores a Audiencia Provincial de Pontevedra, mediante sentenzas de datas 29 de novembro de 2005 e 25 de febreiro de 2008, rexeitara os recursos doutros establecementos que alegaban o uso de música libre: o primeiro deles era unha cafetería sita en Marín e, o segundo, a Sala a Iguana.
(…)
Tal e como conclúe de la Cueva:
É unha boa nova este rigor da Audiencia de Pontevedra, que vén demostrar que se se proba correctamente o uso de música libre, non hai problemas para modificar criterios contrarios de resolucións anteriores dunha Audiencia Provincial. Os profesionais do Dereito coñecemos que poden existir criterios diferentes no ámbito de diversas Audiencias. Con todo, tras esta resolución, sabemos que o criterio é coincidente entre as Audiencias Provinciais de Madrí, Valencia e Pontevedra, as únicas que, ata esta data, resolveron sobre este tipo de música libre.
e, lido o anterior, recomendo o que escribira uns poucos dias atrás neste artigo. Promocionemos músicas Creative Commons porque habelas hainas!
En: Amizade, Cultura Libre, Galicia-Galiza, Historia(s), Negocios por Roberto Brenlla

Seguro que este podcast che ratifica o habelas hainas: http://commonsbaby.blogspot.com/
Apertas!