Vida pública en Redes Socias, vida privada non

Son moitas as liñas escritas sobre o control que poden exercer sobre nós os sitios web que conforman redes sociais. É imposible negar a evidencia posto que, si, é certo, estamos espallando os nosos datos por varios e numerosos recunchos. O peor vén cando eses datos illados sen importancia son conectados e serven para obter outros datos máis que, agora si, xuntos poden ter moita importancia.

A historia das comunicacións amósanos como a súa evolución implicou unha contínua perda da privacidade. A aparición dos primeiros asentamentos tribais implicou a xeración de sociedades que ofrecían as vantaxes do asociacionismo ao tempo que os seus compoñentes cedían parcelas de privacidade. As vías romanas comunicaron pobos heteroxéneos brindando significativas e abundantes melloras ao tempo que perdían a súa orixinal identidade. A imprenta supuxo poder unha gran difusión da cultura perdendo quen escribía libros parcelas tan íntimas como pode ser o seu pensamento. A máquina de vapor, a proliferación de empresas e sindicatos, aviación, radio, televisión, telefonía, o avance tecnolóxico en xeral sempre foron mellorando as comunicacións e as sociedades a costa, unha vez máis, de perdas de privacidade, tanto grupais como individuais.

Na actualidade, todo o proceso anterior está a producirse a velocidades de vertixe coas telecomunicacións e, a igual que acontecera ao longo de séculos, mellorando varios aspectos inherentes ás sinerxias asociativas a costa da privacidade perdida.

E daquela, que debemos/podemos facer? Persoalmente só pretendo considerar neste artigo os seguintes puntos (dos moitos, incontables, que podería pór):

  • Exercer un presenza responsable nas redes sociais
  • Existencia efímera
  • Sinceridade

Desenvolvo moi brevemente a anterior enumeración en orde oposta á amosada.

Realmente déixame abraiado como é posible vivir baixo mentiras contínuas. Porén, isto semella ser unha constante, acho que a escala mundial. Debe ser complicadíisimo vivir “inventando mentiras” a cada intre. Dígoo porque vivir con sinceridade é máis sinxelo agás, só no peor dos casos, cando teñas que empregar a diplomacia para non ferir sensibilidades para poder seguir sendo sincero.

Se alén de sermos sinceros somos conscientes da nosa existencia efímera, que problema hai nunha presenza responsable en redes sociais? “Coa verdade vas ao fin do mundo!” Que hai empresas tras esas redes? Claro! E que? Hanme obrigar a facer algo que non queira? Han dicir a outros o que eu sincera, responsable e publicamente xa dixen nalgures? Nalgunhas veces até é iso mesmo o que desexo! Por exemplo, cando dou relatorios, escribo artigos ou participo nalgunha campaña que considero necesaria a implicación de canta máis xente sexa posible. Que hanme innundar de publicidade? Tampouco é que me preocupe pois non o percibo (será o antispam e maila presenza responsable?). E o lercheo na rede preocúpame menos aínda! Que máis pode preocuparme se non son unha mala persoa?

Ás veces releo as miñas mensaxes en Lareta e twitter, repaso as fotos que teño en Picassa, os meus videos preferidos en YouTube ou o mare magnum de información que estase a xerar en facebook. Pasa o tempo e sigo sen arrepentirme de nada escrito, deixado, posto ou feito.  E se estivera arrepentido, é doado!, o digo con sinceridade porque “somos humanos e cometemos erros“, faltaría plus!

Se é unha entrega voluntaria non lle vexo inconvinte. Outra cousa son os datos que, sen o meu consentimento e até sen o meu coñecemento, poidan posuir terceiros de temas que non foron feitos públicos voluntariamente. Como exemplos cito as gravacións de cámaras de seguirdade (cuxa presenza non está alertada como esixe a lei), datos da Facenda ou médicos que son obxecto de tráfico, seguimento xeográfico por usar móbil, etc.

Moitas outras persoas publican sen rubor en blogs, xornais, literatura, imaxes, televisión… aspectos que eu reservo para a miña intimidade namentres varias desas mesmas persoas critican ou alarman dos perigos das redes sociais. Pero así eche a vida, variopinta. Eu, decididamente, prefiro seguir gozando da miña presenza pretendidamente responsable nas redes sociais, simplemente porque me aporta moito máis do que perdo.

asennadas

3 ResponsesVida pública en Redes Socias, vida privada non to “”

  1. Ole, ole e ole!!

    Non podía estar máis de acordo co que comentas e só quería manifestar o meu acordo. O problema non son as redes sociais, o problema é a sociedade. No fondo, as redes sociais o único que fan é levar a un terreo virtual a nosa realidade.

    Saúdos!!

  2. Un artigo interesante sobre o tema e o mellor os comentarios. Por certo o artigo que recomenda o autor no comentario 8 non ten desperdicio.

  3. online live tutoring…

    asennadas » Vida pública en Redes Socias, vida privada non…