Instalacións masivas automatizadas con SystemImager

Sei de SystemImager pola resposta que deu o amigo Óscar Casal nunha lista de correo. SystemImager é un programa que automatiza instalacións masivas de GNU/Linux, distribución de software e implantacións de produción.

Segundo a súa wiki, SystemImager fai máis doado a automatización de instalacións (clons), distribución de software, distribución de contidos ou datos, cambios de configuración e actualizacións do sistema operativo na túa rede de máquinas GNU/Linux. Até podes actualizar cara unha nova versión de GNU/Linux!

Tamén pode ser usado para garantir implantacións de produción segura. Ao gardar a imaxe actual dunha produción antes de actualizar cara a nova imaxe de produción, tamén tes con ilo un mecanismo de continxencia altamente confiable. Se o contorno da nova producción é errada, simplemente fas un roll-back cara a anterior imaxe cun sinxelo comando.

Algúns casos típicos de uso: granxas de servidores de Internet, granxas de servidores de base de datos, clusters de alto rendemento, laboratorios de informática e ambientes de escritorio corporativo.

Tes este artigo explicando como instalalo e mailos casos máis comúns.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Educación migrará plataforma de correo-e a SwL

O DOG nº 171 publica unha resolución do 24 de agosto de 2009, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se anuncia a licitación, mediante procedemento aberto e tramitación urxente, para a contratación do servizo de migración da plataforma de correo electrónico corporativo desta consellería a unha arquitectura baseada en software libre.

A dependencia que tramita o expediente é Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos e só hai dez días contados ata a data límite de presentación. O importe é 180.000 €.

Máis datos no DOG nº 171 do pasado martes 1 de setembro de 2009, páxina 14.241 e na páxina dos pregos relativos.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Software Libre e a Lingüística (Lingua 09) na USC

A Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela organiza entre os días 21 e 24 de setembro o curso “O Software Libre e a Lingüística (Lingua 09)”.

Este seminario, enmarcado no programa de cursos de verán da USC, ten como principal obxectivo expoñerlles aos asistentes unha visión xeral da interelación entre o software libre e informática xeral coa investigación filolóxica e lingüistica, tanto no análise de datos como nas canles creadas neste eido e os mecanismos de traballo asociados.

Segundo isto, as conferencias serán exposicións teóricas que abranguerán os diferentes aspectos e axentes implicados, sendo impartidas por recoñecidos referentes profesionais das múltiples áreas- empresas, universidades e asociacións.

O curso está dirixido a un público xeralista se ben será de especial interese a aquelas persoas que académica ou persoalmente están ligadas a proxectos de tradución e investigación lingüística, podendo asistir tanto alumnado e persoal da universidade como persoas externas á universidade.

As xornadas impartiranse na Facultade de Filoloxía, sumando ata un total de 16 horas lectivas. Os interesados deberán matricularse antes do día 11 de setembro, segundo os procedementos estabelecidos pola USC.

O Software Libre e a Lingüística (Lingua 09)” inscríbese no marco dos Cursos de Verán da USC promovidos pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela. Os/as asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia. Para os/as estudantes da USC, este curso será recoñecible como 1 crédito de libre configuración.

Inscríbete!

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mercado de Sw Libre medrará a ritmo de 22,4% anual

A consultora IDC vén de publicar un informe amosando unha óptima perspectiva para o Sw Libre e mailo Open Source. Concretamente sinala:

«Os ingresos mundiais debidos ao software de código aberto (OSS, open source software) medrará a unha taxa dun 22,4% de crecemento anual composto ata acadar os US $ 8.100 millóns en 2013. Esta previsión é considerablemente maior cá feita en 2008, por tres razóns:

(1) a lista empregada para calcular os ingresos ampliouse grazas a un amplo esforzo de incluir máis proxectos neste pronóstico;

(2) o Software Libre acadou un grao de aceptación nos pasados 12 meses moito maior có esperado; e

(3), a economía acelerou a absorción e uso de software de fontes abertas no derradeiros meses de 2008.»

«O software de fontes abertas acadou un forte impulso no mercado a partir da actual crise económica«, dixo Michael Fauscette de Software Business Solutions. «OSS é cada vez máis unha parte da estratexia empresarial en software nas empresas líderes e está a ter un bo ritmo de adopción nas súas infraestruturas principais. Mentres a industria global de software segue a consolidarse, será clave para as empresas fornecedoras de OSS conquerir axeitada dimensión se estas planexan continuar como un negocio autónomo.«

IDC cita á economía como o motivo polo cal a súa predición sinala un aumento nos ingresos do software de fontes abertas. Dado que é unha previsión a longo prazo (2013), posiblemente comprobemos que, en xeral, as empresas demandarán máis estas tecnoloxías independentemente dos cambios na economía.

IDC vincula tamén outra razón para o aumento da súa optimista previsión para o mercado do software de fontes abertas. «Os grandes fornecedores de software coma IBM, Sun, Dell, HP e Oracle están obtendo cantidades significativas de ingresos indirectos das súas actividades neste sector e mailo seu apoio ao OSS. Isto axudou moito na aceptación xeneralizada que agora ten o OSS.«

Fonte.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Invidente bloguea grazas ao Sw Libre

Unha vez máis, sei por Fernando Acero que o invidente Nicomedes Flores pode, e feito é, un activo blogueiro grazas ao uso de Software Libre. Nomeadamente emprega o programa Orca baixo unha Ubuntu GNU/Linux. Con el traballa coa súa computadora (procesador de textos, chat…) e conéctase co mundo.

Orca (segundo o seu Wiki) é unha tecnoloxía de apoio libre/código aberto, flexible, extensible e potente para persoas invidentes ou con deficiente visión. Empregando varias combinacións de voz, braille e magnificación, Orca axuda a proporcionar accesibilidade ás aplicacións e ferramentas que soporten AT-SPI (por exemplo o escritorio libre GNOME).

Nicomedes, director do Centro de Rehabilitación para Persoas Cegas Manuela Garandillas en Cochabamba (Bolivia), usa unha opción da plataforma de Blogger que permite mandar un novo artigo, ler comentarios e respostalos, todo a través de mensaxes de correo-e. Tamén participa no Proxecto Accesibilidade onde un grupo de activistas de Software Libre de Bolivia implementan solucións libres para as persoas con discapacidade.

Comproba como o fai:

Concordo con Fernanco Acero na mágoa que supón a escaseza de investimentos nesta materia de poderosas organizacións como a ONCE.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Creando USB con Ubuntu desde M$

Aproveito que hei dar unha xornada sobre SwL onde os equipos non teñen nin arranque dual nin SwL instalado, só software privativo de M$.

Para ilo preparei estas instrucións:

1.- descarga o arquivo ‘.iso’ que contén a Ubuntu 9.04 Jaunty.
2.- Segue os pasos deste artigo.
3.- Ese artigo di que descargues a aplicación uSbuntu.
4.- Seguindo os pasos de (2), verás que xa o tes todo: a ‘iso’ (1) e
mailo programiña (3) que che pedirá todo. Tes que instalar ese programa
(3) tras descomprimilo, executando «uSbuntu Live Creator.exe«
5.- Para os «datos persistentes» proba poñer 250 ou 300 MB se tes unha USB
de 1 GB pois pode haber ese espazo libre.
6.- Rematado o proceso, logo fai:
6.1.- Deixa o USB conectado
6.2.- Arranca o PC e entra na BIOS
6.3.- Selecciona que arranque por USB
6.4.- Garda e reinicia
6.5.- Terá que arrancar xa polo USB e coa Ubuntu 9.04 en modo «live«, é
dicir, sen mexer para nada no sistema instalado.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

CNTG oferta varios cursos sobre Sw Libre

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) vén de anunciar a súa oferta formativa para o período outubro 2009 a xuño 2010. cntg-logo.png

Dentro desa oferta hai varios cursos sobre Sw Libre. Velaquí estes cursos xunto a outros xenéricos:

  • Administración avanzada de sistemas operativos Linux (certificación LPIC 2), 64 hs, obtense certificación, data 26/10/2009, imparte IBM
  • Administración de sistemas operativos Linux (certificación LPIC 1), 80hs,  obtense certificación, data 27/10/2009, IBM
  • Goberno corporativo das TIC. Fundamentos de Cobit e implantación de IT governance, 21hs, sen certificación, data 06/11/2009
  • Fundamentos de ITIL (Vigo), 20hs, obtense certificación, data 06/11/2009, ITIL
  • Fundamentos de ITIL (A Coruña), 20hs, obtense certificación, data 20/11/2009 ITIL
  • Administración de S.O. Red Hat Linux – Nivel Certified Engineer. Certificación RHCT RHCE, 64hs, obtense certificación, data 25/01/2010, Red Hat
  • Administración de S.O. Red Hat Linux – Nivel Certified Engineer. Certificación RHCT RHCE, 80hs, obtense certificación, data 26/01/2010, Red Hat
  • Dirección de proxectos informáticos (Certificación CAPM) – Vigo, 36hs, obtense certificación, data 29/01/2010, PMI
  • Administración de bases de datos MySQL, 48hs, obtense certificación, data 01/03/2010, MySQL
  • Desenvolvemento de aplicacións WEB con PHP e MySQL sobre Apache, 80hs, obtense certificación, data 06/04/2010, MySQL
  • Implementación de VoIP con Asterisk, 36hs, sen certificación, data 03/05/2010, ASTERISK

Podes descargar o folleto informativo.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Interoperabilidade e Administración Electrónica (carta aberta de Hispalinux)

Hispalinux vén de publicar unha Carta Aberta a prol dunha Administración Electrónica Transparente, Independente e Democrática.

A Administración Electrónica pode crear as bases dunha nova era da nosa democracia, revalorizar o papel da cidadanía e reformar «por fin» participativamente a función pública.

Con todo, a posibilidade de que o emprego masivo de tecnoloxías dixitais conduza precisamente ao contrario, desencadeando unha concentración de poder sobre a información pública e unha dificultade insuperable de control das institucións, obriga a Hispalinux a reivindicar con toda enerxía que se garanta a máxima información e participación na regulación destas materias que son os alicerces mesmos da nosa sociedade.

Falta de transparencia
Nesta ocasión, o proxecto dunha norma fundamental, o Real Decreto polo que se regulará o Esquema Nacional de Interoperabilidade foi levado por canles que facían case imposible calquera debate da cidadanía e que exclusivamente permitían a participación de grupos de intereses.

Con grave risco Hispalinux rompeu esa cadea de silencio e publicou o documento que se mantiña oculto, o proxecto de norma. Asemade, Hispalinux invitou á cidadanía a efectuar alegacións, algo que necesariamente debería saír dos nosos representantes no Goberno.

Hispalinux recorda que este indebido segredo erosiona a confianza na integridade e imparcialidade dos procesos regulatorios, nun ámbito onde a transparencia debese primar sobre calquera outra consideración no balance do resultado normativo.

Conclusións de Hispalinux
Como resultado da nosa propia análise e as alegacións ata agora efectuadas, Hispalinux fai públicas as seguintes conclusións que deberían mover ás nosas autoridades a reformularse o presente proxecto de Real Decreto:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Liberado o proceso creativo da nova imaxe corporativa de TEGNIX

A anovación de TEGNIX comezada en 2007 contemplaba a incorporación dunha nova imaxe corporativa. Trala solicitude de orzamentos a diversos gabinetes de deseño e profesionais independentes, finalmente decidimos seguir a proposta feita por Claudio F. Filho quen recomendou ao profesor e amigo Daniel Confortin.

Daniel traballa con ferramentas lbres (Gimp, Inkscape, Scribus) e conta con ampla experiencia profesional en Brasil, por exemplo creando a imaxe do FISL (Fórum Internacional de Software Livre). A súa metodoloxía foi moi enriquecedora para TEGNIX toda vez que todo o proceso foi consensuándose ata acadar un resultado final do que todo o equipo síntese orgulloso.

Creative Commons License
O paquete que se adxunta inclúe o manual que é un resumo executivo de todo ese proceso obviando, entroutras, a selección de fontes, o traballo telemático, as enquisas a profesionais, o proceso de concreción, etc.

Dado o interese espertado en persoas adicadas ao deseño gráfico ás que lles comentamos todo isto, TEGNIX libera este manual baixo licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza – v3.0 España Creative Commons.

Roberto Brenllategnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

A prol do Sw Libre, sempre!

A prol do Sw Libre, sempre!

Moitas persoas levamos anos loitando activamente e con teima a prol do Sw Libre. Porén, queda tanto para acadar ese obxectivo! Daí que nos aledemos moito por cada logro atinxido, como compensación a tanta fe e esforzo.

Antes de 2005 nin iniciativas políticas había, agás as actuacións testimoniais dalgúns concellos, centros de formación ao profesorado e pouco máis. Maila ausencia de apoios oficiais, facíanse xornadas de difusión, traducíase software, nacían GUGLs (Grupos de Usuari@s de GNU/Linux), consolidábanse as primeiras empresas forncedoras… todo un conxunto de ítems que axudaron a que as diversas forzas políticas levaran ás eleccións autonómicas, evidentemente en distinto grao de intensidade e credibilidade, propostas a prol dos estándares abertos e o SwL.

A partires de 2005 sucedéronse excelentes novas. No acordo de goberno acadado polo bipartito facíase mención expresa tanto o SwL como os estándares abertos. «Será certo? Serán só declaracións?«, pensábamos con ansiedade.

Trocamos ansiedade por paciencia cando agardamos un ano completo polo nacemento da ben querida mancomun.org en maio de 2006. Logo viñeron PEGSI, Rede de Dinamización, o contundente apoio á língua, o diálogo cos diversos axentes da comunidade e outras moitas emblemáticas actuacións. Moitas positivas, todas mellorables, algunhas até criticables pero non temo errar ao afirmar que a valoración xeral en canto ao SwL foi positiva maila vir todo dunha única consellería.

Do lado desesperanzador véu a nulo cumprimento do PEGSI dentro dos propios órganos do goberno bipartito da Xunta. Proba dilo é que o sw privativo aínda está a imperar na abrumadora maioría dos escritorios, a documentación interna manexada segue sendo intercambiada con formatos pechados e a integración de SwL apenas deixa de ser testimonial. O que hai neste eido é máis debido á teima de individualidades que ás decisións firmes de quen lle competía facelo.

Máis no meu outro blog.

Roberto Brenllategnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Xunta impulsará o Sw Libre. Mancomun.org segue adiante.

Tiven a sorte de participar hoxe na xuntanza promovida pola secretaria de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira. Convocados íamos CESGA, Mancomun.org (tamén presente a Fundación para o Fomento e Calidade), as oficinas de SwL das tres universidades e AGASOL.

Tras unha primeira posta en común das actividades realizadas por cada entidade, na que por parte de AGASOL estivo o seu xerente Luis A. Fernández, collín o relevo para a segunda na que pretendín amosar as necesidades de AGASOL e as propostas/suxestións para o futuro.

Na posterior rolda de prensa, Mar Pereiro deixou clara a estratexia do actual goberno da Xunta nesta materia, especialmente en materia de cumprimento de estándares abertos. É de agardar que estea dispoñible a presentación empregada. Salientable foi a confirmación da continuidade de Mancomun.org perante unha pregunta directa da prensa.

Tes nesta ligazón a nota de prensa oficial emitida pola Xunta de Galicia.

Roberto Brenllategnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sources List Generator

Lembro coñecer algunha solución ao respecto pero non a dou atopado nas entradas que escribín… total, velaquí vai (de novo?). Se queres xerar o teu «sources.list», o arquivo que sinala os teus repositorios para a procura de aplicacións, dun xeito cómodo tes esta opción de SimplyLinux.ch, Linux für alle.

Tanto para Debian como para Ubuntu, seleccionas o teu país/estado (refírese ao país de onde prefires ter o teu repositorio, idelamente canto máis preto de onde esteas mellor), a versión instalada e, en función do que elixas como repositorios adecuados, terás á túa disposición unha chea de repositorios axeitados ao teu gusto.

Fonte.

Roberto Brenllategnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp