Meu pai (72 anos) usa Ubuntu

O pasado mes de novembro o meu pai cumpriu o seu 72º anversario. Non sabía que regalarlle. Daquela a miña nae di que lle quere mercar un portátil, pedíndome que me encargara de facelo. Tate, xa está! Vai usar Sw Libre!

O meu presente sería darlle clases e mantemento do sistema ameazándolle que, de mercar el algún trebello deses que infestan de publicidade as canles de TV nas madrugadas, estaría estragando os seus cartos pagando licenzas alén de contar coa miña rotunda negación a fornecer calquera tipo de soporte para esas porcalladas.

Predicando con exemplo, fun directo á páxina dos portátiles de Imavisions e seleccionamos un deles. Falei con Manuel Guillán e, tralo orzamento, axiña fixemos a transferencia. Mágoa non ter sabido que tiñamos que agardar 15 dias para a súa entrega pois foi algo que non lle gustou ao meu pai. Para máis atrancos, o portátil viña cun erro de fábrica e tivemos que engadir outros 15 dias, total un mes. Recibímolo o 8 de xaneiro cuns extras engadidos (maletín, lámpada e lapis USB) pola nosa espera.

Meto mans na masa e reinstalo o sistema Ubuntu que tiña pois combrobara que case todo rulaba e prefería unha outra disposición e tamaño das particións. Porén, Manuel incluiu compilacións especiais para obter o son. Éste, trala miña instalación, simplemente non daba sinais de vida porque evidentemente estragara todo o traballo de Manuel. Xunto a isto, non rulaba o lector de tarxetas e uns leds. Ofrecéronse a arranxar todo, daquela envío o portátil e un par de dias despois xa estaba de volta con todo o que podía funcionar facéndoo.

Desde aquí doulle as grazas a Imavisions, especialmente a Manuel, pola adicación e traballo pois a satisfacción tanto miña como do meu pai é total. Engado que eles non só instalan o sistema nos seus equipamentos senón que os configuran e, polo comprobado, ofrecen excelente soporte.

Onte foi o primeiro dia de clases do meu pai. Aínda que xa acudira a algún cursiño de sw privativo, ten que se afacer ao manexo do rato e aprender mecanografía (até eu debería mellorar niso!). Porén ficou abraiado coas posibilidades que se lle abren.

Creou cartafoles, arquivos de texto plano e ODF, aprendeu o socorrido que é o botón dereito do rato, entendeu rapidamente as vantaxes dos escritorios múltiples, navegou, coñeceu a Galipedia, a Wikipedia, abriu a súa conta en GMail, chateei con el estando eu ao seu carón e moito máis! Tras un bo tempo de adicación levouse no maletín o seu flamante portátil e a encomenda de traballar co KTouch.

Non sei quen está máis ledo con todo isto. Será o meu pai ou eu mesmo?

4 ResponsesMeu pai (72 anos) usa Ubuntu to “”

  1. Noraboa tanto a ti como a teu pai!! tan ou máis importante que o uso do trebello é a interrelación que se crea entre os dous.

    Unha aperta!

  2. Deches no quid máis salientable de todo, con certeza.

    Apertas!

  3. […] Dilles que lle has dar soporte e que para estas ‘merdas’ que non conten contigo. Iso fixen co meu pai e aos seus 72 anos non me dá a […]

  4. […] hai ano e medio o meu pai usa Ubuntu e tiña unha pequena queixa: cada vez que arrancaba o navegador Firefox este facíao en modo […]