Rede Social de Hackers

House of Hackers é unha rede social para que os hackers teñan un punto de encontro, formen grupos e debatan asuntos de seguridade.

De acordo co blog gnucitizen.org, a rede é exclusiva e apoiará a cultura e o modo de vida hacker, coas súas ideoloxías e visións políticas, adicándose principalmente á formación de opinión na esfera de seguridade.

Ademais de crear grupos, os especialistas da House of Hackers terán oportunidade de prestar servizo ás empresas, que poderán recrutar probadores de seguridade ou analistas directamente pola rede social.

Através de taxas aceptadas pola inserción de novas vacantes, os responsables da rede social patrocinarán programas de investigación que deben ser iniciados en breve, aínda que o programa estea nas súas fases iniciais de desenvolvemento.

A web Heise Security cre que esta iniciativa pode ser vista con malos ollos polas autoridades ao temeren que o doado acceso á informacións poida ser usado para o mal, promovendo invasións, por exemplo.

Vindo de onde vén, tal crítica significaría que esta rede xa non sería de hackers senón de crackers, o cal ben saben que non é o mesmo.

Fonte.

asennadas

 

Chuzame! chuzame -

Turismo nas Favelas

A raíz dunha nova que me comentou o amigo Hermo souben dalgo estraño polo novidoso e até chocante da iniciativa. Acontece que se hai axencias de viaxes que teñen na súa oferta facer turismo nas favelas do Rio de Janeiro.

Daquela, a raíz da nova que me comentou Manuel, fun atopando cousas como:

  • Favela Tour
  • O artigo "Turismo e favela: reflexões sobre ética e fotografia"
  • Outro titulado "É interessante promover a favela como destino turístico?"
  • Outro Favela Tours
  • e varios máis que xa deixo á pesquisa de cada quen.

Todo isto véu a colación pola película brasileira Tropa de Elite, na contorna da loita contra a delicnuencia e mailo tráfico de drogas e armas por medios policiais extremos (BOPE, Batalhão de Operações Especiais).

Acontece que comezan xurdir críticas contra esta nova forma de turismo alternativo, ben distinto ao turismo ecolóxico, ao tildalos como incentivadores da delincuencia e co agravante de ofrecer unha imaxe indesexable do país. É que os turistas poden chegar a facerse fotos cos capos que trafican con drogas e armas...

Se cres que todo é película, olla este video:

Chuzame! chuzame -

Iron Man loita contra terrorista de código aberto

O enfrontamento existente no mercado TIC está moi presente en 'Invincible Iron Man' (O invencible Home de Ferro), a película do coñecido heroe da serie Marvel que se estrea neste dias.

O curioso do tema é que o protagonista, Tony Stark, o empresario-heroe multimilionario, enfróntase ao vilán descrito como "terrorista do código aberto".

No Universo Marvel, con personaxes tan coñecidos como Capitán América, Hulk, Spiderman, etc, Tony Stark (Ironman) está do lado das grandes empresas. O guionista, Matt Fraction, comenta que na revista electrónica Comic Book Resources:

"O mundo é perigoso e, apesar de todos os seus avances, a tecnoloxía conleva novos perigos. Está o lado bo e o lado malo, e Tony non quere asumir esa responsabilidade. É unha gran responsabilidade, daí que en Invincible Iron Man #1 vemos que cando a tecnoloxía é empregada para propósitos nefastos Tony o sente profundamente."

O primeiro inimigo na nova serie é Ezekiel Stane (Zeke), fillo dun antigo adversario de Stark, que Fraction describe como:

"O código aberto frente ao código pechado de Stark. El non ten cuartel xeral, non ten base, non ten conta bancaria. Totalmente fóra do sistema, flexible, móbil. Iso vai totalmente contra a sabedoría empresarial de Tony, o xeito que el aprendeu de fazer as cousas – con bancos, advogados, industrias, probas-. Stane é diferente. Ele é máis esperto, máis móbil, com reaccións máis veloces.

(...)

Zeke é un home de negocios post-nacional, un tipo de terrorista de código aberto".

Souben desta nova lendo dias atrás en Slashdot e hoxe de novo en NoticiasLinux.com.br.

A verdade é que escoitei varios tipos de FUDs referidos ao SwL sen que nunca chegaran superar o do calificativo 'comunista'. Agora si, até somos 'terroristas'!

Actualización

Subliño que o que vin da pelí nada semella o que pode acontecer cos comics. Nela vin como o protagonista aparecía nunha foto con Bill Gate$ por mor de ser proclamado como o inventor da plana base e, se cadra, un escritorio semellante oa KDE na escena de Pepper, a secretaria de Tony Stark, no copiado de arquivos secretos da empresa armamentística.

Chuzame! chuzame -

Procesión Camino del Calvario (de los Borrachos -para algunos-)

He decidido escribir en castellano motivado por mi reciente paso por la manchega ciudad de Cuenca.

Tras segregar ingentes cantidades de adrenalina en las más emblemáticas atracciones de Port Aventura regreso con la familia a Coruña pasando antes un par de días por Cuenca, coincidiendo con su famosa Semana Santa. Es famosa por sus jornadas de música sacra y sus procesiones religiosas, singularmente por la Procesión Camino del Calvario, conocida por algunos como Procesión de los Borrachos, algo que evidentemente deploran los conquenses.

Según me ha comentado mi amigo Miguel, esta antigua procesión refleja el camino al calvario de Jesús cargando su cruz mientras sufría los improperios de los que presenciaban su ejecución. En sus orígenes nadie deseaba insultar a la adorada imagen por lo que fueron obligados los plebeyos. Éstos, para hacer más llevadera esta orden, se resignaban a ejecutarla lo más inconscientemente posible, bebiendo hasta la saciedad.

En la actualidad, especialmente en los últimos años, la procesión se ha convertido en un peregrinaje de gentes ávidas de juerga que, tras el paso de la última procesión del jueves, pasan toda la noche bebiendo para así permanecer despiertos aguardando la mencionada procesión, ya al alba del viernes.

Sin embargo, la devoción religiosa conquense es profunda. Como muestra me ha resultado llamativo saber que los costaleros de los más preciados pasos suelen llegar a pagar, mediante subasta, cantidades que pueden alcanzar los tres mil euros...

Dejo uno de los videos que he grabado donde se aprecian las turbas, los borrachos, los estruendos de los tambores, los burlescos cornetines y el recorrido final repleto de público entrando en la plaza Mayor rumbo a la catedral.

¡Que lo bailen, que lo bailen!

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (LinuxMaster no ‘99)

Confirmando o titular do anterior artigo desta serie, o ano '99 foi un ano tan intenso que concluiría cun LinuxMaster en Global, Centro de Especialización Informática y de Empresa, creo que desparecida actualmente. O profesor fora Luis Muelas, o mesmo que me propuxera facer unha distro un tempo despois e ao que eu chamara no 2003 para crear unha asociación. De feito consta como socio fundador de AGNIX aínda que a súa estadía na asociación fora efímera demais.

No '99 xa dispoñía de tempo libre dabondo para adicarme ao SwL. Estaba coa filla polas mañás, daquela con dous aniños, e pola tarde no negocio do meu pai. Alén diso, comezábamos a sair da inestabilidade financieira na que nos atopábamos. Con todo, estaba en condicións ideais para practicar a reo.

Dado que non puiden atopar xente coa que compartir coñecementos, facer o LinuxMaster supoñía unha oportunidade que non podía deixar escapar. O curso comezaba en outubro coa intalación e administración de distribucións, basicamente Slackware, RedHat e SuSE. Decidín no ir porque cría ter os coñecementos suficientes nese apartado concreto. Si fixen o de Traballo en Rede e mailo de Arquitectura cliente/servidor, todo baixo GNU/Linux. Desilusionoume bastante sermos só dous alumnos, eu moi ilusionado, até apaixonado, e outro cun recente título de FP que fora por ir, sen máis.

Aínda así, aprendín moito, con certeza, pois non hai nada como ollar a outro manexando o teclado e preguntarlle continuamente "e iso como se fai?". Instalamos Postgres, Webmin, conectamos redes por NFS e Samba, accedimos por telnet e ssh, configuramos sudo, abrimos accesos para traballar remotamente con aplicacións gráficas... En resumo, moi ben polo aprendido e ruinoso no canto de atopar xente con inquedanzas afíns.

Con estas experiencias e á beira dun novo milenio fun meditando comezar Enxeñaría Informática Técnica pola UNED... mais iso acontecería no 2000.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (’99 foi o ano intenso)

Kernel PanicNo '99 comecei a tomar anotacións regularmente en libretas. Tomeino tan en serio que tan só nese ano completara máis de tres! Todas cheíñas de cousas que consideraba esenciais para a miña aprendizaxe.

Así, por exemplo, enumero algunhas cousas que agora me chaman a atención:

  • Ao LILO (LInux LOader) sempre lle engadía append="mem=128M" para que recoñecera os meus abraiantes 128MB de RAM, tralo cal había que non esquecer executar lilo -v. Obviar ese comando podería significar o non arranque do sistema!
  • Facía probas con múltiples particións e sistemas operativos. Cheguei a ter M$-win, M$-NT, dous GNU/Linux e un FreeBSD. Nada funcional, só para fedellar.
  • Axustar manualmente as frecuencias para as distintas resolucións de pantalla do meu monitor tras unhas configuracións xerais por XF86Setup.
  • Probar distros e distros (isto durante varios anos!)
  • Conectarme á RTB de Arrakis tras configurar o meu módem SupraExpress 56e Pro empregando o programa minicom e editar arquivos como o /etc/ppp/options ou pap-secrets.
  • Axustar a variable de contorna xeral PS1 para dispor de prompts en cores, numerados... en fin, personalizados.
  • Configurar a impresora editando co joe o arquivo /etc/printcap e probala despois con lpr para imprimir, lpq para examinar a cola de impresión...
  • Compilar un kernel desde as fontes cando cada compilación demoraba arredor dunha hora. Alguén lembra do comando make mrproper, ou usar o Don Limpio antes de instalar un novo núcleo? As seguintes ordes eran make xconfig, make dep, make clean, make bzImage, make modules, make modules_install...
  • Sufrir unhas cantas veces un kernel panic.
  • Aprender que o importante para configurar unha tarxeta de son é o chip que leva. Para que a miña tarxeta de son rulase, unha SoundBlaster 128 PCI, compilei o kernel 2.0.36 (?) para os drivers ESS1370. As seguintes tarxetas da mesma marca e nome levaban a ESS1371... Ao fin, puiden facela rular en agosto, medio ano despois de mercar o PC.
  • Idem coa sintonizadora de TV, unha Avermedia que rulou co driver bttv e o programa xawtv. Até puiden decodificar o Canal + con fins educativos grazas á aplicación xawtv-nagra.

Creo que non esaxerara nun artigo anterior ao dicir que a miña aprendizaxe fora vertixinosa. É que viña da case que ignorancia informática!

No seguinte artigo seguirei aínda no '99 pois, a pesar da compaña de Manuel Pumar as fins de semana, non puiden contactar con máis xente interesada. Ben, a verdade é que xa tiña coñecido algunha nunha Arroutada Party da Coruña o ano anterior, o '98... mas não deu certo.

Chuzame! chuzame -

Historia das Interfaces Gráficas de Usario (GUIs)

Xa que estou a relembrar e compartir un chisco do meu humilde pasado, pode ser adecuado rescatar este documento PDF que publiquei en AGNIX (tamén en Br-Linux e Viva O Linux) no 2005.

X-Window System 1984

Historia das GUIs (ata 2005)

Como di na súa sección 'Referenzas', está baseado netes artigos:

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (’98-’99, libros, revistas e internet)

A miña implicación co SwL foi aumentando exponencialemente aínda que con moita dificultade por mor de non dispoñer de ninguén na miña contorna que me axudara ou, como mínimo, compartira experiencias.

Seguía xogando con simuladores de F-1 nun Pentium I á vez que aprendía cousas coa Slackware no 486, lendo howtos, páxinas man e practicando. Souben entrar en modo gráfico grazas ao startx que puiden facelo rular na enésima tentativa tras probar diversas configuracións das XFree. O xestor de fiestras era Fwwm95. Todo iso sen aínda ter conexión a internet na casa...

Xestor de fiestras Fwwm95

En setembro de '98 comezo un curso de ofimática, algo que á larga só aproveitaría ata finais dese ano, estragando o que restaba de curso do '99 porque a miña adicación ía medrando para GNU/Linux e, cada vez menos, aos simuladores e nada á ofimática.

No '98 mercara o meu primeiro libro sobre SwL, Manual Avanzado de Linux por Raúl Montero da editorial Anaya, baseado na Salckware 3.4. E tamén a miña primeira revista, o nº 5 de Linux Actual por 995 ptas que hoxe conservo. Era carísima pois a PC-Actual vendíase a toda cor por menos da metade de prezo e co cuádriple de páxinas! Na portada da revista aparecía o KDE-1.0 e incluía como artigos "Etx2: El sistema de archivos de Linux al detalle", "Curso de programación en Tcl/Tk" e un cdrom coa terceira entrega da Debian 2.0 Hamm. A partir de decembro '98 tamén comecei mercar Sólo Programadores Linux, era a nº 4 e viña cun cdrom co Netscape 4.08, StarOffice 5.0 e o KDE-1.2.

A primeiros do '99 merquei un P-II a 350 con 128MB RAM. Daquela vendíanse normalmente con 32MB, raramente con 64MB. Por suposto, negueime a pagar licenza por Windows aínda que recoñeza que logo o pirateara para poder instalar os meus xogos de F-1. Elexín Arrakis como ISP para o meu acceso a internet a 56K con tarifa plana nocturna.

Axiña fun entendo o do modelo de negocio no SwL pois ao pouco mercaba unha distro española, ESware, baseada en RedHat e case de contado un novo libro, La Biblia de RedHat de David Pitts. Por entón non gastara nin a décima parte co sw privativo!

Xa tiña o verme no corpo! Todo era ler, subliñar, practicar, procurar na web, ler, marcar páxinas, preguntar nos newsgroups e mercar máis libros e todas as revistas. O que teño eu de libros, revistas e cds, mimá! Na primavera do '99, por fin, comezaba facer quedadas as fins de semana con Manuel Pumar, o mantedor de sistemas da academia Samicro.

O meu xogo preferido xa era o SwL!

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (instalando Slackware 3.2)

Tralos disquetes para arrancar o sistema mínimo viña o asunto de particionar o disco co fdisk como dicía no anterior artigo. Despois tiña que pór a orde setup para entrar no proceso de instalación.

A seguinte fase era elixir o teclado español (souben que teclado dicíase keymap!), o cal non significaba que quedara perfectamente configurado... todo era complicado, moi complicado, sobre todo para alguén como eu que nin usuario avanzado me podía considerar. Mais, como traballaba cun 486 vello, non me importaba destruir o Windows, tampouco creo que fora quen de perservalo se me puxera a ilo. Ese equipo era para ir a saco, tíñao claro.

O formateo incluía opcións como tamaño de bloques, chequeo... Logo era o da selección da fonte de instalación (cdrom) que deixaba como /dev/hdb. A selección de software aparentaba algo máis doado pois viña por grupos. Todo isto facíase desde un menú onde ía elixindo que facer, non era unha sucesión ordenada de pantallas.

Tralo software instalábase o LILO (LInux LOader), o xestor de arranque. Podía voltar ao menú e tentar configurar o GPM (para poder copiar e pegar na liña de comandos), a rede (aínda non tiña nin rede nin conexión a Internet), o fuso horario, etc.

Reiniciaba e si, semella que todo rulaba se non fora porque o arranque hiperinformativo (que morea de mensaxes mostraba! e que cousas tan estrañas!) remataba cun login:. Nada de contorna gráfica! E agora que fago?

Durante un bo tempo fun pouco a pouco meténdome neste tinglado, sen saber ben que facer, sempre lendo e practicando. Porén persevaba a idea de facer un curso de ofimática (comezaría en setembro de1998) e preparaba o investimento dun novo PC co que quería poder xogar aos simuladores de F-1 que tanto me atraían.

Por entón, cando falaba de Linux, GNU e esas cousas, a resposta era de estupefacción: que é iso? Claro, refírome á miña contorna de amizades. Despois sabería que moita xente xa estaba de cheo nisto, mais supoño que case que toda ela tiña perfil técnico...

Nota: Non foi ata primeiros de 1999 cando comecei escribir en libretas (teño máis dunha dúcia cheíñas!), a xeito de diario. Aínda que pasara por varias distros, á Slackware gárdolle un especial cariño, pois con ela fixen de todo: instalar o Apache, usar SSH, compilar o kernel e moitas aplicacións... O que describín ata aquí foi todo de memoria e rescatando algo do posto nas libretas posto que Slackware apenas variou en anos o seu proceso de instalación. Irei resumindo o que veu máis como unha historia e conxunto de anécdotas ca descricións técnicas. Procurarei incluir estas descricións cando ilustren mellor á historia destes anos.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (anos de dualidade)

Como dixen, non era nin minimamente un usuario experto cando me dera de bruces co SwL. A salvación era seguir escrupulosamente as instrucións dun manual atopado na web. Tiña unha máquina vella coa que poder fedellar sen límites e moita curiosidade, toda a que non atopara nos anos anteriores fóra do ámbito ofimático ou lúdico.

Ao tempo fun considerando a posibilidade de facer un curso ofimático (si, formarme para o Office 97) pois non era normal as horas que estragara facendo o proxecto empresarial no curso aquel da Escola de Negocios CaixaVigo. Fun preguntar a varias academias e en todas elas ía preguntando por Linux...

Nada diso tiñan no eido formativo pero nunha delas, dada a miña teima, presentáronme ao responsable do mantemento dos equipos que, tras convencelo, deixoume facer unha copia dunha Slackware 3.1 que el nin probara.

Entón comecei a andaina. Tiña que facer disquetes para que poidera arrancar o PC polo cdrom trala introdución do adecuado floppy (disquete). Para iso a Slackware viña co programiña rawrite. Con el tiven que facer cousas dentro do Windows como:

cd \bootdsks.144

rawrite bare.i a:

cd \rootdsks

rawrite color.gz a:

Con isto xa podía entrar na BIOS, dicirlle que arrancara polo floppy e tras cargalo xa arrancaba o cdrom co que, por fin, comezaba a instalación. Había que facer as particións e daquela empregábase o fdisk a pedal. Claro, todo era pola liña de comandos!

fdisk /dev/hda

O resultado dun 'Intro' premido tras escirbir aquilo era unha pouca atractiva imaxe:

Command (m for help): m
Command action
   a   toggle a bootable flag
   b   edit bsd disklabel
   c   toggle the dos compatibility flag
   d   delete a partition
   l   list known partition types
   m   print this menu
   n   add a new partition
   o   create a new empty DOS partition table
   p   print the partition table
   q   quit without saving changes
   s   create a new empty Sun disklabel
   t   change a partition's system id
   u   change display/entry units
   v   verify the partition table
   w   write table to disk and exit
   x   extra functionality (experts only)

E claro, co que eu sabía (que era nada)... isto espantaba ou pasaba a ser un auténtico reto.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (os derradeiros anos escuros)

No curso de Introdución á Informática do '89 vira moitas cousas do MS-DOS e, abofé, debería ser un presaxio como outros que viñeron despois, pero non me agradaba nada o de M$. Merquera un libro do MS-DOS, si, practiquei cousas, si, peron non me agradaba.

A finais do ano 1990 meu pai decidiu mercar o primeiro PC que tiven, aínda que fora adicado á tenda e establecido nela. Era un Compaq Deskpro 386 de 20 MHz (sen coprocesador matemático), 100 MB de disco duro, disquetera de 3 1/2" en troques das estándares 5 1/4" e os abraiantes 2 MB RAM. Isto xunto cunha impresora de agullas e un SAI que pesaba toneladas sumaron a nada desdeñable cifra de 1 millón de pesetas... pero finalmente houbo unha rebaixiña na que aforramos unhas 100.000. Xunto ao equipamento houbo que mercar por fóra unha folla de cálculo Borland Quattro Pro, acho que unhas 32.000 ptas con interface ao estilo ncurses, e un programa de xestión comercial do que non lembro o seu custe. Por suposto, mea culpa, o sistema operativo e outras aplicacións eran piratas mais é que por iso estou a calificar estes anos como escuros, non é?

Aproveitei ese equipo para instalar uns primitivos xogos, moi semellantes aos que disfrutaba na sala de recreativos da rúa Estrela, preto da miña casa. Entroume o verme no corpo. O equipo facíase axiña insuficiente en todos os aspectos, sobre todo en canto a RAM, espazo en disco ou a carencia de CD-ROM. Porén, trocalo seguía implicando un forte desembolso e daquela estábamos metidos nunha fase de forte investimento familiar e, polo tanto, con dificultades financieiras.

Espremino moitísimo durante un curso superior de dirección de empresas que fixen coa Escola de Negocios Caixavigo (hoxe, Caixanova) aló polo 94-95. O meu proxecto empresarial esixiu unha morea de horas de adicación en follas de cálculo, xa cunha mellorada Quattro Pro, procesador de textos WordPerfect 5.1... como sempre, o máis lonxe posible de M$, por nada en especial, senón por curiosidade ou calquera outra minucia. Ben lembro que a veces me levaba longos minutos imprimir cada unha das páxinas do proxecto por mor do pobre equipamento e as novas aplicacións, daquela xa gráficas e semellantes ás que hoxe coñecemos.

Algúns colegas de ese curso seguimos unha boa tempada véndonos. Nunha desas quedamos a tomar un algo nunha cafetería que ofrecía conexión a Internet (1994-95?). Foi unha descoberta incríble! Fun varias veces a ese lugar a navegar torpemente, sen saber ben o que facer ata collerlle xeito. Pode que fora o primeiro internet-café da Coruña.

Namentras, os anos pasaban... O meu cuñado deixou un vello 486 clónico con cdrom e 16 MB de RAM, para empregalo nos ensaios do dúo pop-rock que daquela formaba con Susana. Apropieme o que puiden dese PC, pasaba infinitas horas con el. Procurei memoria extra e amplieina ata os 32 MB.

Por encuanto lembro facer buscas na web sobre sistemas operativos e, milagre!, dinme de bruces cun artigo que falaba de Unix, root e unha alternativa free nomeada Linux. Inmediatemente souben dunha comunidade altruista, do proxecto GNU, da distro Slackware e até atopara un artigo amosando como obtela e instalala. Imprimín ese artigo, procurei máis información e fun collendo forzas. Era o remate do verán de 1997, uns meses despois do nacemento de Carla.

slacklogo2.jpg

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (os primeiros anos escuros)

Comezo unha serie de artigos onde amosarei a miña experiencia persoal coa Informática en xeral e especialmente co Software Libre. Loxicamente comezo polos anos escuros, aqueles antes de coñecer o que era root e a GPL, aqueles cos que traballaba co sw privativo.

Souben disto da informática pola asignatura de Álxebra que cursei no ICAI tentando facer enxeñaría industrial aló polo 78-79. Daquela gravábamos códigos en tarxetas perforadas. Lembro introducir moitísimas liñas de códigos para logo imprimir a cara do Ché Guevara. Algunha cousa proveitosa tamén a fixera, si, como a resolución dalgunhas fórmulas sinxelas aínda que complexas de programar.

Outro colega, desta vez nun colexio maior de Madrí, El Pasoti, cordobés, chamounos a atención a moitos dos aloxados nese colexio polo feito de estudar informática. Que é iso? Para que serve? Lembro ben as dores de cabeza das que se queixaba, do pouco gratificante que eran as linguaxes (falaba dunha tal Cobol)...

Logo foi o dun amigo da vida, José (dende hai anos é Joe), de Chimbote (Perú) de pai iuguslavo e nae de Malpica. Foi o do HitBit de Sony, aló polos primeiros '80. Conversando con el hai uns intres, lembraba que o mercara 'pelao', é dicir, viña sen xogos. Estes poderíanse mercar a parte e a prezos elevados. Porén vendíanse revistas con códigos fontes de xogos que manualmente tiñas que introducir no trebello, algo que a Joe custáballe a veces dias para logo non rular. Se tal cousa acontecía, e case sempre lle pasaba, tiña que repasalo todo por mor dalgúns erros cometidos. Cando ao fin rulaba, disfrutaba duns primitivos bonecos movéndose en plan parvo. Ao fin Joe desfíxose do trebello, farto de tanto esforzo e tan pouca compensación.

Abandonada a enxeñaría co primeiro aprobado, estrago dous anos na mili e a seguir comezo facer CC. Económicas, afortunadamente ben mellor pois rematei os cinco cursos en cinco anos, traballando cos meus pais algúns deles e á vez estudando. Todo ben rematado en maio do derradeiro curso aínda que polo medio a cousa fora outra algo distinta. Tras rematar a carreira fixen un curso de Introdución á Informática, todo en MS-DOS. Era o ano 1989.

Mentras cursaba Económicas (daquela na Coruña tiña os tres pimeiros cursos e había que rematar en Santiago os dous derradeiros), outro amigo, Manuel Agrafojo, mostrábame os seus avances en deseño gráfico empregando Windows e Mac, logo co sorprendente Next e finalmente Mac. Hoxe segue a traballar en deseño gráfico con Mac na súa próspera empresa.

Seguirei noutro intre contando os anos previos ata coñecer o Sw Libre en 1997 e, por suposto, tamén o que veu despois.

Chuzame! chuzame -