Anticiparse ao inevitable

As tendencias estanse a confirmar teimadamente e a regra natural hase cumprir: «quen se anticipe terá vantaxes competitivas, quen o faga ‘a tempo’ permanecerá practicamente inmóbil e quen demore xa pode ir pensando na súa propia defunción«.

Adaptarse debe ser unha constante inquedanza. E sobre adaptacións coido que nada mellor que un bo exemplo: na evolución das especies comprobamos que os golfiños deixaron os mares para sobrevivir na terra e logo regresaron á súa orixe, ao mar, onde hoxe os vemos, adaptándose sempre que foi preciso.

As tecnoloxías, máis que nunca, están a afectar aos modelos de negocio e á maioría das estructuras intensamente dependentes de recursos humanos. Ademais disto, están a facelo a velocidades de vertixe. E isto tampouco é novidade. Porén, tamén teimadamente, a demora á hora de adaptarse adoita ser a resposta case que xeral dos afectados. A adaptación, de habela, é irritantemente lenta.

Unha breve lista de grupos aínda inadaptados, é dicir, aqueles afectados que, maila ter indicios suficientes do perigo que se lle aveciña, apenas tentan adaptarse:

- As discográficas quéixanse, laméntanse… tanto que as leis vanse adaptando ás súas esixencias no canto de elas iren adaptándose ao novo contorno. Agora non é necesario contar con custosísimos estudos de gravación, múltiples enxeñeiros de son, materiais derivados do petróleo, distribuidores, tendas físicas, dependentes… para poder disfrutar das melodías duns poucos artistas. Hoxe iso grazas a internet pódese facer cun ‘clic’ e escoitar exactamente as melodías que desexas. E cada vez temos máis e máis artistas. A música non está en perigo, con certeza, só as discográficas inadaptadas e mailos afectados polo seu modelo de negocio e distribución.

- As editoriais deberían telo claro dende hai tempo pois o éxito de Amazon é ben coñecido a pesar de ter apenas uns quince anos de vida.  Tras Amazon outras moitas tendas online naceron replicando o seu modelo de negocio. Agora xorden masivamente e-books e até e-magazines polo que a cultura escrita tamén queda a un ‘clic’. Como afectados temos ás editoriais, as papeleiras, as distribuidoras, as tendas físicas, dependentes… Hoxe, tamén máis que nunca, a cultura escrita abunda, os custos de editar redúcense considerablemente no eido dixital e novamente identificamos ao grupo afectado.

- Tirando do fío das editoriais podemos anticipar que os libros de texto, si, eses trebellos ‘imprescindibles’ para o ensino, poden ter a súa data de defunción anunciada. Que acontecería se o profesorado participara na elaboración do seu propio material didáctico nunha Wiki educativa? Isto xa está a acontecer en California onde está previsto un millonario aforro nas arcas públicas e unha ampla melloría na calidade do ensino. Polo camiño ata ese potencial obxectivo hai profesores individuais, colexios, institutos e universidades que publican o seu material, comparten foros co alumnado, medra a oferta e-learning

Podería estar enchendo isto de exemplos porque semella que vivimos nun mundo perfectamente copiable.

Sen embargo, para rematar este artigo vou ir aínda máis lonxe, moito máis lonxe. A democracia tamén terá que adaptarse. Realmente, stricto sensu, é coñecida como ‘goberno do pobo’ desde a antiga Atenas maila comezar realmente a implantarse e difundirse hai pouco máis dun século, antes só era falacia ou utopía. E hoxe? É ‘goberno do pobo’ ou ‘goberno de representantes do pobo’? Si, representantes dun pobo hastiado, cada vez menos participativo nas eleccións, que realmente é gobernado durante catro anos polos mesmos representantes ata volver ser consultado. Poderá a universalización do acceso á rede modificar a metodoloxía pola que o ‘goberno sexa realmente do pobo’? Cando iso aconteza posiblemente teñamos unha auténtica democracia e a partir daquí xa veremos se ese é o mellor goberno posible.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Compensa esforzarse en convencer se hai desinterese?

Bob Sutor, vicepresidente de negocio Open Source e Linux en IBM, deu o relatorio inaugural da recentemente concluída LinuxCon 2009 e nel deixou algunhas ideas sobre o seu parecer arredor do futuro de GNU/Linux no escritorio.

Para ilo deseñou estes potenciais escenarios:

  • GNU/Linux destacándose, probablemente tendo unha distro dominando os escritorios
  • GNU/Linux acadando paridade con M$ e Apple
  • GNU/Linux desaparecendo dos escritorios

Sutor cre que a maioría da xente di: «Non quero que me molesten. Iso simplemente funciona. Quero facer o meu traballo e irme a casa«. Daí que Sutor conclúa que «facer unha substitución completa do escritorio é unha ruela sen saída» e que, polo tanto, é un erro intentar convencer ás persoas para que usen algo no cal non están interesadas. «Non desperdicien o seu tempo«, aconsella.

Ao mesmo tempo Sutor suxire á comunidade que enfoque a súa estratexia noutros nichos onde os seus esforzos teñan unha mellor oportunidade de acadar éxito, como os contornos virtualizados. E un exemplo dalguén que sen dúbida se está tomando moi en serio a potencialidade doutros nichos é Intel coa súa iniciativa Moblin.

Podes ampliar máis disto na fonte e máis na nova orixinal.

Opinión

Certo é que hai un factor determinante en todo isto: o costume. Quen está afeito a un xeito de traballar sabe que un cambio de contorno halle supoñer un esforzo, mínimo (considero) pero esforzo ao fin. Ademais é certo que estamos a tratar cunha xeneración á que a tecnoloxía informática chegou de xeito pouco natural. Moitas persoas, atrévome a dicir que a maioría, non navegaba hai unha década e outras moitas foron autodidactas aprendendo a traballar coas aplicacións informáticas. Polo tanto o medo ao cambio é lóxico e natural.

Porén, explicar con claridade as vantaxes do cambio, apoialo con formación e acompañalos nos seus primeiros pasos no novo contorno semella ser determinante para acadar o éxito perseguido por quen promove o cambio. De feito esa é unha mostra da estratexia que empregamos en TEGNIX perante calquera proceso integrador de tecnoloxías libres.

Moitos xa sabedes que penso que no eido particular considero que cada quen pode empregar o que considere apropiado maila aconsellar SwL, está claro. No eido empresarial o SwL supón un monte de vantaxes competitivas e daquela considero que é unha escolla estratéxica e decisiva. No eido público, con total certeza, só se pode promover e dar os pasos necesarios para o seu emprego na totalidade das súas dependencias e usos.

Os múltiples casos de éxito de integracións de tecnoloxías libres fanme concluir que «Si» compensa esforzarse, até se hai desinterese. Abonda con seguir unha planificación estratéxica adecuada e ben medida para cada caso.

Todo isto sen afondar nos múltiples puntos nos que pagaría a pena entrar ou salientar. Se cadra nun seguinte artigo…

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Dia Mundial contra as Patentes de Software

O dia 24 de setembro celébrase o Dia Mundial contra as Patentes de Software. O Parlamento Europeo parou hai cinco anos a tentativa de legalizar as patentes de software en Europa. Un esforzo sen precedentes da comunidade fixo posible avisar dos posibles perigos que ilo suporía. Dende aquela os litixios e trampas das patentes convertéronse nun serio problema tanto para o mercado como para usuarios de software. Daí que esta iniciativa siga loitanto por reducir os riscos que impeden a innovación e investimento no sector.

Maila coñecida intención dos EE.UU. de reformar o seu sistema de patentes de software cara o actual europeo baseado nas leis de Propiedade Intelectual que amparan ao Dereito de Autor, as oficinas de patentes a escala mundial continúan a garantir tales dereitos sen reformar a súa práctica.

Como acontecera anos atrás, é necesaria a axuda dunha comunidade responsable e organizada para superar esta crise de patentes de software.

Pódese colaborar de moitos xeitos, por exemplo, dende asinar a petición europea, pór un banner, mercar unha camiseta, particapar nas súas listas e outras máis que podes atopar na súa web.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Spectrum vs. Tamagotchi

Non é a primeira vez que defendo as consecuencias que supón o cambio xeneracional que está a provocar unha certa crise no nivel de matriculacións en enxeñaría informática.

Podemos dar por certas as diversas fontes que sinalan tal crise. Así, hai fontes que corroboran que está a producirse unha forte caída nas matriculacións en enxeñaría. Na Universidade de Málaga sinalan que tal caída é do 43% nos últimos cinco anos, na Escola de Enxeñaría Técnica Informática de Xixón baixou un 20% nos últimos catro anos e a metade no pasado curso e segundo un estudo da Universidade Politécnica de Catalunya haberá en España un 32% menos de titulados en carreiras TIC en 2010 que no período 2005-2006.

Uns fan a pregunta «Non gusta estudar Enxeñaría Informática en España?» e algún medio sinala que tal caída tamén abrangue ás carreiras científicas (Física, Química ou Matemáticas).

Poderíase entrar na obxectividade de tales informacións pois, por exemplo, en ningún deles coméntase o que acontece con eses mesmos datos se temos presente a pirámide poboacional para eses períodos. Outros moitos factores poderíanse pór en riba desas cifras e seguramente todo ilo daría unha visión moito máis clara do que está a acontecer.

Porén a min chámame a atención un detalle, se cadra, nimio e anecdótico. Trátase dalgo que ten que ver coas xeneracións Spectrum e a máis recente xeneración Tamagotchi. Non me refiro con precisión absoluta a eses períodos dado que á do Tamagotchi aínda estará estudando bacharelato ou a ESO.

Refírome ás xentes que comezaron xogando con trebellos aos que había que meterlles man para facelos rular cos máis novos programas como acontecía con quen tivo nas súas mans algo semellante a un Spectrum, vellos PC sen conexión á rede, con contornos gráficos primitivos e así por diante. Estas persoas teñen a curiosidade necesaria por achegarse ao fondo dun kernel ou a un programa de baixo nivel.

Esa xeneración aínda non coñecía Internet pois esta fíxose realmente popular a partires da segunda metade dos noventa, xusto cando popularizábase tamén a telefonía móbil, as videoconsolas e nacía o Tamagotchi (1996). Quen na infancia xa tivera a ocasión de navegar pola rede, ter sistemas operativos con contorno gráfico amigable, unha ampla variedade de xogos e consolas, chamar por móbil e até disfrutar cun Tamagotchi terá hoxe unha idade moi próxima á adolescencia ou no tempo de escoller a súa futura profesión. Posiblemente, esta persoas disfruten máis empregando a tecnoloxía que progamando esa tecnoloxía, máis como usuarias e menos como desenvolvedoras. Posiblemente porque sempre tiveron diante interfaces gráficas amigables e unha chea de posibilidades comunicativas.

Insisto, chámame a atención esta idea aínda que, se cadra, sexa nimia e anecdótica.

Outra das motivacións, seguro que máis importante que todo o que en riba comento, pode vir da ambigüedade do termo ‘informático‘ como profesión. Hoxe auto-noméanse así quen fixo a carreira, sexa superior ou técnica, quen fixo FP ou un sinxelo curso e até quen é catalogado como «manitas» cos computadores. Isto leva tamén ao desprestixio social e a manter uns soldos baixos en relacións ás outras carreiras. Como lle dixeron ao amigo Óscar «un informático pode ser calquera«.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

A prol do Sw Libre, sempre!

A prol do Sw Libre, sempre!

Moitas persoas levamos anos loitando activamente e con teima a prol do Sw Libre. Porén, queda tanto para acadar ese obxectivo! Daí que nos aledemos moito por cada logro atinxido, como compensación a tanta fe e esforzo.

Antes de 2005 nin iniciativas políticas había, agás as actuacións testimoniais dalgúns concellos, centros de formación ao profesorado e pouco máis. Maila ausencia de apoios oficiais, facíanse xornadas de difusión, traducíase software, nacían GUGLs (Grupos de Usuari@s de GNU/Linux), consolidábanse as primeiras empresas forncedoras… todo un conxunto de ítems que axudaron a que as diversas forzas políticas levaran ás eleccións autonómicas, evidentemente en distinto grao de intensidade e credibilidade, propostas a prol dos estándares abertos e o SwL.

A partires de 2005 sucedéronse excelentes novas. No acordo de goberno acadado polo bipartito facíase mención expresa tanto o SwL como os estándares abertos. «Será certo? Serán só declaracións?«, pensábamos con ansiedade.

Trocamos ansiedade por paciencia cando agardamos un ano completo polo nacemento da ben querida mancomun.org en maio de 2006. Logo viñeron PEGSI, Rede de Dinamización, o contundente apoio á língua, o diálogo cos diversos axentes da comunidade e outras moitas emblemáticas actuacións. Moitas positivas, todas mellorables, algunhas até criticables pero non temo errar ao afirmar que a valoración xeral en canto ao SwL foi positiva maila vir todo dunha única consellería.

Do lado desesperanzador véu a nulo cumprimento do PEGSI dentro dos propios órganos do goberno bipartito da Xunta. Proba dilo é que o sw privativo aínda está a imperar na abrumadora maioría dos escritorios, a documentación interna manexada segue sendo intercambiada con formatos pechados e a integración de SwL apenas deixa de ser testimonial. O que hai neste eido é máis debido á teima de individualidades que ás decisións firmes de quen lle competía facelo.

Máis no meu outro blog.

Roberto Brenllategnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

6 razóns para licenciar baixo (A/L)GPL

O programador Zed Shaw comenta as 6 razóns para licenciar o seu traballo baixo (A/L)GPL e curiosamente ningunha de las refírese á liberdade de quen vai usalo.

Zed leva «décadas desenvolvendo software, algúns con éxito» e meditou moito sobre ilo, sobre todo con aquelas persoas que propugnan licenzas de tipo BSD ou MIT. Velaquí están resumidas as súas 6 razóns:

  1. Por que é o seu dereito de autor e, polo tanto, por que el o quere así. Se a ti non che gusta, simplemente nin tan sequera uses o seu software.
  2. Non sentirse ignorado de novo (refiríndose á súa experiencia co exitoso proxecto Mongrel) dado que nin sequera recibiu mención sobre ilo, algo que Zed di que «necesita«.
  3. As empresas tecnolóxicas están deseñadas para seren creadas e destruídas rapidamente por entidades de Capital Risco (Venture Capital). Estas non teñen ningún incentivo que ofertarlle e polo tanto Zed tampouco ten ningún incentivo social para «darlles» o seu software.
  4. Para esixir que os demais sexan honestos. «Se é bo, paga por el» e non se adiquen a plaxiar o traballo doutros.
  5. Para aumentar a súa motivación a seguir desenvolvendo un «proxecto open source, teño que cobrar por ilo«.
  6. Valor percibido. Cre que a xente non lle dá valor a aquilo que non se lle cobra.

Estás ti de acordo? No seu artigo tes estas razóns ampliadas así como opinións doutras persoas nos comentarios e na fonte.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Promesas para Mono, só iso

Alberto Barrionuevo contestou á mensaxe de Ismael Olea referida a que Microsoft aplicará a Community Promise tanto á ECMA 334 como ás especificacións ECMA 335, todo ilo referido á polémica sobre Mono SI ou Mono NON.

Barrionuevo sinala:

Esa suposta licenza xa a comentamos amplamente durante a estandarización de OOXML na ISO/IEC. Segundo moitos avogados estadounidenses que a estudaron (incluíndo o FSLC da FSF) ese texto non licencia nada. Primeiro falla ao ser unha «promesa» (non ten carácter legal) no canto dunha licenza. As promesas lévaas o vento. Por contra, as licenzas son contratos legais.

Despois, falla en varias cousas máis. Que lembre así de súbito velaquí algunhas:

1) «is compliant with all of the required parts of the mandatory provisions of that specification«: con «all» implica que se o que necesitas é, pola funcionalidade da túa aplicación (por exemplo, un visor vs. un editor), facer unha implementación parcial da especificación, non quedas cuberto porque non terás «cumprido con todas as provisións obrigatorias da especificación«.

2) «This is a persoal promise directly from Microsoft to you, and you acknowledge as a condition of benefiting from it that non Microsoft rights are received from suppliers, distributors, or otherwise in connection with this promise«. Isto pódese interpretar como que impide a redistribución. Debería quedar absolutamente claro que si se pode redistribuír para que sexa compatible coas GPLs.

3) «To clarify, «Microsoft Necessary Claims» are those claims of Microsoft-owned or Microsoft-controlled patents that are necessary to implement the required portions (…) of the Covered Specification«. Ningunha reivindicación de patente é necesaria para desenvolver un software. Ninguén necesita acudir a esas patentes para implementar a especificación. O que outorga con esta «promesa» é en realidade *nada*, en termos de patentes.

4) «portions (which also include the required elements of optional portions) of the Covered Specification that are described in detail and not those merely referenced in the Covered Specification.«: Como se sabe que está suficientemente «descrito en detalle» e que está «meramente referenciada«? Onde está a liña que delimite? Onde queira Microsoft a posteriori? Lendo as especificacións (polo menos a de OOXML) hai moitas partes onde
isto non queda nada nada claro.

5) Para rematar, Microsoft deixa moi claro (é a única parte cunha linguaxe precisa da «promesa«) que: «Non other rights except those expressly stated in this promise shall be deemed granted, waived or received by implication, exhaustion, estoppel, or otherwise.«

Para rematar, e para variar, as especificacións de C# e CLI non son completas (as de OOXML tampouco -aínda están «arranxándoas»), polo que non cobren todo o necesario para realizar implementacións de .NET sen caer en risco de ser demandado polo propietario das patentes do non especificalo (e iso presupondo que a «promesa» licénciase algo…).

Ou sexa, que non se está licenciando nada en realidade. Vaia, outro novo golpe de efecto de pura mercadotecnia ao tanto nos teñen afeitos.

E, para rematar, Alberto engade esta metáfora:

«We have this big hammer. Really big hammer, actually. Just acknowledge that it’s our hammer, and that’s it’s a really big hammer, and that we are allowed to hit you with it at any time, and we promise not to hit you with it.»

Makes me wanna rush right out and start developing Mono applications.«
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

M$, peor que Coca vs. Pepsi

Joel Barrios fixo unha tradución parcial dun recente artigo de Groklaw. Agora fago eu o mesmo co de Joel e engado algún comentario e ligazón máis.

É vox populi o que adoita acontecer no ramo da hostelería: ou atopas refrescos da marca Coca-Cola ou Pepsi, case nunca das dúas marcas á vez. Din que unha marca non vende se o establecemento ofrece os refrescos da outra. Ás veces até acontece o mesmo con marcas de cervexa.

Se isto acontece nun mercado altamente competitivo, que sería nun mercado oligopolista ou monopolista?

As dificultades de atopar un ultra-portátil (netbook) con GNU/Linux son evidentes maila ser este un mercado dunha potencial entrada de GNU/Linux nos fogares. Por que? O culpable foi develado, grazas a Dana Blankenhorn de ZDNet, quen participou nunha conferencia de prensa durante a Computex 09 porque fixo a pregunta correcta.

Dana preguntou a unha das mesas cara onde foi Linux. Respostoulle Li Chang, vicepresidente da Taipei Computer Association:

«Na nosa asociación operamos como un consorcio, como o consorcio de código fonte aberto. Eles queren promocionar o código fonte aberto e Linux. Pero se empezas desde PC tes medo de Microsoft. Eles intentan ir cara aos teléfonos intelixentes ou os PDA para empezar de novo».

Aos fabricantes OEM de Taiwan gustaríalles unha alternativa a Windows, pero as vendas son primeiro, antes cá produción. A galiña é primeiro. E como a galiña pertence a Hasecorp, o pingüín está indefenso aquí.

Misterio resolto. A poucos sorprendeu o recente incidente da Computex onde un dos mellores produtos, un ultra-portátil de Asus con Android e Snapdragon, un microprocesador baseado no ARM, simplemente desapareceu dun día para outro. Cóntase que os amables representantes de Microsoft solicitaron amablemente aos de Asus que sería mellor que deixaran de mostrar un dos mellores dispositivos da Computex. Asus accedeu ás amables suxestións de Microsoft, e o ultra-portátil desapareceu. Difícil corroborar con Asus ou Microsoft, pero dada a gran cantidade de testemuñas que coincidiron coa mesma historia, quedan moi poucas dúbidas de que realmente aconteceu así. «Cando Microsoft ve competencia que pode ameazarlle, simplemente esmágaa. Toda unha organización de mafiosos, corruptos, arrogantes e intolerantes«.

Semella que o que está facendo Microsoft, en todos os mercados en xeral, é presionar aos distribuidores para que só ofrezan produtos con Windows.

O que ocorreu na Computex co ultra-portátil de Asus con Android tamén foi mencionado por Dan Nystedt e Sumner Lemon en Computer World, así como por Steven J. Vaughan-Nichols.

Quen cre que isto só son especulacións erra. Erra porque non son hipóteses senón feitos as múltiples sancións que ten nas súas costas a empresa Micorsoft. A última coñecida é declaración oficial de culpabilidade feita or Corea do Sur.

Máis exemplos? Velaquí outras mostras:

asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

e-Ubicuidade

Tan só é unha divagación ou a constatación dun feito. Onte engadín á miña rede de contactos a unha persoa. Comecei respostando persoalmente un correo-e seu mandado a unha lista, logo completei unha vCard cos datos completos que me deu na súa resposta. Por simple curiosidade busqueino na rede profesional que máis emprego, LinkedIn, pero tamén o fago na Xing. Si, alí estaba e convídoo a formar parte dos meus contactos, tanto nunha como na outra. Ao pouco, case sen querer, atópoo noutra rede e así por diante.

Si, é ben sabido que en informática pódese facer unha mesma tarefa de diversos xeitos, comunicarte por diversas canles. A estas alturas, o desonvelmento das TIC ofrécenos unha ampla colección de posibilidades. Máis aló do ámbito privado, onde moitas veces padecemos a síndrome de Diógenes, é común sermos onmipresentes, por así dicilo. Estamos en Twitter, tamén en Lareta, en Picassa, tamén en Flickr, en Facebook, tamén en Tuenti, e así ad infinitum!

Propoño un novo nome a esta case omnipresenza: e-Ubicuidade :-)
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Máis de 100.000 PCs con Firefox no Banco do Brasil

O Banco do Brasil (BB) vén de anunciar que atinxiu no pasado mes de maio a marca de máis de 100.000 instalacións do navegador web Mozilla Firefox nos seus computadores. A institución utiliza ese software desde 2005 cando iniciou a implantación do GNU/Linux nas máquinas das axencias. A dirección de tecnoloxía do BB, responsable das implantacións, recibíu retornos favorables do persoal que emprega este software multiplataforma.

O BB é un dos maiores usuarios corporativos de Software Libre no mundo. Practicamente todos os computadores das súas catro mil axencias, máis de 65 mil máquinas, utilizan GNU/Linux, Br-Office e Mozilla Firefox. As outras 35 mil máquinas que utilizan o Mozilla pertencen a órganos rexionais e dependencias da Dirección Xeral, utilizan Mozilla e Br Office, pero aínda non migraron a GNU/Linux.

En 2009, os terminais de auto-atención (TAA) tamén comezaron a ser equipados con software de código aberto. A iniciativa do BB conta co apoio das comunidades de software libre nacionais e internacionais, do goberno federal e de empresas.

Esta é a fonte da nova.

Opinión

A marca acadada é moi salientable a lo menos polos seguintes motivos:

  • É un proceso de instalación feita a propósito, con decisión firme pois o normal é ter equipos que veñen con software privativo.
  • Aínda máis salientable por ser unha elección dunha entidade que acumula grandes beneficios económicos, até en época de crise. Idéntico escenario (grandes beneficios) ten Petrobras e mailo seu poder económico comezou este mesmo proceso integrador de solucións libres. Polo tanto, non só hai motivacións económicas senón outras como liberdade e independencia.
  • Daquela, que debería facer quen xestione recursos públicos se ademais ten motivos éticos e legais (Constitución, LOPD, LSSI, lei de contratos públicos…)?
  • Como é posible que gobernos recentes e mesmo actuais sigan pedindo en concursos públicos marcas de software? Ademais de ser software privativo que non cumpre estándares de empresas sancionadas internacionalmente? Velaquí unha mostra dos requerimentos técnicos dun recente concurso público (DOG nº 95, 18 de maio de 2009), aprobado pola asesoría xurídica da Xunta con data 11 de febreiro de 2009, onde se pide expresamente software da marca de Redmond.

Insisto, a ignorancia non é eximente de culpa en responsables políticos pois contan con medios máis ca suficientes para dirixirnos. Ignorar programas e promesas políticas, ao seu electorado, ao resto da cidadanía ou aos múltiples informes técnicos elaborados polos diversos organismos públicos, déixaos na situación de cómplices conscientes, incumpridores, inconsecuentes e deplorables.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Stallman critica o reparto de mini-pcs do goberno

Non era de estrañar! Richard M. Stallman, criticou a iniciativa do Goberno de regalar un computador persoal portátil a cada alumno das escolas públicas e concertadas, porque significaría «vender o futuro do país a Microsoft«, un programa de software privativo.

Ao seu xuízo, «o presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, debe decidir ser o partido socialista ou o partido monopolista«. Neste sentido, apuntou que «unha escola ética debería prohibir recibir esas computadoras» nos centros escolares, xa que «

Stallman preguntouse «por que –o Goberno español– quere regalar Microsoft ás escolas?» e comparouno con «regalar drogas adictivas«, ao que engadiu que «a primeira dose é gratis e, cando se é dependente hai que pagar«.

Como alternativa ao software privativo, Stallman propuxo ao Goberno español «proporcionar aos nenos ordenadores portátiles cheas de software libre para ensinar aos nenos de España a vivir en liberdade, a participar nunha comunidade e axudar aos seus próximos«. «O estado ten unha misión de protexer a liberdade, a independencia e a capacidade dos cidadáns na informática» e, desde o seu punto de vista «faise a través do software libre«.

Fonte.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Matará SaaS ao SwL?

No outono de 2006 estreei unha presentación titulada «Cara onde vai o Software Libre?» que logo repetín o 7 de febreiro de 2007 na CISL de Badaxoz cun mínimo de tempo dispoñible. Daquela decidín centrarme tan só na visión pesimista dun sempre hipotético futuro.

Os puntos tratados foron: DRM (Digital Rights Management), Hardware Privativo, Innovacións e Ciclos Tecnolóxicos, Comunidade e Ofertas Disgregadas, Eleccións Políticas, Patentes, Licenzas Libres e leis, SaaS (Software As A Service), Só para nerds, geeks e frikis?, Venda minorista, Recoñecemento de Voz do Vista.

Co paso do tempo algúns deles semella ter sido só un pánico infundado provocado por efectivas campañas comerciais, como é o caso do Vista, pois até véu ben a súa chegada ao mercado porque a xente comezou a cuestionarse intensamente o por que actualizarse a esa morralla. Doutros puntos si poderíamos seguir a falar aínda que precisaría máis artigos.

No caso concreto do SaaS a cousa segue a ser unha ameaza e se cadra aí quede para sempre, nunha ameaza máis ou menos sólida. Entendo que siga a causar temor como leo hoxe neste artigo (atopado en menéame.net) aínda que case repita o que sinala Wikipedia.

Pasaron máis de tres anos desde que fixen esa presentación reflexionando sobre isto mesmo e, a dia de hoxe, a cousa semella non ser para tanto. Pode ser un nicho de mercado en auxe pero temo que non coa velocidade necesaria para ser unha ameaza nin a medio prazo. Para cando esteamos nese medio prazo pode que teñamos outro escenario ben diferente no que si, con certeza, estamos a ser testigos de excepción: a concentración de terminais móbiles.

asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp