Valores do mini-pc libre e ecolóxico

Moita aceptación na rede está tendo a nova do mini-pc libre e ecolóxico que aínda será lanzado o vindeiro 13 de maio no II encontro internacional de Software e Coñecemento Libre de Madrí, LibreMeeting 2009.

O mini-PC da marca iUnika é un computador portátil de 700 gramos que combina software exclusivamente Libre (baseado en GNU/Linux), o uso de enerxías renovables (mediante placa solar), o respecto ao medio ambiente (grazas á súa construción en bioplástico -un material que non aumenta o nivel de CO2 na atmosfera-), e a mobilidade (mediante conectividade GSM).

«iUnika é o primeiro fabricante de hardware que se comprometeu a utilizar exclusivamente Software Libre en todos os seus produtos«, explica Pablo Machón, presidente da Free Knowledge Foundation. iUnika está situada en España, China e Hong Kong, e ten acordos con distribuidores de todo o mundo. O computador básico porase á venda durante este mesmo mes de maio a un prezo aproximado de 130 euros.

Tralas sospeitas dun plan do goberno de distribuir mini-pc con software privativo para o alumnado de primaria, paga a pena engadir esta iniciativa.  Alén de estar repleta de valores (éticos, ecolóxicos, xeradora de emprego endóxeno de alta cualificación…) é, como diría Eduard Punset, unha idea oportuna. Ilo daralle ás a prol da súa divulgación. De feito xa acontece así, mesmo antes do seu lanzamento.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lutero versus Stallman

Aproveitando a segunda xira de Richard Stallman (Galipedia, máis na Wikipedia-en) por terras galegas e a que estou lendo un libro que me recomendou Javier de la Cueva, vou dar unhas pinceladas á biografía de Martin Lutero (1483-1546). Confío que igual cá xente coa que xa compartín esta idea, con só mencionar uns detalles da súa vida, atopes moitas e asombrosas semellanzas entre os dous.

Cando Lutero cravou as súas noventa e cinco teses na porta da igrexa de Todos os Santos de Wittenberg o 31 de outubro de 1517, non imaxinaba que aquilo ía provocar unha escisión de tal calibre na orde relixiosa imperante representada pola Igrexa, a católica ou universal. De feito era moi habitual entre os cregos iniciar debates deste xeito.

Lutero non sospeitaba que diversas copias das súas 95 teses circularan con gran rapidez. Isto foi posible grazas á aparición, uns cuarenta anos antes, da imprenta móbil de Guttemberg quen ademais tivo que perfeccionar o papel, modificar a tinta e formar a artesáns. Antes facíanse copias, existían imprentas, pero a de Guttemberg foi a que asentou as bases da nova técnica de impresión. Axiña houbo unha centea desas imprentas e antes do comezo do século XVI reproducíronse 40.000 edicións distintas, aproximadamente uns nove millóns de exemplares. Nada comparable co pasado.

Coas 95 teses Lutero pretendía debatir sobre a práctica común das indulxencias, «unha especie de cheque certificado estendido polo Papa á conta do tesouro de mérito acumulado polos santos«. Ao seu criterio, o único tesouro da Igrexa era o Evanxelio. Porén, séculos antes de Lutero houbo moita xente que desexaba atinxir a idea de «voltar á Igrexa primitiva«, mais non poideron con ese obxectivo.

Lutero chegou a mandarlle dúas copias ao Papa mentras seguía meditando, sufrindo. Loitaba contra os impulsos da carne, o odio ou a envexa e sempre perdía. «Que opcións tiña de salvarse?» Mais un dia volveu a escoitar «creo no perdón dos pecados» e nese intre tivo unha revelación, «sentín como se volvera a nacer«. Cría ter recibido a gracia de Deus, sen facer nada!

Tras proclamar a súa descoberta, comprobou que moita xente coma el, padecía a mesma ansiedade. É máis, nunha viaxe a Roma propuxo a idea de que cada home é un sacerdote, que non depende de ninguén. Nótese que home vén do latín ‘homo‘, ser humano, derivado do sánscrito ‘man‘, co mesmo significado xa que para home-macho empregábase ‘vir‘, varón.

A incipiente revolución xa definira ao seu inimigo. Non era nin a relixión nin os fieis senón o propio pontífice e mailos seus ritos máxicos, o seu proceder. Daquela, cando por fin chegou a Wittenberg a bula papal, Lutero só desexaba facer unha cousa, queimala perante a multitude.

Coa Idea asentada, xordida oportunamente e distribuída grazas á imprenta, a xente comezou a aprender as novas palabras, a propagalas e até acentualas, sobre todo quen pertencía ás novas xeracións con neófitos ás veces máis estritos e intolerantes có propio percusor da Idea. Tal é o caso de Calvino ou das máis de trescentas seitas xordidas tras Lutero. Pero iso xa é outra historia.

Paralelismos

asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Reportaxe-entrevista sobre SwL en Pensa Galiza

Pensa Galiza vén de publicar unha reportaxe titulada «O imparável avanço do software livre na Galiza» para a cal fumos entrevistados Suso Baleato e eu.

Supoño que a entrevista a Baleato foi motiva pola súa responsabilidade á fronte de Mancomun.org e do proxecto do Software Libre no bipartito e no meu caso para teren unha visión do movemento asociativo e da iniciativa empresarial.

Preguntáronme sobre AGNIX, o bipartito, o que valoro positvamente do feito mais tamén o que melloraría así como as expectativas co novo goberno. Simpática foi a petición dunha SMS definindo ao SwL coa que remata a reportaxe.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

País de todo gratis

Chris Anderson, director da revista dixital Wired, sostén que a rede instaurou un modelo económico sen precedentes onde impera, xa de forma irreversible, a filosofía do «gratis total«. Esta circunstancia, máis ca un desastre, é unha oportunidade. E así o resume Anderson: «Internet é un país onde as cousas custan cero«.

Anderson escribiu o libro «The long tail» (A longa cola) a partir dun artigo seu que levaba o mesmo título. Converteuse nun superventas, unha especie de Código da Vinci da literatura dixital. Agora acaba de pór o punto final a Free «Gratis» ( e «Libre» á vez), onde afirma que se queres triunfar, tes que ofrecer produtos e servizos a custo cero. Google fíxoo e é multimillonaria. Para predicar co exemplo, o seu ensaio, que se publicará o próximo mes de xullo, non valerá un céntimo se o usuario báixase a versión dixital. Tamén sairá unha versión clásica de tapa dura pola que haberá que pagar 24,99 dólares.

Nunha entrevista á revista MuyInteresante, Anderson completa a idea de «todo gratis«. Tamén ten un blog específico para ampliares esta idea de título, como non!, The long tail.

De ser certa a súa idea teríamos unha nova (?) razón para o éxito do SwL. De feito el emprega un netbook con GNU/Linux e sinala que empresas de telefonía xa o están a regalar aos seus clientes.

Ao respecto do Open Source e Redes Sociais, Anderson dispón dun interesante artigo: Open source is a company; social media is a country.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Oracle merca Sun Microsystems, e que?

Finalmente e mailo interese de IBM foi Oracle a que acadou un acordo para comprar Sun Microsystems por 5.600 millóns de dólares, cantidade que representa unha prima do 42% sobre o peche do pasado venres. Se se ten en conta a débeda de Sun, a operación sairalle a Oracle por 7.400 millóns de dólares.

Dáse a circunstancia de que fai quince días o xigante IBM retirou unha oferta de compra por Sun Microsystems ao non chegar a un acordo coa empresa de Larry Ellison. IBM ofrecía 5.200 millóns de dólares, un prezo que Sun rexeitaba por ser demasiado baixo.

O conselleiro delegado de Oracle, Larry Ellison, mostrou a súa satisfacción co acordo alcanzado e afirmou que «a compra de Sun transforma a industria de tecnoloxías da información«, mentres que o presidente de Sun, Scott McNealy, cualificou a fusión (?) como a «evolución natural da relación entre as dúas empresas» e afirmou que o evento supón un «fito» na historia do sector.

Artigo orixinal é «Oracle acuerda comprar Sun Microsystems por 5.600 millones de dólares – 1179741 – 20/04/09 – elEconomista.es«.

Opinión

A igual que acontecera cando era público o interese de IBM non teño temor polos proxectos libres que lideraba Sun, a lo menos de entrada. Para comezar, será tan parva Oracle de gastarse unha morea de cartos para logo destruir eses proxectos? Ese malgasto ou derroche de cartos coido que non acontecerá, é lóxico, sería como «un tiro no pé«. Suponlle a Oracle unha oportunidade por asentarse nun mercado inevitablemente emerxente incluíndo unha oferta que apenas posuía? Dende logo! E que acontecerá cos proxectos libres se deixan de ser liderados pola nova propietaria? Coma sempre, confío na comunidade, leva anos demostrándoo en múltiples casos. Como moito habería un adiamento na continuidade dalgún proxecto porque é complexo iniciar todo un movimento social para xerar un fork libre pero, de ser preciso, facerse faise.

En todo caso, se ollamos cara atrás, mellor que veña Oracle! A entrada de IBM supuxo o nacemento da Fundación Apache, a entrada de recursos ao desenvolvemento do kernel Linux, publicidade… Coa de Sun naceu o proxecto OpenOffice.org, a liberación de Java… Coas de AOL o nacemento da Fundación Mozilla… Daquela por que termos temor?
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

Todo o que se poida dixitalizar vai ser dixitalizado

Son verbas do premio Nobel de Economía de 2008, Paul Krugman. Descoñezo se son da súa orixe porque tal afirmación lévoa escoitando dende hai certo tempo. Sexa como fora,  semella unha verdade irrefutable, algo que debería ser asumido á maior brevidade por todos os sectores implicados por ser unha variable determinante. Tan determinante que pode provocar desaparicións de produtos e servizos ou cando menos necesidade de profundas adaptacións.

Tes o artigo de Krugman onde se menciona tal afirmación e unhas poucas liñas analizando os efectos da dixitalización de produtos e servizos.

A que conto véu isto? Pois ao polémico nomeamento da nova ministra de Cultura. Como a moitos, a min non me importa nin a política nin o grupo que a nomeou senón as posibles consecuencias dunha persoa cunha afinidade e interese claros nunha das bandas, á contraria á internauta e mailo coñecemento libre. Lendo sobre isto no blog de Javier de la Cueva souben do artigo de Krugman.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Chuzame! A Facebook A Twitter

HP presenta netbook cunha Ubuntu personalizada

Ollando en LWN.net cun dos comentarios apuntando cara ZDNet e esta á súa vez cara este sitio descubro que HP ten o seu Netbook Mini 1000 cunha versión personalizada de Ubuntu, até con seus propios repositorios. Curiosamente están no dominio Cannonical.com.

Segundo algúns comentarios, o lamentable do caso é a ausencia de mención e das marcas rexistradas de Ubuntu a pesares de ser unha derivación dela, por moito que se distinga dela e abofé que o fai. A cousa pode ir máis aló do propio menosprezo a Ubuntu pois semella que no mesmo saco podemos incluir a GNOME, ao xestor multimedia Elisa… respectando a outros como Gimp, Nautilus, OOo… Olla esta galería de imaxes.

Quen estea acostumado a empregar GNU/Linux poderá retomar o control do sistema premendo «Alt+F2″ para abrir un terminal para acceder á liña de comandos.

Hai varias cuestións a debatir daí que será interesante seguir esta nova.

ACTUALIZACIÓN:

Semella que HP liberou a súa interface para netbooks (via Menéame) aínda que ao remate do fío de ligazóns regreso ata DownloadSquad, quen segue a manter a incerteza sobre a liberación.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

O longo proceso dixestivo ata amar ao SwL

Non teño xeito de comprobalo con certeza pero durante o evento no que representaba a AGASOL na Cámara de Comercio de Lugo sentín que había persoas con total rexeite ao SwL. Tan só percebín isto en dúas persoas que non estiveron despois na sesión de cattering e, polo tanto, non puiden entrar a pedrilles explicacións polos seus rostros escépticos e meneos rexeitando partes do relatorio.

Se son certas as miñas sospeitas, evidentemente serían persoas na fase de «rexeite» do longo proceso dixestivo ata chegar a amar ao SwL ou, simplemente, representantes do lado escuro que nunca quererán aceptar o modelo ético e económico que o SwL promulga.

Sexa como fora, síntome con absoluta confianza nun futuro tecnolóxico máis libre, ou alomenos maioritariamente aberto. Non só é un credo baseado exclusivamente en valores éticos consecuencia da liberdade senón pola bondade xeral dun modelo aberto que beneficia a todas as partes, onde volva a ser natural compartir o coñecemento, algo principalmente perdido dende artificiosas invencións legais decimonónicas.

Xa o dixen varias veces e neste blog algún dia escribirei sobre ilo: o SwL entrará, e de feito está entrando, maioritariamente pola porta das Administracións Públicas, obrigadas a facelo, tamén maioritaria pero máis lentamente nas empresas, é vantaxe competitiva, e nun último momento no eido doméstico e persoal pois é opcional neste caso. A cota de mercado do software privativo irá disminuíndo, concentrándose nos nichos aínda dispoñibles ata obrigalos á súa apertura forzosa ou á súa case que total extinción restándolles, no mellor dos casos, o mercado de solucións ad hoc e mailo segmento doméstico.

Visión optimista? Hai pouco máis de 10 anos nin existía Google, GNU/Linux comezaba a entrar timidamente na lista top500 (hoxe se achega ao 90% deses 500 supercomputadores) ou ao redor 5 anos atrás todos os poucos PCs do ensino secundario de Estremadura empregaban sw privativo hoxe todos rulan con SwL e hai un PC por cada dous alumnos/as, etc, etc.

Así que, para que as predicións se cumpran, só temos que deixar pasar o tempo cun chsico de paciencia.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Da Cultura Livre

Fernando Henrique Leme vén de publicar un libro dixital con licenza Creative Commons que podes descargar aquí.

Produtores nervosos, consumidores neuróticos?
Apesar das dificuldades de produzir cultura e da qualidade rarefeita do cenário atual, este mercado encara um futuro brilhante!
Quer saber como?
Da Cultura Livre
Fundamentos e soluções
Qual o espaço para produtores e consumidores de cultura num mundo hiperconectado?

É un pracer para min publicar un artigo sobre o traballo do amigo Fernando, o «Gestor Inteligente«, quen me foi presentado por Claudio F. Filho.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na procura de fianciamento para axilizar os desenvolvementos

A Comunidade somos todos/as, desde quen desenvolve ou traduce ata quen usa ou exerce mecenado interesado.

Acontece que nestes últimos dias estanse a producir iniciativas pro-activas co gallo de acadar o financiamento necesario para axilizar os desenvolvementos do SwL.

Así, GNOME dispón da campaña «Became a friend of GNOME» (Faite amigo de GNOME) cos seus apartados:

  • Adopta un hacker, 10 dólares mensuais
  • Asóciate, dende 25 a 500 dólares
  • Patrocina, de 500 a 1200 dólares
  • Sexa mecenas, a partires de 1200 dólares

Pola súa banda, KDE está a promover as diversas alternativas ás que a comunidade pode destinar doazóns, sinalando como exemplos os de Amarok, KOffice e até outros de tipo artístico, no seu sitio openDesktop.org.

Alén dos casos de financiamento vía mecenado, moitas veces directamente implicado por intereses recoñecidos como o que acontece co desenvolvemento do kernel Linux ou do servidor web Apache, podemos ollar un par deles que pagan a pena salientar pola proximidade das datas no que se conqueriron grandes resultados.

Jimmy Wales, mentor da Wikipedia, xa o fixera antes pero desta vez as expectativas superaron tódalas previsións porque o seu chamamento a prol de financiamento voluntario implicou unha recadación de máis de 6 millóns de dólares apenas nunha semana!

Outra proba do poder económico do voluntariado vén da actualidade política. No canto da clásica financiación empresarial á que recurren os partidos políticos, Obama foi quen de acadar o máis dobre do seu opoñente republicano. Namentres este seguíu a liña clásica de contactos empresariais que lle aportasen os cartos para a campaña republicana, o democrático elixiu a liña 2.0: «vaite á miña web e ingresa o que poidas«. E a masa social ingresou! Agora Obama débelle á sociedade, non ás empresas.

Poderemos a comunidade repetir estes casos de éxito? Seremos agradecidos dabondo como para facilitar un desenvolvemento do SwL aínda máis veloz có actual? Complementaremos o esforzo voluntario co económico? Confío en que si, conformaríame que fora en menor intensidade cós exemplos Wikipedia ou Obama.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Balance do Plan Avanza (2006-2008), comeza o Plan Avanza2

A nota de prensa deixa como subtítulo «O Plan Avanza pecha unha etapa de éxito e afronta unha nova fase para consolidar a Sociedade da Información en España«.

No período 2006-2008, o Plan Avanza mobilizou 6.614 millóns de euros, dos que o Ministerio de Industria achegou 4.500 millóns. Actualmente 23,6 millóns de cidadáns conéctanse a Internet, fronte aos 11,7 millóns que o facían en 2003, e o 97% das empresas conectadas a Internet fano a través de banda ancha. 174.000 familias e 100.000 PEMES beneficiáronse dos préstamos ao 0% de interese para a adquisición de equipamento TIC. O Plan Avanza2, a nova fase do plan, busca dar un salto cualitativo no desenvolvemento da Sociedade da Información e estruturarase en cinco liñas: desenvolvemento do sector TIC (PEMES), Servizos Públicos Dixitais, infraestrutura, capacitación e confianza, seguridade e accesibilidade.

A nova fase de Avanza, o Plan Avanza2 estará vixente de 2009 a 2012. Para o ano 2009, o orzamento destinado supera os 1.500 millóns de euros, cos que pretende crear preto de 45.000 empregos directos e indirectos anuais no período 2009-2012. É dicir, case 200.000 empregos de elevada cualificación nos próximos 4 anos.

O Plan Avanza2 centrarase nas seguintes áreas de actuación:

Desenvolvemento do sector TIC (Pemes)

Apoiar ás empresas que desenvolvan novos produtos e servizos con elevado compoñente TIC e promover a participación industrial española na construción da Internet do Futuro, con especial atención aos contidos dixitais.

Servizos Públicos Dixitais

Impulsar o desenvolvemento e a implantación da Sociedade da Información mellorando a prestación dos servizos públicos electrónicos ao cidadán e as empresas mediante o uso das TIC.

Infraestrutura

  • Completar a transición á Televisión Dixital Terrestre, a TDT
  • Mellorar o alcance e velocidade da Banda Ancha en zonas rurais e illadas.
  • Ofrecer á comunidade científica mellores redes de comunicacións, aplicacións e servizos.

Capacitación Cidadáns / PEMES

Fomentar o acceso e o uso das novas tecnoloxías tanto por parte dos cidadáns como por parte das pemes.

Confianza, seguridade e accesibilidade

Xerar confianza nas TIC, tanto nos cidadáns como nas empresas, a través de políticas públicas de seguridade da información.

É dicir, restan por seren destinados posiblemente máis de 5.000 millóns de euros. Cantos deles servirán para a capacitación e implantación de tecnoloxías libres? A cantidade de cartos estimada é unha importante dabondo como fonte de recursos para o futuro inmediato. Dado que o feito ata o de agora en materia de SwL foi apenas testimonial (nin siquera mencionan a contía destinada concretamente a ilo entre 2006 e 2008!), só nos queda agardar que as repetidas promesas electorais cristalicen dunha vez en medidas contundentes ao respecto, deixando cara atrás a fase de «apoios» por outra de «actuacións» e pensemos máis en Sociedade do Coñecemento (libre) fronte a unha menos ambiciosa Sociedade da Información.

Mención aparte, case que en ton satírico, é o obxectivo da «seguridade da información«. A ver como lle explican que unha tecnoloxía pechada é segura confiando no que lle digan os seus desenvolvedores!

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

As miñas conferencias en ODP e CC-by-sa

Deixo na miña parcela de Slideshare unhas cantas presentacións en formato ODP (o ODF das presentacións) baixo licenza Creative Commons-by-sa. Son mostras das que fun dando por aí adiante ao longo de todos estes anos pasados e inclúen:

  • A difusión que, en representación de AGASOL, estou levando a cabo polas organizacións empresariais entre finais de 2008 e primeiros de 2009, titulada ás veces «SwL contra a crise» e outras «Vantaxes do SwL para as PEMES«.
  • «Directrices Evolutivas» referida ás migracións, dada en febreiro de 2008.
  • «Cara onde vai o SwL«, unha un tanto apocalíptica visión presentada na OSWC en Badaxoz en febreiro de 2007
  • «SwL no goberno galego«, dada en Lisboa (outubro 2007) e en Luanda, capital de Angola (en xuño de 2008). É unha visión persoal.
  • «SwL na sociedade galega«, tamén dada en Lisboa (outubro 2007) e en Luanda, capital de Angola (en xuño de 2008). É unha visión persoal.

Agradezo enormemente a quen as empregue e lle engada modificacións que me axude comunicándomo para á vez melloralas eu.

Cando rematemos a anovación da imaxe coporativa de TEGNIX heinas modificar todas para que reflictan as novas ideas que posúo, experiencias, etc. Prentendo dar o salto a «contar historias», con menos texto e máis imaxes.

AGASOL Difusión

View SlideShare presentation or Upload your own. (tags: empresas agasol)

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp