Spectrum vs. Tamagotchi

Non é a primeira vez que defendo as consecuencias que supón o cambio xeneracional que está a provocar unha certa crise no nivel de matriculacións en enxeñaría informática.

Podemos dar por certas as diversas fontes que sinalan tal crise. Así, hai fontes que corroboran que está a producirse unha forte caída nas matriculacións en enxeñaría. Na Universidade de Málaga sinalan que tal caída é do 43% nos últimos cinco anos, na Escola de Enxeñaría Técnica Informática de Xixón baixou un 20% nos últimos catro anos e a metade no pasado curso e segundo un estudo da Universidade Politécnica de Catalunya haberá en España un 32% menos de titulados en carreiras TIC en 2010 que no período 2005-2006.

Uns fan a pregunta “Non gusta estudar Enxeñaría Informática en España?” e algún medio sinala que tal caída tamén abrangue ás carreiras científicas (Física, Química ou Matemáticas).

Poderíase entrar na obxectividade de tales informacións pois, por exemplo, en ningún deles coméntase o que acontece con eses mesmos datos se temos presente a pirámide poboacional para eses períodos. Outros moitos factores poderíanse pór en riba desas cifras e seguramente todo ilo daría unha visión moito máis clara do que está a acontecer.

Porén a min chámame a atención un detalle, se cadra, nimio e anecdótico. Trátase dalgo que ten que ver coas xeneracións Spectrum e a máis recente xeneración Tamagotchi. Non me refiro con precisión absoluta a eses períodos dado que á do Tamagotchi aínda estará estudando bacharelato ou a ESO.

Refírome ás xentes que comezaron xogando con trebellos aos que había que meterlles man para facelos rular cos máis novos programas como acontecía con quen tivo nas súas mans algo semellante a un Spectrum, vellos PC sen conexión á rede, con contornos gráficos primitivos e así por diante. Estas persoas teñen a curiosidade necesaria por achegarse ao fondo dun kernel ou a un programa de baixo nivel.

Esa xeneración aínda non coñecía Internet pois esta fíxose realmente popular a partires da segunda metade dos noventa, xusto cando popularizábase tamén a telefonía móbil, as videoconsolas e nacía o Tamagotchi (1996). Quen na infancia xa tivera a ocasión de navegar pola rede, ter sistemas operativos con contorno gráfico amigable, unha ampla variedade de xogos e consolas, chamar por móbil e até disfrutar cun Tamagotchi terá hoxe unha idade moi próxima á adolescencia ou no tempo de escoller a súa futura profesión. Posiblemente, esta persoas disfruten máis empregando a tecnoloxía que progamando esa tecnoloxía, máis como usuarias e menos como desenvolvedoras. Posiblemente porque sempre tiveron diante interfaces gráficas amigables e unha chea de posibilidades comunicativas.

Insisto, chámame a atención esta idea aínda que, se cadra, sexa nimia e anecdótica.

Outra das motivacións, seguro que máis importante que todo o que en riba comento, pode vir da ambigüedade do termo ‘informático‘ como profesión. Hoxe auto-noméanse así quen fixo a carreira, sexa superior ou técnica, quen fixo FP ou un sinxelo curso e até quen é catalogado como “manitas” cos computadores. Isto leva tamén ao desprestixio social e a manter uns soldos baixos en relacións ás outras carreiras. Como lle dixeron ao amigo Óscarun informático pode ser calquera“.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Os comentarios están pechados.