Substituíndo NFS por AutoFS e integrándoo en LDAP

O amigo Óscar Casal está a piques de rematar o LPI nível 3, tan só lle resta o derradeiro exame. Alén daí está noutras moitas frontes porque ten a sorte de ser multithreading, ou iso creo!

Referido a isto velaquí tres artigos de Óscar:

  1. Autofs para substituir a entrada no /etc/fstab do NFS – Parte I
  2. HOWTO: Intregración autofs en servidor LDAP – Parte II
  3. HOWTO: Intregración autofs en servidor LDAP – Parte III

Como é costume nel, todo está moi detallado.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

COMO facer un virus para GNU/Linux

O amigo Tonio mandoume unha ligazón interesante: How to write a Linux virus in 5 easy steps. Traduzo e resumo libremente o comezo do tal artigo:

O rumor dunha arquitectura Linux a proba de balas

Hai este rumor de que Linux está libre de virus. Din que a herdanza multiusuario de Linux (e outros *nix) o prevé de
malware, xa que logo os usuarios non executan normalmente programas como root. Paga a pena lembrar que os bits de execución non son engadidos en ningún dos arquivos gardados provintes de correos electrónicos ou navegador web, imprescindibles para poder executar calquera cousa, xusto ao contrario do que acontece en Windows.

A xente pensa que, por suposto, é recoñecida a mínima existencia de erros, buffer overflow ou calquera outra cousa que supoña un perigo para o sistema. Xamais os usuarios collerán un virus por correo-e ou descargarán algún malware dende internet, contrariamente ao que acontece «con quen usa Windows». GNU/Linux halos protexer da súa propia estupidez.

Desafortunadamente isto non é certo. (…)

http://tbn3.google.com/images?q=tbn:vA1zMsHDy4zEcM:http://www.bairesnortelug.com.ar/wp-content/uploads/2007/05/virus-linux-mac-lg.jpgA partires daquí o autor do artigo amosa en cinco pasos como facer un virus para GNU/Linux, subliñando que os seus leitores ben saben o moito que adora ao software libre.

E non o dubido, é máis, nunca dubidei de tal cousa. Nos meus relatorios digo orgulloso que non tiven ningún virus e, como dicía alguén, engado que non coñezo a alguén que sofrira dalgún virus nin a ninguén que ese á súa vez coñecera a alguén que sufrira un virus.

Bromas a parte, a mellor defensa que ten un sistema libre e aberto como GNU/Linux na contra de malware, non é só a súa robusta arquitectura senón a comunidade. Ela é quen de avisar de perigos e ameazas para actuar en consecuencia case de xeito inmediato. Así acontece a cotío! Quen non lembra dalgún burato nun programa que cando o les nun artigo decátaste de que foi xustamente iso o que actualizou o teu sistema á primeira hora da mañá? Para que seguir este HOWTO, pasar unhas cantas horas, se cadra dias para depuralo e melloralo se en cuestión duns intres hanno controlar? Paga a pena? Eis a cuestión. Pode haber virus en SwL pero paga a pena atinxir a unha minoría que axiña volverá ser inmune?

Quen dubide só ten que ter paciencia, a cando dominemos múltiples parcelas do mercado e logo dicir o mesmo cós de M$: «estamos expostos continuamente a virus«. Será? Acho que non.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

En 12 hs dous relatorios en dúas vilas

A verdade é que seis anos dando relatorios sobre SwL dan para moito. Realmente moitísimo se temos en conta que apenas rexeitei intervir nun par de ocasións e sempre por mor de causa maior, nomeadamente en Foz e Ponteareas (na que xa fora dúas veces). Nelas saía de vacacións coa familia e, polo tanto, foi imposible. Sexa como fora, as contas danme unha cifra moi elevada, acho que levo máis dun cento de intervencións, o cal dá mostra da frecuencia de intervencións e maila intensidade de vivencias destes anos.

Este pasado xoves fun a Vilagarcía a rematar a xira de a AGASOL presentando as «Vantaxes do SwL para as PEMES«. O público asistente desta vez non foi numeroso pero si agradecido e, polo que logo souben, moi satisfeito. Alédome porque non é menos certo que canta menos xente haxa máis me esforzo en recrear un clima de familiaridade, ameno e reflexivo.

O evento, entre pitos e frautas, rematou mási aló das 22 hs e ás 10 hs da mañá seguinte comezaba o das IV Xornadas de SwL do IES A Pinguela en Monforte, neste caso dando «Licenzas libres e abertas«. Polo medio tiven que pasar por Coruña, claro, a durmir. Foi o segundo ano consecutivo en dar un relatorio no IES A Pinguela. Xa van tres en total as que vou a Monforte porque unha delas foi para a Rede de Dinamización.

A primeira sorpresa ao chegar foi atoparme na portada da Voz de Lemos, en pequeniño e breve pero até cunha foto! Máis aló da satisfacción persoal pensei «Caramba, o SwL está a calar definitivamente na sociedade«. Nos últimos eventos de AGASOL houbo soporte de radio, prensa e televisión, e o mesmo aconteceu en Monforte. E xa vai sendo hora despois de tantos anos de teima de toda unha comunidade insistindo, traducindo, desenvolvendo, ensinando, organizando eventos…

Foi un pracer asistir á intervención de Rodrigo Salvador sobre a infraestrutura informática do ensino primario e secundario andaluz. Entre o público había integrantes do SIEGA (Sistemas de Infromación da Educación en Galicia) que admiraron o caso andaluz neste ámbito, un exemplo de eficacia organizativa e económica, calidade e ambición.

Agora toca unha viaxe de turismo a Roma e logo máis relatorios, posiblemente comezando pola Universidade Pontificia de Salamanca.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Personalizando o arranque cunha imaxe

Decidín probar o que detalla FOSSwire referido á personalización do menú de arranque GRUB. O resultado foi o agardado e só tiven que ter en conta que a miña Ubuntu dispón no dun directorio específico para ubicar as imaxes para o xestor de arranque.

Daquela copiei a imaxe que fixen
sudo cp grub-splash-tegnix.xpm /boot/grub/splashimages/

e logo editei o menú de opcións do GRUB:
sudo gedit /boot/grub/menu.lst

deixando as liñas clave como sigue:
# Hides the menu by default (press ESC to see the menu)
#hiddenmenu

# Pretty colours
#color cyan/blue white/blue
foreground 000000
background cdcdcd
color blue/black

# imaxe grub
splashimage=(hd0,0)/boot/grub/splashimages/grub-splash-tegnix.xpm

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Jamendo Pro, Creative Commons substituíndo á SGAE

Coñeces Jamendo.com, un portal que inclúe a nada desdeñable cifra de +15.000 aĺbums de música libre.

Veń de anunciarse un novo servizo, Jamendo pro. Ofrece unha ampla colección de músicas, variadas e sen publicidade. Ademais, ao elixir música Creative Commons (CC), non terás que pagar canon a ningunha entidade de xestión de dereitos.

Como funciona? Compras unha licenza comercial a través de PayPal, tarxeta de crédito ou por transferencia. Tal licenza dáche acceso a numerosos estilos musicais e a un certificado que demostra que non tes que pagar polos dereitos de autor.

Tes unha necesidade específica? Contacta con Jamendo pro para que atopedes unha solución axeitada se precisas música para o teu local comercial, video, web ou evento.

Non me resisto a sinalar, especialmente para quen saiba de Jamendo por esta nova, que dous dos últimos álbums do grupo de rock industrial Nine Inch Nails foron feitos baixo licenzas CC, son récord de vendas e até gañaron premios de prestixio, como dúas veces o Grammy tras seren nomeados nunha dúcia de ocasións. Iso é xusto o que precisa a música CC para gañarlle terreo ás entidades xestoras do tipo $GA€.

Eis un exemplo de tipo hiphop:

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mozilla coa UE na contra de M$

A Comisión Europea (EC) garantiu á Mozilla, fundación que coordina o desenvolvemento do navegador Firefox, o dereito de participar no caso antitrust contra Microsoft, informou un voceiro.

A Comisión, que é a máis alta autoridade antitrust (antimonopolio) europea, acusou o pasado mes a Micro$oft de non favorecer a competencia de mercado de navegadores ao distribuír o seu navegador Internet Explorer conxuntamente co sistema operativo Windows.

Se as acusacións foren confirmadas a empresa de Redmond podería ser obrigada a trocar a maneira pola cal distribúe o devandito navegador, así como pagar multa por abuso de monopolio.

Mitchell Baker, presidenta de Mozilla, dixo nun blog que apareceu durante o final de semana pasado, que quería ofrecer a experiencia da Mozilla «como un recurso á Comisión Europea ao considerar o que suporía a solución correcta para o problema«.

Lin isto nun sitio brasileiro onte apuntando cara unha fonte autraliana. Porén aínda non atopara nada na zona europea, a interesada no asunto, ata que mo deu Rafa Ávila.

Por certo, procurando unha imaxe para esta nova atopei o cartaz dunha película que vin hai un tempo e que trata sobre o mundo do sw privativo e mailo sw libre. Nela Tim Robbins fai de Bill Gates e até aparecen persoeiros da comunidade como, por exemplo, Miguel de Icaza.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

IV Xornadas de SwL en Monforte

O departamento de informática do IES A Pinguela, de Monforte de Lemos, organiza as IV Xornadas de Software Libre para os vindeiros días 12 e 13 de febreiro en horario de 10 a 13 horas.

O evento conta co seguinte programa:

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

AGASOL rematará a xira en Vilagarcía

O vindeiro xoves 12 de febreiro, ás 19,30 horas, realizarase a sesión informativa «Software Libre contra a crise -Mellore a súa rentabilidade con Linux e SwL-» no auditorio da Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa (información e e inscrición de balde), sita na Avda Doctor Tourón, 46.

Con esta xornada remata AGASOL unha xira que deu comezo en outubro de 2008 na Coruña pasando por Ourense, Vigo, Ferrol, Santiago e Lugo. Tes algunhas fotos destes eventos.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Adhesivos de SwL por $3.50

Xa comentara como facer adhesivos (ou pagatas, pegatinas) para colocalas no teu portátil, PC, netbook… Mais desta vez, se es tan vago coma min, alomenos para estas cousas do artesanato, deixo outro método, económico e máis doado, UnixStickers.

Os prezos son moi baratos e recibes por correo ordinario unha morea de adhesivos en alta calidade:

Heinos mercar ao rematar esta entrada ;-)

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sidekick da M$ vén con NetBSD

A multinacional de Redmond, coñecida por estes lares como Hasecorp, adquiriu a empresa Danger, responsable do desenvolvemento do Sidekick, un smartphone moi polpular en EE.UU. que vén equipado co sistema operativo aberto NetBSD. Axiña sairá un novo modelo, o Sidekick LX 2009 / Blade, e agardábase que, trala compra da empresa por Hasecorp, o dispositivo viñese equipado co Hasefroch® CE/ Hasefroch® Mobile. Velaquí o engano: o aparello semella que continuará co NetBSD, alomenos de momento.

Hai indicios inequívocos que apuntan cara a continuidade do uso do NetBSD como o sistema operativo do trebello. Entre eles, alguén sinala a demanda de emprego que fai a M$ dun especialista en NetBSD.

A fonte deste nova sinala que alén de ser curioso o feito de que o Sidekick 2009 LX use un procesador con arquitetura ARM, o mesmo que Micro$oft emprega no Zune, o lector de MP3 da empresa, acontece que M$ decide usar código aberto con licenza BSD.  É dicir, unha estratexia moi semellante á de Google co seu Android (licenza Apache v.2.0, incompatible coa GPLv2), á da Apple, co iPhone, baseado en tecnoloxía FreeBSD/Darwin ou á de Nokia no seu proceso de apertura do código de Symbian.

A pervesión que supoñen as licenzas non-copyleft como as BSD ou Apache están presentes en case que todas estas iniciativas. Deste xeito as contribucións da comunidade poden ser legalmente voltas na súa contra ao teren a posibilidade de pecharse ata convertirse en sw privativo.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Linus Torvalds defende existencia de múltiples distros

Baixo un título semellante aparece en Br-Linux unha entrevista que lle fixeron a Linus Torvalds (orixinal en inglés, tradución completa en pt-br) na que afondan en diversos temas.

Sobre o controverquido tema das múltiples distros, o entrevistador pregunta:

Vostede pensa que é bo termos tantas distribucións? Debería existir un esforzo colaborativo para unha única distribución «enfocada para o novo usuario» ou os novos usuarios é que teñen que se acostumar co «xeito de  Linux»?

Ao que Linus resposta:

Non só penso que ter varias distribucións é algo bo, senón que é absolutamente esencial! Temos centenares de distros, e moitas delas son para nichos de mercado. E vostede precisa diso, simplemente porque mercados distintos teñen necesidades distintas, e non hai distro que atenda a todas elas.

Claro que moita xente di «pero vostede necesita de tantas distros para o mesmo mercado?» cando pensan no mercado de escritorio convencional, e só se pensan na cuestión do openSUSE, do Fedora e do Ubuntu dividiren o mesmo espazo. Mais vostede ten as distribucións focadas en cuestións específicas (e a competición é sempre desexable), permitindo que os mercados decidan cales cuestións son as máis importantes.

Alén diso, ter varios equipos en xogo mantén a honestidade de todos e permite comparalos. Pode parecer todo medio embarullado e complexo, mais eu penso que é mellor ter un sistema feito por varios grupos do que por un só. Mesmo que sexa máis complicado.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

HP presenta netbook cunha Ubuntu personalizada

Ollando en LWN.net cun dos comentarios apuntando cara ZDNet e esta á súa vez cara este sitio descubro que HP ten o seu Netbook Mini 1000 cunha versión personalizada de Ubuntu, até con seus propios repositorios. Curiosamente están no dominio Cannonical.com.

Segundo algúns comentarios, o lamentable do caso é a ausencia de mención e das marcas rexistradas de Ubuntu a pesares de ser unha derivación dela, por moito que se distinga dela e abofé que o fai. A cousa pode ir máis aló do propio menosprezo a Ubuntu pois semella que no mesmo saco podemos incluir a GNOME, ao xestor multimedia Elisa… respectando a outros como Gimp, Nautilus, OOo… Olla esta galería de imaxes.

Quen estea acostumado a empregar GNU/Linux poderá retomar o control do sistema premendo «Alt+F2″ para abrir un terminal para acceder á liña de comandos.

Hai varias cuestións a debatir daí que será interesante seguir esta nova.

ACTUALIZACIÓN:

Semella que HP liberou a súa interface para netbooks (via Menéame) aínda que ao remate do fío de ligazóns regreso ata DownloadSquad, quen segue a manter a incerteza sobre a liberación.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp