Presentouse Galinux co apoio da comunidade

Si, ben é sabido que nos fíos destes últimos dias nas listas de asociacións de SwL houbo moito material debatido e dos que aínda restan temas por aclarar pero onte todo isto fiocu en segundo plano para amosar a unión de obxectivos xerais dos GUGLs, empresas e demais entes implicados. Era o momento de celebralo e así se fixo.

A xornada principiou coa intervención de Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, resumindo todo o proceso acontecido nestes últimos anos en SwL e dando apuntamentos do que pode ser unha segunda fase desta longa andaina.

De seguido interviu Claudio F. Filho de TEGNIX explicando a experiencia brasileira, tanto erros como éxitos acadados, así como directrices e exemplos de migracións nos que participou. Foi unha mágoa que, se cadra por un exceso de nerviosismo, lle instasen a rematar prematuramente xa que logo houbo tempo máis ca sificiente ata a chegada de Fernando Blanco, conselleiro de Innovación e Industria.

O conselleiro foi quen de oficializar a presentación de Galinux, unha personalización baseada en Ubuntu grazas ao desenvolvemento de Mancomun.org, nomeadamente AraOS. Tamén presentou o video divulgativo que se distribuirá ao público e que foi do agrado (acho que) unánime dos asistentes ao evento.

Tralo descanso houbo unha mesa redonda presidida por Suso Baleato, Coordenador do Centro de Referéncia e Servizos de Software Libre, na que interviron Javi Vázquez, presidente de AGASOL, Denís Fdez. Cabrera, presedente do Glug en representación dos GUGLs (grupos de usuari@s de GNU/Linux), Enrique Estévez da Oficina de SwL da USC e Felipe Gil, coordenador do grupo de tradución de Ubuntu ao galego. O público asistente foi intervindo presentado polo propio Suso. Entre todos os comentarios salientaría os de Antonio Pérez Casas sobre a necesaria consolidación dunhas bases xerais ata poder chegar á presentación de Galinux, calificándoo como un fito máis no longo percorrido que resta por andar; os de Javi Vázquez facendo énfase no declive da sociedade baseada no petróleo e subliñando a oportunidade histórica que temos de coller o tren da sociedade do coñecemento; os de Denís salientando a abundante dispersión do movemento asociativo; os de Enrique Estévez sobre as dificultades que atopa para difundir o SwL na USC e maila necesidade de termos máis persoal cualificado formado dende as universidades; os de Felipe Gil, sobre o por que de facer traducións voluntarias alén da creación dunha vindeira comunidade galega de usuari@s de Ubuntu, etc.

Formei parte do público e, por sorpresa, foi requerida a miña opinión por Suso presentándome como “o avó“, promotor do “GNU/Linux para o pobo” nomeado posteriormente como GNIX. Enfaticei en que a comunidade é plural, temos que abrirnos á sociedade, implicándoa e solicitando a colaboración dos diferentes perfís, sexan da avogacía, deseño, documentación, tradución, difusión… e, loxicamente, da tecnoloxía. Amosei o meu acordo coa tese defendida por Antonio Pérez Casas de termos primeiro unha base sobre a que publicar Galinux.

Persoalmente síntome moi ledo por comprobar como Galinux semella aquel proxecto “para o pobo” que promovía en 2003, que logo apostou só pola personalización dunha Ubuntu, sen reinventar a roda. Velo agora andar, co nome que seña, dame moita alegría. Ademais, mancomun.org, o PEGSI, a Rede de Dinamización, AGASOL… fan un conxunto homoxéneo que nos debe encher de orgullo a quen participamos desta dinamización a prol da implantación da liberdade tecnolóxica e do coñecemento na nosa sociedade.

Foi un dia de festa, con certeza!

E voltando ao comezo deste artigo tamén non é menos certo que a batalla continúa.

asennadas

P.D.: Pedro Silva “goretoxo” publicou estes breves videos sobre o evento e mailo video oficial:

oficial de Galinux

Os comentarios están pechados.