Yahoo! baseará nova estratexia no Código Aberto

Coa súa recentemente anunciada estratexia Y!OS (Yahoo Open Strategy), Yahoo pretende recuperar o diferencial que a empresa leva perdido nestes últimos anos.

Para atinxir ese obxectivo abriranse todas as súas webs, servizos online e aplicacións web ao desenvolvemento para ofrecer aos usuarios un ambiente de control do 'seu perfil social' en todos os servizos do Yahoo.

Nunha entrevista a IDG, Neal Sample, Arquitecto Xefe da Plataforma Yahoo, dá máis detalles sobre a Y!OS, un proxecto que naceu no comezo do ano 2007 e foi lanzado internamente en setembro.

Entre outros detalles, Sample di:

Ao formular esta estratexia tivemos bastante apoio dos produtos (como Yahoo Mail, Messenger e Flickr). Falamos sobre o que queriamos facer e como queríamos crear un novo Yahoo, coa implicación de todos.

Os próximos meses, os produtos irán reflectir en elementos da estratexia Y OS. O primeiro desenvolvemento ocorrerá nas procuras (por medio do proxecto Search Monkey). Nós collemos unha das nosas maiores e máis importantes plataformas, e na cal están os requerimentos de rendemento máis severos e comezamos a abrila aos desenvolvedores.

(..) Yahoo era bastante homoxéneo no inicio pero medrou moi rapidamente en 14 anos, dividíndose en moitos segmentos, tanto organicamente como por medio de adquisicións. Nós somos o número un en sete diferentes frentes e competimos en moitos outros.

(...) Nós xa temos servizos e aplicacións consistentes. A próxima evolución é engadir o 'social' a esas ferramentas, na contra de seguir o camiño contrario.

(...) Traballando de forma verdadeiramente aberta, temos dúas oportunidades que outras redes non están necesariamente ofrecendo. A primeira é levar o Yahoo fóra da rede por medio de APIs (Application Programming Interfaces), entón vostede pode ter acceso á conexións e experiencias do Yahoo para incrementar estoutras redes sociais. Outra posibilidade é traer as redes sociais a Yahoo. Se as mellores aplicacións feitas por desenvolvedores elevan o noso nivel de competitividade (...) entón tamén estamos abertos a esa posibilidade.

(...) Parte da nosa estratexia é regularizar estes perfís (de usuarios) e concentralos nun único lugar, reducindo a confusión do usuario. Imos facer un único panel para que atualize as súas informacións, saíndo de 25 Yahoos diferentes con 25 perfís cara un único Yahoo e soamente un perfil.

(...) Demos os primeiros pasos relanzando a nosa web da rede de desenvolvemento YDN (Yahoo! Developer Network) fai algunhas semanas. Ademais diso, hai unha iniciativa ao redor da Y!OS para regularizar servizos web e dar aos desenvolvedores só un punto de acceso. El vai usar a súa identificación ou credencial de desenvolvedor para ter acceso á APIs do Yahoo de forma unificada.

(...) a nosa terceira fase, que consiste en abrir Yahoo en calquera lugar. Iso refírese a permitir que os usuarios controlen os seus datos con total transparencia. A información é esencialmente deles e pode ser usada da forma como eles queiran.

(...) Existe un debate en toda a industria sobre 'o momento en que o resultado da procura vai cruzar a liña do uso correcto do contido de terceiros.' Esa é unha cuestión interesante, e o Search Monkey vai permitir que avaliemos o impacto destes cambios para o usuario. Iso é revolucionario, non evolutivo, para a procura: a capacidade dun usuario instalar unha aplicación que 'remexz' resultados facendo con que a procura deixe de ser unha experiencia programada estática e pase a permitir que el inclúa todas as fontes de informacións dispoñibles. Conforme aprendemos máis a respecto Y!OS e os usuarios dannos retorno, chegamos a un período de descubrimentos.

Fonte.

asennadas

Chuzame! chuzame -

Friend Connect, novo servizo social de Google

Un novo servizo de Google, desta vez nomeado Friend Connect, vén de ser anunciado onte incluíndo unha ampla información sobre el.

A iniciativa trata de engadir funcionalidades sociais a sitios webs, blogs incluídos, sen teres que programar posto que emprega aplicacións de terceiras partes (widgets) coas APIs de OpenSocial . Un sitio de exemplo pode ser este.

"O que Google está esencialemente facendo e aproveitarse dos novos estándares arredor das funcionalidades sociais. Estes estándares están especialmente referidos á identidade (OpenID), dereito de acceso a datos (OAuth) e aplicacións sociais (OpenSocial)."

Blogaliza.org xa está a engadir estes novos widgets e funcionalidades enriba descritos.

Fonte.

asennadas

Chuzame! chuzame -

Skype conectado ao Pidgin

Grazas ao apuntamento que me deu Calidonia souben deste plugin para mellorar a operatividade do programa de VoIP privativo máis estendido, o Skype, xunto ao Pidgin. Trátase do Skype4Pidgin.

O plugin en si ten licenza GPL e aínda que conecte Sw Privativo con Sw Libre é algo expresamente admitido pola FSF.

Desta vez deixo a evidencia do meu parecer a criterio de cada quen tan só relembrando o acontecido poucos dias atrás coa nova titulada "GPL vence a Skype".

asennadas

Chuzame! chuzame -

UTF-8 domina a web

Decembro de 2007 foi o primeiro mes da historia, segundo sinala Google, no que o UTF-8 foi identificado como a codificación de carácteres (character encoding) máis utilizado na web, ultrapasando o US-ASCII e Latin-1/Windows-1252 (o famoso ISO8859-1), os máis populares ata ese intre.

unicode2.gif

UTF-8 é a codificación de carácteres que vén instalada por defecto na maioría das distros GNU/Linux actuais, pertencente á familia de carácteres Unicode. Porén, se cadra procurando manter a compatibilidade coa maioría, moita xente adoita trocalo polo da ISO, por exemplo, para ler correos-e.

Agora xa non tes excusa, usa o estándar UTF-8, canto antes mellor! Se ademais desenvolves SwL, sitios web... por favor, faino axiña. Confío que con a clara aposta polo emprego deste estándar, moitos dos persistentes atrancos na codificación de carácteres desapareza o máis rapidamente posible.

Nova atopada en Br-Linux apuntando cara esta fonte que tamén fornece un excelente artigo titulado Charsets e encodings.

asennadas

Nota: O título da imaxe de Google debería correxirse polo de "Crecemento do UTF-8 na web".

Chuzame! chuzame -

Propietario ou Privativo?

Un dos erros máis estendidos á hora de diferenciar o Sw entre Libre (aínda que xuntemos eiquí ao de Código Aberto non 100% libre) e os demais é nomear a estes últimos como Sw Propietario.

Entón, que quere dicir isto? É que o SwL NON ten propietarios? Ah, si teñen propietarios, houbo alguén que o fixo e o segue a facer. Se é así, daquela son os dous Propietarios? Os dous recoñecen o Dereito de Autor. Que hai de errado nisto? Realmente o único errado é xustamente o sentido que lle pretende dar o seu uso habitual pola sociedade.

Se un olla na entrada da Wikipedia o termo "Dereito de Autor" (está en castelán) compróbase que restrinxe o Dereito de Autor ao ámbito do coñecido Copyright, tanto así que a propia ligazón inclúe ese termo. Porén ao final da entrada dase unha ligazón a algo máis adecuado cuxo título é "Right o Left?" de Rebelion.org.

Segundo sinala Víctor Salgado (Pintos & Salgado), con quen compartín uns minutos onte, "a licenza libre GPL é a auténtica esencia do Dereito de Autor" posto que amosa ás claras a potestade que ten o propietario da obra, neste caso Sw, de elixir o que si ou non se pode facer con ela.

Adoro o nome Privativo acuñado (ou alomenos divulgado) por Richard. M. Stallman! É, baixo o meu punto de vista e con algunha obxección, o máis adecuado para aclarar o que hai detrás dos distintos Sw amparados polo Dereito de Autor: uns privan de dereitos e outros outorgan dereitos. Daquela un é Privativo e outro é Libre, mais os dous son Propietarios. Velaquí a diferencia!

Esforcémonos en chamar ás cousas polo seu nome correcto, o mesmo que xa facemos con hacker e cracker, expliquémolo á xente. É tan importante isto que gran parte desa mesma sociedade cre que o libre NON ten propiedade e, por tanto, pode facer con el o que queira!

Ollo señorías TIC que aínda non comprededes o que é SwL en toda a súa extensión, tede moito coidado con violar o Dereito de Autor das licenzas libres. Non vaia ser que vos denunciemos en GPL-Violations ou poñades en perigo o voso negocio enteiro, como pode acontecer no caso McAfee, por empregar códigos abertos e libres no seu Sw comercial.

asennadas

Chuzame! chuzame -

Kaltura, solución GPL para video colaborativo web

Kaltura é unha completa plataforma libre á que haberá que seguir de preto porque pode encher un óco apenas coberto por solucións privativas ata o de agora. Pódese descargar o seu código fonte en Sourceforge.

Kaltura posúe importantes aliados, tanto clientes como socios. Entre estes están a Wikipedia, Google, Beta Records, Creative Commons, Drupal, etc.

Esta plataforma libre posibilita integrar facilmente contidos multimedia cheos de funcionalidades engadidas como procuras de videos, suba, descarga, importación, edición, anotación, misturado e compartición en rede.

Con todas estas características non é de estrañar que Kaltura pretenda ofrecer video interactivo a cada sitio web para crear daquela a maior rede de video distribuido.

Fonte.

asennadas

Chuzame! chuzame -

Prácticas con Python

A prestixiosa revista Linux Magazine ten na súa vertente electrónica unha boa serie de artigos, todos eles descargables en PDF, que inclúe unha ampla gama de temas sobre programación en Python, unha das linguaxes máis flexibles e empregadas na actualidade.

Estes son os artigos:

Están en portugués do Brasil.

asennadas

Chuzame! chuzame -

Fring.com conecta móbil, SIP, Skype, Twitter…

Fring.com é un sitio web que ofrece un bo servizo para teléfonos móbiles que poidan conectarse a Internet. Ese é o meu caso grazas a un novo Nokia E65 (realmente é o E65-1) que temos os integrantes de C.T.I. TEGNIX. O trebello ten Wi-Fi, S.O. Symbiam e moitas cousas máis, idóneas para axendas colaborativas, contactos compartidos, etc.

Ao caso, conecteime con el por rede inarámica, fun a Fring.com, descarguei a aplicación e unha complementaria, dinme de alta e logo completei os axustes para conectarme (no meu caso) a:

  • SIP de Ekiga
  • Skype
  • Google Talk
  • Twitter

E hai máis posibilidades que non emprego.

Fixen probas e puiden chatear, enviar notas ao Twitter e até falar polo móbil recibindo unha chamada polo Skype.

Chuzame! chuzame -

Dicionarios Urbáns

Case que todos temos unha serie de marcapáxinas con dicionarios e tradutores para diferentes linguas. Telos non abonda para garantirmos un resultado de procuras satisfactorio.

Por que? Máis ca nada por mor de novos termos nados ao abeiro das novas tecnoloxías, especialmente Internet e telefonía móbil, xunto á xerga empregada con cada nova xeración, a incorporación á nosa sociedade de persoas con variopintas nacionalidades ou a invasión de terminoloxía anglosaxona.

Así, podes ter dificultades en ataopares termos hispanos como perrea, chota, gañán, ñardo, chimba... ou os anglosaxóns newbie, IMHO, FAQ...

Para ese tipo de terminoloxía tes:

Chuzame! chuzame -

Que distro acada máis procuras en Google?

Un dos servizos que fornece o maior buscador é Google Trends, con actualización diaria. Con el pódese saber que é o que máis se procura.

Tendo isto en conta obtés estadísticas que poden servir, por exemplo, para tratar de coñecer que distros son as máis populares, comparándoas en grupos de cinco. Das varias probas feitas, se cadra a máis significativa é a de "Ubuntu, Debian, Fedora, OpenSUSE, Mandriva". O volume das procuras feitas para todas as rexións coincide bastante ben coa obtida para España.

Esta é a imaxe obtida para España:

google-trends-ubuntu-debian-fedora-opensuse-mandriva-mozilla-firefox-600.png

Vese ben ás claras que as procuras referidas a Ubuntu son ás máis abundantes. Neste caso, dada a ampla marxe de diferencia, é doado extrapolar que esa distro que hoxe estrea nova versión (8.04 Hardy Heron) é a máis usada. Obviamente con todas as salvedades.

asennadas

Chuzame! chuzame -

Piratería, Uso Lexítimo e Redes Sociais

Ultimamente adoito visitar a web Tecnocidanos que, xestionada por Antonio Lafuente, ten o subtítulo "en defensa de la gobernanza, la participación en ciencia y el procomún".

No artigo que acabo de ler, titulado La Economía del Fair Use, inclúense ligazóns e conceptos moi interesantes baseados na seguinte apreciación:

"... sobre as dimensións que ten a economía baseada nas excepcións ás leis da propiedade intelectual que, en termos xerais, coñécense como piratería (apropiación gratuíta ilegal) e fair use (apropiación gratuíta lexítima)."

Non comparto deste mesmo xeito o termo piratería. Mais ben prefiro estoutro da RAG:

2. fig. Roubo, estafa ou apropiación de bens alleos, por medios fraudulentos. Algún día descubriranse as súas piraterías.

... aínda que tampouco está afinada a súa definición.

Estamos ben cansos de comprobar as sentenzas confirmando que as descargas (multimedia) empregando as distintas tecnoloxías P2P son legais. A ver se dunha vez fica claro isto, posto que existe o dereito á copia privada. O que se considera ilegal é o beneficio económico que se obtén das copias, por exemplo, o coñecido fenómeno top manta.

É dicir, poderíase dicir que existen:

  • Piratería é a obtención de beneficios económicos sobrepasando ao amparado polo dereito lexítimo de copia. Un exemplo é o top manta.
  • Dereito á copia privada é a apropiación lexítima, amparada por lei, e gratuita de bens culturais a pesares das licenzas restritivas impostas polos seus autores. Exemplo, as copias descargadas en redes P2P. Persoalmente isto poderíase asemellar ao Fair Use que sinala Lafuente.
  • Copias de obras con licenza Copyleft, aquelas obtidas lexitimamente que até animan á distribución, modificación e publicación como libre transmisión do coñecemento.

Loxicamente, posto resumidamente e con moitas salvedades e puntualizacións.

Dito isto, volvo ao artigo de Lafuente. Nel inclúense varias cifras impresionantes ao redor do fair use, coma as obtidas polos motores de busca máis coñecidos e empregados en Internet. Por exemplo, sinala que:

"As empresas que viven do fair use achegan o 16,6% do PIB dos Estados Unidos, xeran 2,2 billóns (10 elevado a 12, non os billóns anglosaxóns) de dólares e dan emprego a 17 millóns de traballadores. Hai máis datos e todos son impactantes como, por exemplo, que a industria do fair use xera máis riqueza que a do copyright, cuxo valor queda nos 1,3 billóns (10 elevado a 12) de dólares."

Abraiante! Daquela, como corolario, temos que deixar de facer procuras que poidan xerar intereses económicos posto que os resultados, de seguro, serán convintemente manipulados.

Cada vez está máis claro que terá que aparecer algún motor de buscas baseado intensamente nas Redes Sociais, se cadra filtrando os mesmos resultados que se obteña cos tradicionais ;-)

Nota: Incluín como imaxe a portada dun libro que ten algo que ver con todo o mencionado neste artigo, polo que pode ser válida a súa lectura no eido norteamericano. Velaquí a ligazón de Fair Use.

Chuzame! chuzame -

YouTube to Mp3.org, para que?

Atopei YouTube to Mp3.org, unha web na que introduces o enderezo dun video colgado en YouTube, extrae o audio en formato MP3 para que logo o descargues ao teu computador. As características do audio obtido dunha proba que fixen son:

  • Códec: MPEG-1 layer 2
  • 44100 Hz
  • Estéreo
  • 128 kbps

Exactamente isto podes facelo empregando diversas alternativas e sen necesidade de recorrer a este portal.

En dous pasos

Para beixares os videos podes escoller, só a modo de exemplo, entre instalares a extensión DownloadHelper no Firefox (que é quen de baixar tamén outros tipos de arquivos) ou youtube-dl.

Unha vez descargado o video en formato .flv podes usar a liña de comandos para extraer só o audio. Fixen unha proba coa que obtiven o mesmo resultado escribindo nun terminal:

ffmpeg -i ficheiro.flv -acodec mp3 -ab 192 -ac 2 -ar 44100 ficheiro.mp3

Porén, non hai necesidade de entrar na liña de comandos xa que logo o programa WinFF pode facelo por ser unha interfaz do ffmpeg. WinFF pode convertir formatos tanto de video como de audio e até facer o que xustamente quería neste caso, extraer só o audio en MP3 dun video de YouTube. Loxicamente, é mellor elixir o formato OGG, aberto e libre...

Nun único paso

O anterior sería feito en dous pasos (baixar video e logo extraer audio). Se prefires facelo nun, descárgate PyTube. Nel podes introducir o enderezo do video de YouTube e logo elixir extraer só o audio.

asennadas

Chuzame! chuzame -

Haberá un Faceboogle como buscador ideal?

faceboogle-630.jpgAs buscas en internet están en decadencia ou iso alomenos cre un dos investidores en Capital Risco que Glenn Derene coñeceu cando discutían sobor das amplas implicacións que poidera ter o apagado do trío Micro$oft-Yahoo-Google debido á morea de cambios que está a acontecer en Internet nun curto prazo de tempo.

Esa predicción semella ser ridícula cando ollamos que o valor de capitalización que posúe Google quintuplica ao de Ford, por exemplo, xa que logo Google medrou a velocidade de vertixe e cunha metodoloxía eficiente de manexar inxentes cantidades de datos. Ademais ten o ambicioso obxectivo de dixitalizar cada libro feito namentres reinventa o negocio de publicidade ata o que daquela coñecíamos.

Canto máis medra a Web máis importante se tornan as buscas, certo? Porén o amigo de Glenn, investidor en Capital Risco, trocou de parecer e agora di que "As buscas, tal como as coñecemos, están mortas". O que realmente el quere dicir é que, co auxe das Redes Sociais reflictida en sitios como Facebook, MySpace, Twitter, Second Life, LinkedIn e até Orkut de Google, a vindeira xeración de ususarios da Web poderán atopar o que queiran empregando os contactos nesas redes socias no canto de confiar en algoritmos de buscas.

No pasado recente comezaron xurdir iniciativas que proveñen da xeración de contidos feitos polos usuarios. Flickr, por exemplo, naceu por mor entender que a xente non só quere ollar fotos senón compartilas. Idem ou semellante con YouTube. Agora asistimos a unha explosión de comunidades en liña polo que o natural sería crear vínculos ao redor delas. De feito iso é o que a Humanidade leva facendo dende hai séculos: atopar persoas con intereses semellantes e formar grupos ou viceversa.

Udi Manber, alto cargo en Google, dixo un tempo atrás que a súa empresa podería evolucionar para incluir os datos xerados nas redes sociais: "A busca sempre referiuse ás persoas. Ten que ver con darlle á xente o que ela precisa. A arte de ordenar require recoller montes de sinais e poñelas todas xuntas. Os sinais que veñen das túas amizades son mellores, son sinais máis fortes".

O que pode ser o máis forte de todos os sinais é a pegada que imos deixando neses sitios, especialmente os perfís deixados en Facebook ou LinkedIn, misturadas logo cos hábitos de compra de Amazon coas suxestións das túas amizades. Na actualidade esas informacións están almacenadas en diferentes sitios (historial e marcapáxinas do teu navegador, webs sociais, o teu blog...). Agora imaxina o exacta que pode ser unha procura se cada pregunta que fagas é respostada grazas a toda esa información existente en Internet que conforman os nosos meta-tags.

A pesares de ser Google o lider indiscutible nas buscas en Internet e empregar diversas destas técnicas, aínda non se está a acadar todos os puntos antes sinalados, sexa polo desenvolvemento dos adecuados motores de busca ou por outras cuestións como a privacidade. Cando esta evolución poida acontecer entón estaremos ante a morte das procuras tal como hoxe entendemos.

Fixen unha tradución non literal deste artigo, atopado grazas a esta fonte, misturando algo co meu parecer porque sinala varias das cuestións que recentemente puxen de manifesto no artigo "Privacidade vs. Redes Sociais".

asennadas

Chuzame! chuzame -

Proxecto extremaduraVista

extremaduraVista é unha rede de cámaras de alcance rexional que ofrece en tempo real, a internet, imaxes de todos os puntos da rexión estremeña, así como servizos de valor engadido tales como datos meteorolóxicos, contidos audiovisuais, etc.
Desde este portal, atopamos vistas reais e instantáneas de localizacións estremeñas, gozando da contorna privilexiada de Estremadura, coñecendo as súas posibilidades, visitando de forma virtual lugares de gran interese.

Toda a tecnoloxía de servidores que emprega extremaduraVista está baseada na distribución gnuLinEx.

A Rede de Webcams de Estremadura, extremaduraVista, constitúese como un proxecto de promoción da imaxe de Estremadura en Internet que se materializa na instalación de 150 cámaras por todas as comarcas da rexión aproveitando as infraestruturas da Intranet Rexional de Telecomunicacións da Xunta de Estremadura e naqueles puntos xeográficos da Rexión que recollan a vista máis significativa de cada lugar, polo seu interese histórico, turístico, social ou cultural. Xa que logo, queda claro, que o fin último é mostrar, exclusivamente, o Patrimonio Natural e Cultural da nosa rexión e de ningún xeito a persoas.

As imaxes e datos xeradas polas cámaras e compoñentes de extremaduraVista, son catalogados como "coñecemento libre" e compartidos pola Xunta de Estremadura baixo os termos de licenza pública Recoñecemento - Non comercial - Compartir baixo a mesma licenza 2.5 España de Creative Commons.

Fonte e máis información.

asennadas

Chuzame! chuzame -

Privacidade vs. Redes Sociais

Redes SociaisLembro dos consellos que se daban máis ou menos unha década atrás: "Non colgues unha foto en Internet!" Decíase porque poderían empregala, modificala e distribuila con supostos fins perversos... Hoxe, moitos temos fotos colgadas 'publicamente' en servizos moi estendidos, como Flickr ou Picassa. Que pasou?

Iso lévame a meditar e facer aínda outras preguntas, non sempre co ánimo de respostalas, tan só expoñelas enriba do tapete.

Por unha banda, desexamos unha Internet sen control de potencias externas, temos inquedanzas pola posible manipulación que poideran facer e desexamos navegar na rede con privacidade (máxime nas nosas compras ou xestións bancarias) e anonimato. Moita xente adopta alcumes (nicks), algúns tan común como as do tipo 'palabriña_números' pois 'palabriña' xa tivo alguén que a pillara antes. Outros empregan proxys anónimos que enmascaran o seu enderezo IP para non deixar rastros...

Pola outra banda está o auxe das redes sociais, abundan blogs onde cada quen amosa as súas opinións persoais (eu mesmo estou a facelo agora!), proliferan servizos para que compartas gustos musicais (Last.fm...), o que estás a facer nun intre concreto (Twitter...), novas que che interesan dar a coñecer (Chuza!, Menéame...), os teus marcapáxinas, as túas preferencias multimedia e até as túas necesidades de contactos persoais ou o teu propio CV (LinkedIn, Xing...).

Que está a acontecer? Está unha a predominar frente á outra? Son compatibles? Se cadra a inxente cantidade de internautas incentiva o oposto, é dicir, darse a coñecer, sairmos do anonimato para, de paso, beneficiarnos das sinerxias producidas por estar en rede emailos beneficios da cibercultura. Ten temor a ser descoberta aquela persoa que vai de peito aberto porque é sana, sincera e non lle importa que unha parcela da súa vida sexa pública? É iso? Temos na rede unha parte publicable e outra non, cada vez máis semellante ao que acontece na vida real? Cando comezamos a navegar por Internet desconfiábamos porque non a coñecíamos e agora, xa experimentados, percibimos certa comodidade? É o ciberespazo tan grande para que cada un de nós pasemos desapercibidos xunto ás nosas publicacións e confesións persoais? É tan grande para sentirnos anónimos a pesares de publicar gustos, fotos e demais? Que hai da impresionante velocidade de cómputo da tecnoloxía? Que pode facer esta con todos os datos e rastros que imos deixando nas redes sociais co paso do tempo? Abondaría para obter de nós un perfil moi preciso? Favorecen as novas tecnoloxías as comunicacións privadas?

Que efectividade ten a LOPD (Lei Orgánica de Protección de Datos) se moitos de nós imos espallando os nosos datos persoais? É que, como na vida real, compartimos partes da nosa intimidade con algúns e con outros non? Ten algún sentido iso se Internet é accesible por todos?

Moitas máis cuestións podería engadir pero, desde o meu punto de vista e mailo meu xeito de entender e vivir a vida, pouco ten que agochar alguén que vai de peito aberto, é dicir, con a certeza subxectiva de que non fai mal a ninguén. E, se o fixera, (digo eu) faría ben en publicalo para que o rebatiran e daquela poidera rectificar, procurando facelo ben na vindeira oportunidade.

Alén de todo, as nosas vidas son tan efímeras... será por iso?

Chuzame! chuzame -