Compensa esforzarse en convencer se hai desinterese?

Bob Sutor, vicepresidente de negocio Open Source e Linux en IBM, deu o relatorio inaugural da recentemente concluída LinuxCon 2009 e nel deixou algunhas ideas sobre o seu parecer arredor do futuro de GNU/Linux no escritorio.

Para ilo deseñou estes potenciais escenarios:

  • GNU/Linux destacándose, probablemente tendo unha distro dominando os escritorios
  • GNU/Linux acadando paridade con M$ e Apple
  • GNU/Linux desaparecendo dos escritorios

Sutor cre que a maioría da xente di: “Non quero que me molesten. Iso simplemente funciona. Quero facer o meu traballo e irme a casa“. Daí que Sutor conclúa que “facer unha substitución completa do escritorio é unha ruela sen saída” e que, polo tanto, é un erro intentar convencer ás persoas para que usen algo no cal non están interesadas. “Non desperdicien o seu tempo“, aconsella.

Ao mesmo tempo Sutor suxire á comunidade que enfoque a súa estratexia noutros nichos onde os seus esforzos teñan unha mellor oportunidade de acadar éxito, como os contornos virtualizados. E un exemplo dalguén que sen dúbida se está tomando moi en serio a potencialidade doutros nichos é Intel coa súa iniciativa Moblin.

Podes ampliar máis disto na fonte e máis na nova orixinal.

Opinión

Certo é que hai un factor determinante en todo isto: o costume. Quen está afeito a un xeito de traballar sabe que un cambio de contorno halle supoñer un esforzo, mínimo (considero) pero esforzo ao fin. Ademais é certo que estamos a tratar cunha xeneración á que a tecnoloxía informática chegou de xeito pouco natural. Moitas persoas, atrévome a dicir que a maioría, non navegaba hai unha década e outras moitas foron autodidactas aprendendo a traballar coas aplicacións informáticas. Polo tanto o medo ao cambio é lóxico e natural.

Porén, explicar con claridade as vantaxes do cambio, apoialo con formación e acompañalos nos seus primeiros pasos no novo contorno semella ser determinante para acadar o éxito perseguido por quen promove o cambio. De feito esa é unha mostra da estratexia que empregamos en TEGNIX perante calquera proceso integrador de tecnoloxías libres.

Moitos xa sabedes que penso que no eido particular considero que cada quen pode empregar o que considere apropiado maila aconsellar SwL, está claro. No eido empresarial o SwL supón un monte de vantaxes competitivas e daquela considero que é unha escolla estratéxica e decisiva. No eido público, con total certeza, só se pode promover e dar os pasos necesarios para o seu emprego na totalidade das súas dependencias e usos.

Os múltiples casos de éxito de integracións de tecnoloxías libres fanme concluir que “Si” compensa esforzarse, até se hai desinterese. Abonda con seguir unha planificación estratéxica adecuada e ben medida para cada caso.

Todo isto sen afondar nos múltiples puntos nos que pagaría a pena entrar ou salientar. Se cadra nun seguinte artigo…

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Os comentarios están pechados.