SwL galego unido a prol dun ensino ético e libre

Os GUGLs (Grupos de usuarios/as de GNU/Linux) galegos, asociacións, grupos de tradución e diversas persoas estamos a preparar unha solicitude de firmas para impedir un máis ca probable anuncio do presidente do goberno na vindeira semana.

Os documentos provisionais teñen unha introdución e logo unha exposición algo máis ampla de motivacións. Previsiblemente mañá comezaremos a campaña de divulgación mediática e a apertura de recollida de firmas.

Preme en “Segue lendo…” se queres ler o contido destes documentos.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Pola Ética no Ensino Público

A prol de tecnoloxías e coñecementos libres

Introdución

O traballo das xentes que promoven o Software Libre (en adiante SwL) desempeña un papel crucial na preservación das liberdades esenciais na presente contorna dixital, tanto no que atinxe aos valores éticos da compartición do coñecemento como na superación da “fenda dixital” grazas ao emprego de tecnoloxías libres coas que é posible eliminalas. Constitúe tamén unha oportunidade para a nosa independencia tecnolóxica e a nosa competitividade no mundo.
Difundir o SwL no ensino primario é impregnar valores éticos de incuestionable valía pois o SwL é un ben común, feito pola humanidade e para a humanidade. Ademais elíminanse dependencias tecnolóxicas con empresas foráneas que, de comenzar no ensino primario, han perdurar ao longo da vida do noso alumnado nas seguintes etapas.

De feito vostede, D. José Luis Rodríguez Zapatero, actual presidente do goberno de España, prometeu “Impulsar la implantación de software libre de código abierto en el sistema educativo” así como “Impulsar un amplio programa para elaborar, recopilar y difundir materiales curriculares y de apoyo al profesorado en soporte informático y software libre” no programa electoral do PSOE xa no ano 2004 (1). Tal promesa electoral pódese atopar tamén nos demais partidos políticos. Moitos destes están a pór en cumprimento tales promesas con abundantes casos de éxito. Entre eles cabe sinalar as comunidades autónomas de Estremadura e Andalucía (ambas gobernadas polo PSOE), Valencia (gobernada polo PP), os varios concellos e deputacións provinciais de todas as cores políticas ou gobernos de países.

Por diversos medios de comunicación sábese da plausible medida que procura a necesaria dixitalización do alumnado de ensino primario. Quen asinamos este documento entendemos que tal medida só é posible se con ilo emprégase SwL.

1Programa político do PSOE do ano 2004.

Ampliación

Se o sinalado nalgúns medios de comunicación consultados(1) están no certo, vostede, D. José Luis Rodríguez Zapatero, presidente do Estado español, estará a piques de cometer unha serie de erros de gravísima índole:

  • O ensino do futuro, a “escola 2.0” como definiu a anterior ministra de Educación, Dª Mercés Cabrera, na súa última intervención no Congreso dos Deputados non se acada con solucións tecnolóxicas privativas que xeran dependencia tecnolóxica e foron creadas por empresas fóraneas acredoras de sentencias firmes por múltiples causas en tribunais de todo o mundo, entre eles o da nosa comundade, a europea. Tal é o caso de Microsoft Corporation®.
  • Apostar por software como o da empresa mencionada é privar de Ética ao alumnado de primaria e ignorar os valores que hai tralo SwL, o cal xustamente baséase na Ética.
  • Porén, a ignorancia non é eximente de culpa nun responsable político que conta con medios máis ca suficientes para dirixirnos. Ignorar o seu programa político2 e ao seu electorado, ao resto da cidadanía ou aos múltiples informes técnicos elaborados polos diversos organismos que vostede dirixe, déixanlle na situación de cómplice consciente, incumpridor, inconsecuente e sen o mínimo talante presumible para o seu cargo.
  • É irrenunciable o estrito cumprimento da Lei 30/2007 de Contratos do Sector Público, a Lei 11/2007 de Acceso Electrónico da Cidadanía aos Servizos Públicos ou o artigo 103 da propia Constitución Española que invalidan calquera presunto “acordo” (3) previo con grupos empresariais.
  • É irrenunciable ter en conta os dereitos básicos da cidadanía a unha educación de calidade e gratuita durante o período obrigatorio e as posibilidades de desenvolvemento dun país con libre acceso ao coñecemento e a cultura. A cultura, Sr. Zapatero, moito antes que un sector económico, é un dereito lexítimo.
  • É irrenunciable para quen asinamos este documento que vostede faga valer as cualidades do SwL. Entre elas salientamos:
  1. O SwL é ético pois outorga liberdades (4) a quen o usa
  2. É legal e fomenta a legalidade
  3. Está feito pola humanidade e para a humanidade, é participativo e doado
  4. Outorga total independencia tanto de fornecedor como de solución técnica
  5. Emprega formatos estándares abertos mundialmente recoñecidos
  6. Sen custe de licenzas
  7. Ofrece aforro económico
  8. É xerador de emprego endóxeno de alta cualificación (5)
  9. É completamente adaptable, tanto en tecnoloxía como economía ou cultura (6)
  10. Evita a desigualdade social local e mundial
  11. É serio (7)
  12. É competitivo e seguro (8)
  13. Dispón de desenvolvemento exponencial por ser libre e participativo
  14. É independente da cor política (9)
  15. A UE recomenda o seu uso
  16. etc

Sr. Presidente, quen asinamos este documento esiximos unha educación pública con tecnoloxías e coñecementos libres polo cal apelamos que vostede amose a valentía necesaria para anticiparse ao inevitable: a liberdade acabará impoñéndose.

Asinamos,

1Un dos cales pode ser este do xornal El País titulado “Zapatero se lanza a la digitalización del sistema educativo

3Segundo o xornal El País ““si se cierra el acuerdo” antes del 12 de mayo”

4Saiba das catro liberdades que inclúe a GPL, a licenza libre máis estendida.

5ASOLIF é a federación de asociacións empresariais especializadas en SwL que aglutina máis de 150 empresas.

6O SwL está adaptado ás diferentes culturas: traducido e enriquecido pola idiosincracia rexional.

7O software atópase libre e legalmente dispoñible en centros tecnolóxicos, universidades, etc.

8Arredor do 90% dos 500 maiores supercomputadores e o propio exército norteamericano usan tecnoloxías libres

9Gobernos de todo o espectro político están a adoptalo: Alemaña, Francia, Reino Unido, Brasil, Venezuela…

Dou grazas a Manuel Hermo por compartir en persoa este traballo así
como a Susana de Lorenzo pola supervisión e mailos seus sabios
consellos “ciceronianos“.

Os comentarios están pechados.