En 12 hs dous relatorios en dúas vilas

A verdade é que seis anos dando relatorios sobre SwL dan para moito. Realmente moitísimo se temos en conta que apenas rexeitei intervir nun par de ocasións e sempre por mor de causa maior, nomeadamente en Foz e Ponteareas (na que xa fora dúas veces). Nelas saía de vacacións coa familia e, polo tanto, foi imposible. Sexa como fora, as contas danme unha cifra moi elevada, acho que levo máis dun cento de intervencións, o cal dá mostra da frecuencia de intervencións e maila intensidade de vivencias destes anos.

Este pasado xoves fun a Vilagarcía a rematar a xira de a AGASOL presentando as “Vantaxes do SwL para as PEMES“. O público asistente desta vez non foi numeroso pero si agradecido e, polo que logo souben, moi satisfeito. Alédome porque non é menos certo que canta menos xente haxa máis me esforzo en recrear un clima de familiaridade, ameno e reflexivo.

O evento, entre pitos e frautas, rematou mási aló das 22 hs e ás 10 hs da mañá seguinte comezaba o das IV Xornadas de SwL do IES A Pinguela en Monforte, neste caso dando “Licenzas libres e abertas“. Polo medio tiven que pasar por Coruña, claro, a durmir. Foi o segundo ano consecutivo en dar un relatorio no IES A Pinguela. Xa van tres en total as que vou a Monforte porque unha delas foi para a Rede de Dinamización.

A primeira sorpresa ao chegar foi atoparme na portada da Voz de Lemos, en pequeniño e breve pero até cunha foto! Máis aló da satisfacción persoal pensei “Caramba, o SwL está a calar definitivamente na sociedade“. Nos últimos eventos de AGASOL houbo soporte de radio, prensa e televisión, e o mesmo aconteceu en Monforte. E xa vai sendo hora despois de tantos anos de teima de toda unha comunidade insistindo, traducindo, desenvolvendo, ensinando, organizando eventos…

Foi un pracer asistir á intervención de Rodrigo Salvador sobre a infraestrutura informática do ensino primario e secundario andaluz. Entre o público había integrantes do SIEGA (Sistemas de Infromación da Educación en Galicia) que admiraron o caso andaluz neste ámbito, un exemplo de eficacia organizativa e económica, calidade e ambición.

Agora toca unha viaxe de turismo a Roma e logo máis relatorios, posiblemente comezando pola Universidade Pontificia de Salamanca.

asennadas

Os comentarios están pechados.