Máis de 100.000 PCs con Firefox no Banco do Brasil

O Banco do Brasil (BB) vén de anunciar que atinxiu no pasado mes de maio a marca de máis de 100.000 instalacións do navegador web Mozilla Firefox nos seus computadores. A institución utiliza ese software desde 2005 cando iniciou a implantación do GNU/Linux nas máquinas das axencias. A dirección de tecnoloxía do BB, responsable das implantacións, recibíu retornos favorables do persoal que emprega este software multiplataforma.

O BB é un dos maiores usuarios corporativos de Software Libre no mundo. Practicamente todos os computadores das súas catro mil axencias, máis de 65 mil máquinas, utilizan GNU/Linux, Br-Office e Mozilla Firefox. As outras 35 mil máquinas que utilizan o Mozilla pertencen a órganos rexionais e dependencias da Dirección Xeral, utilizan Mozilla e Br Office, pero aínda non migraron a GNU/Linux.

En 2009, os terminais de auto-atención (TAA) tamén comezaron a ser equipados con software de código aberto. A iniciativa do BB conta co apoio das comunidades de software libre nacionais e internacionais, do goberno federal e de empresas.

Esta é a fonte da nova.

Opinión

A marca acadada é moi salientable a lo menos polos seguintes motivos:

  • É un proceso de instalación feita a propósito, con decisión firme pois o normal é ter equipos que veñen con software privativo.
  • Aínda máis salientable por ser unha elección dunha entidade que acumula grandes beneficios económicos, até en época de crise. Idéntico escenario (grandes beneficios) ten Petrobras e mailo seu poder económico comezou este mesmo proceso integrador de solucións libres. Polo tanto, non só hai motivacións económicas senón outras como liberdade e independencia.
  • Daquela, que debería facer quen xestione recursos públicos se ademais ten motivos éticos e legais (Constitución, LOPD, LSSI, lei de contratos públicos…)?
  • Como é posible que gobernos recentes e mesmo actuais sigan pedindo en concursos públicos marcas de software? Ademais de ser software privativo que non cumpre estándares de empresas sancionadas internacionalmente? Velaquí unha mostra dos requerimentos técnicos dun recente concurso público (DOG nº 95, 18 de maio de 2009), aprobado pola asesoría xurídica da Xunta con data 11 de febreiro de 2009, onde se pide expresamente software da marca de Redmond.

Insisto, a ignorancia non é eximente de culpa en responsables políticos pois contan con medios máis ca suficientes para dirixirnos. Ignorar programas e promesas políticas, ao seu electorado, ao resto da cidadanía ou aos múltiples informes técnicos elaborados polos diversos organismos públicos, déixaos na situación de cómplices conscientes, incumpridores, inconsecuentes e deplorables.
asennadastegnix_limpo_fdo_transparentemoi-pequeno

Os comentarios están pechados.