Bravo á Compañía Lírica de Galicia

Esta é unha carta aberta que veño de enviar ao director do xornal La Voz de Galicia referente ao artigo que cubría a actuación desa Compañía Lírica onte na Praza de María Pita da Coruña.

Estimado Sr. Director,

Onte tiven o enorme pracer de asistir a un gran espectáculo na Praza de María Pita. Si, ben certo é que o son foi o protagonista non convidado e culpable, realmente cabe dicir que “o único culpable“, do que onte alí aconteceu. Todo, absolutamente todo, acadou o grao magnífico agás o son. Mailo seu transitorio protagonismo, o espectáculo deixou ao público efusivamente agradecido coa absoluta entrega e profesionalidade da Compañía Lírica de Galicia.

Testigos fumos dos ocasionais abucheos, especialmente os dalgún irritado espectador que tamén foi o primeiro en levantarse entre o público para defender o gran papel que estaba a levar adiante todo o elenco nesas adversas circunstancias.

O público era ben consciente do que alí acontecía pois nin “ese” atranco, nin as tres ou catro tentativas de choiva o inmutaron dos asentos. Así, ao remate de cada peza entregaba toda a súa enerxía en forma de aplauso e mailos coñecidos vítores “Bravo!, Bravo!“.

Porén, ler hoxe no xornal “La zarzuela se convirtió en mímica – El público abucheó a la Compañía Lírica de Galicia en la plaza de María Pita debido al sonido deficiente” éncheme de profunda tristeza e dor allea. Por que insultar cun titular así? É certo que o público berrou á Compañía Lírica? Quen onte estivo alí ben sabe que iso só non é verdade.

Moito do público onte alí congregado é seguidor asiduo destas compañías e asociacións culturais. Sabemos que o de onte foi ocasional, concreto e puntual. Nada que rexeitar á organización, nin ao Concello da Coruña nin a nada que non fora exactamente o sinalado: o son. Só iso!

Daquela, dado o alcance que as novas acadan en xornais tan prestixiosos coma o seu, prégolles que rectifiquen ese inxusto titular, subsanen adecuadamente o seu erro e deixen en alto lugar o que onte sempre estivo a esa altura.

Licenza:
Recoñecemento – Compartir baixo a mesma licenza 3.0 España de Creative Commons.
http://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0/es/deed.gl

Cordialmente,
Roberto Brenlla

Os comentarios están pechados.