Aprendín moito no LinuxMaster do 1999 e comecei pensar na posibilidade de aproveitar o tempo libre que tiña facendo a enxeñaría técnica informática pola UNED. Amais é que resultaría até cómodo pois xa tiña o 1º de enxeñaría aprobado e a carreira de CC. Económicas ben rematada. Non errei ao supoñer que me ían convalidar unha morea de asignaturas. E así foi, creo que foron ata 7 ou 9 asignaturas convalidadas, todas as que máis me custaría facer: matemáticas, física, estadísticas e até algunha específica de Económicas. En resume, tiña que facer a carreira cunhas 23 asignaturas, todas específicas de informática, é dicir, o ideal!
Namentres non chegaba o comezo de curso, seguín practicando a reo. Probara as distros Mandrake 6.1, Slackware 7.0, a brasileira Conectiva 4.1... e até cheguei mercar varias delas.
Comprendía o modelo de negocio que se asentaba arredor do Sw Libre e mailo Open Source, sempre de xeito autodidacta e solitario pois aínda non tiña con quen compartir esta paixón, agás co amigo Manuel, con quen seguía facendo quedadas de fin de semana. Daí que mercara distros de libre descarga. Fíxeno por diversas motivacións. Sentíame na obriga de axudar a quen mo daba de xeito libre, tamén quería ler as documentacións que incluía, os adhesivos que acompañaba... en fin, tampouco eran moitos cartos (unhas 10 ou 15.000 ptas).
A primeira que merquei foi a OpenBSD 2.7 (aínda a conservo). Xa probara a FreeBSD mais esto era outra cousa moitisimo máis complexa. OpenBSD vén pechada por defecto, é dicir, o que queiras facer en rede significaba complexos axustes para un simple afeccionado. Porén, adoraba varias calidades das *BSD (probei FreeBSD e OpenBSD) como a velocidade, limpeza, o doado da compilación do seu kernel ou o seu make world. Imprimín as súas documentacións para pór en práctica todo canto poidese.
Comecei o curso na UNED tendo preparadas as ferramentas axeitadas para estudar e practicar, sempre evitando empregar sw pivativo. Levando un mes ou algo máis recibo unha chamada solicitando a miña incorporación como substituto no IES Antón Losada da Estrada para dar... materias de Economía! Finalmente aceptei ir por mor dos conselllos familiares.
Alí atoparíame ao xefe de estudos que xa estaba a traballar nunha RedHat para os seus documentos en Latex. Ninguén máis sabía do tema. Puiden sementar algo de SwL no módulo de Informática pois un dos seus profesores, Marcial, amosara interese no tema polo que puiden deixar un par de equipos con GNU/Linux e arranque dual. Sei de primeira man que hoxe traballan moito con SwL, sobre todo en servidores.
Na Estrada estiven ata febreiro do 2001, só tres meses. O tempo suficiente para ter que adiar os meus recentemente iniciados estudos de enxeñaría.
chuzame -
En: Amizade, FLOSS, Persoal por Roberto Brenlla
1 Comentario »