Cabozo.com, o Facebook galego e aberto

Obtiven máis información sobre Cabozo.com grazas a Ánxel F.:

Cabozo.com é unha nova rede social, “o Facebook galego” como nos chaman
algúns, non obstante preferimos autodenominarnos como unha nova
comunidade Web galega“.

Cabozo naceu exactamente o 14 de febreiro de 2008 de man de Antonio Mariño, viveiriense emigrado dende hai uns anos en Alemaña, coa intención inicial de contar cunha ferramenta que lle permitise manter un contacto máis fluído, dende a distancia, tanto coa súa familia como cos seus amigos máis achegados, ao igual que servise tamén a outros dos seus amigos que por distintos motivos nos atopabamos tamén dispersos pola xeografía galega e exterior.

Esta páxina foi desenvolvida totalmente dende cero, podemos dicir mesmo
que non ten influencia de ningunha outra rede social existente, pois no
momento dá súa creación ningún de nós era usuario de ningunha desás
redes e dende que empezou a funcionar Cabozo converteuse na nosa propia
rede non tendo necesidade de usar outras alleas. Por aquel entón íanselle
implementando utilidades segundo ás necesidades que nos ían xurdindo día
a día ao reducido grupo de usuarios iniciais, todos colegas, nesa misión
de manter un contacto máis directo… primeiro poder chatear, logo subir
fotos, logo vídeos, poder mandar mensaxes privadas, crear distintos
grupos, etc. creando pouco a pouco o que hoxe é a base dá Web.

Cabozo está integramente redactada na nosa lingua e está baseada
exclusivamente en tecnoloxía aberta, programada en PHP e correndo sobre un
Linux CentOS con Apache e MySQL. Comentar, que a súa programación é
levada a cabo na actualidade exclusivamente por Antonio Mariño, coa
colaboración noutros apartados doutros mozos viveirenses como Jesús Cora,
David Lage, Fausto Cora, Juanma Lage, Juan Neira e Ánxel Folgueira.

asennadas

Pouco a pouco a páxina foise abrindo cara ao exterior… Cada un de nós
fomos integrando nesta a algúns coñecidos e a través do “boca a boca
destes novos usuarios a páxina empezou a crecer, tanto no número de
usuarios, coma no número de ideas e suxestións a implementar nesta. Un
pouco vendo a boa acollida que parecía ter a Web entre os máis achegados,
e coincidindo con algunhas referencias á nosa páxina en distintos medios
dixitais, decidimos “abrir” Cabozo a todo o público en xeral.

A raíz desas publicacións e dalgunhas outras colaboracións, pasamos duns
30 usuarios a preto de 250 en tan só 25 días dende que se abriu a páxina
e vemos como día a día vanse rexistrando novos usuarios, mesmo como novos
medios interesanse en publicar referencias sobre Cabozo.com

Ás principais utilidades de Cabozo para os seus usuarios é que estes
teñen a posibilidade de crear grupos públicos ou privados na Web para un
uso totalmente libre. Dende crear un grupo privado para manterse en
contacto cos seus máis achegados (amigos, familiares, compañeiros de
traballo, etc) ata crear un grupo público para compartir co resto de
usuarios, ás súas opinións, publicar os seus artigos ou noticias,
enlazar noticias doutras webs, publicitar unha asociación, produto, blog,
web, etc. todo iso con total liberdade e ademais sendo os propios creadores
destes grupos (públicos ou privados) os xestores dos mesmos podendo
moderar ou editar libremente os seus propios grupos, ou establecendo
parámetros coma se desexan deixar subir imaxes ou non aos seus grupos,
recibir ou non solicitudes de acceso, compartir ou non o álbum de fotos,
deixar engadir eventos, e algunhas outras características…

Todos os grupos creados polos usuarios levan con si o seu propio álbum de
fotos, e un calendario de eventos, ou a posibilidade de achegar con cada
mensaxe, fotos, vídeos ou calquera tipo de arquivo, entre outras cousas.

Actualmente existen xa, ademais de varios grupos privados, máis de 50
grupos públicos, de libre acceso para calquera usuario dende o momento no
que se rexistran en Cabozo (só é necesario un nick ou nome de usuario e
unha conta de correo, para facilitar o rexistro) cunha ampla e variada
temática: como grupos onde se fala dá lingua galega, de galegos no
exterior, un grupo de debate de temas de actualidade, un grupo onde seguir
ás eleccións e a política galega, outro sobre mascotas ou ecoloxía,
tamén sobre o mundo laboral e outros de deportes, motor, sexo,
tecnoloxía, música, etc.

Unha dás principais peculiaridades de Cabozo.com é que calquera usuario
pode propoñer unha nova utilidade
para, segundo ás súas necesidades de
uso, e dependendo dás posibilidades técnicas, esta se implementará,
converténdose deste xeito os propios usuarios en desenvolvedores da
páxina
, o cal cremos que é un aliciente máis para os usuarios. O feito
de que hoxe propoñas unha utilidade e dous días despois entres e a vexas
funcionando fai que os usuarios se sintan máis identificados coa páxina
sentíndoa dalgún xeito como un pouco máis súa. De feito podemos dicir
que a maioría dás utilidades que ten na actualidade Cabozo implementanse
en función dos seus usuarios.

Esta mesma semana implementamos, a suxerencia dunha nova usuaria, dúas
novas utilidades “Taboleiro” (unha especie de “muro-facebook”) e
“Seguimentos” (agora os usuarios poden “seguir” a outros usuarios) para
dotar dunha maior “socialización” a Web.

Recentemente, e para retornar dalgún modo o apoio mostrado de forma
desinteresada que se nos brindou dende distintos medios, webs e blogs,
creamos dous novos grupos onde calquera pode publicitar os seus Webs ou
blogs (CabozoWebs e CabozoBlogs).

Máis sobre Cabozo.com en Mancomun.org, Sociedade da Información, Vieiros e A Maliña de Lugo.

Os comentarios están pechados.