Alonso na Scuderia Ferrari

Sendo un segredo a voces, Alonso ha de ser anunciado como piloto Ferrari axiña, se cadra nesta mesma semana. É iso motivo de felicidade? É iso garantía de éxito? A primeira resposta é rotundamente afirmativa, a segunda xa non tanto.

A afección alonsista e case que en xeral da F1 debe estar moi feliz pola fichaxe xa que logo o que é probablemente o mellor piloto da actualidade terá ao fin un monoposto capaz de dar espectáculo e presentar batalla a quen se lle presente nos vindeiros anos, din que cinco anos.

Non quero ser pesimista senón reflexivo e nada mellor para ilo que recabar información na recente historia da F1. Para quen olle só unha década atrás, 1999 foi o ano do comezo da época dourada da Scuderia pois con Schumacher e Brawn viñeron cinco campionatos mundiais de pilotos, o primeiro no 2000 e logo, tras dous anos de seca aínda con Brawn-Byrne-Schummy, xustamente os gañados por Alonso, só veu o de Kimi Raikkonen en 2007. Foi xusto un ano despois da saída do alemán, no ano sabático de Ross Brawn, coa axuda de Massa en Interlagos e do propio Alonso en guerra total co seu equipo McLaren. Nese mesmo GP probablemente comezaran os contactos entre o asturiano e a escuadra de Maranello. Pero Kimi tiña contrato a longo prazo e o traballo de equipo feito por Massa cedendo a victoria a Kimi deulle unha merecida renovación. As portas estaban pechadas.

No 2008 McLaren aínda gozou das rendas de Alonso coa súa aportación á posta a punto tanto de chase como de motor. Neste 2009 está sendo Brawn que, de regreso xa á competición, mercou a poderosa e xigante escudería Honda para fundar a súa propia, todo ilo a prezo de ganga.

Ollando más atrás no tempo e antes de 1999 Ferrari viña dunha longa seca de triunfos maila contar con célebres pilotos coma Prost, Mansell, Berger, Alboreto ou o arxentino Carlos Reutemann. Dúas décadas! Foi en 1979 cando os italianos obtiveron o seu último trofeo no de pilotos co sudafricano Jody Scheckter. Antes viñeron os obtidos por Nikki Lauda (75 e 77) e novamente outra seca dunha década ata 64 (Surtees). A anterior época de títulos remóntase á década dos 50.

Ferrari agora está sen Brawn e Byrne só coma consultor técnico externo, cun regulamento que conxela o desenvolevemento de motores (historicamente o punto máis forte da Scuderia agás na época dos turbo), redución de orzamentos e aparentemente con igualdade de oportunidade para os seus pilotos. Ou aprenderon moito en Ferrari ou a Alonso tocaralle sufrir novamente, e moito. Moito porque os tiffosi son moi críticos cos seus pilotos, até crueis, perdoando case todo a Ferrari como equipo.

Ogallá erre neste pronóstico pero, se cadra se a meta fora acadar máis campionatos, unha mellor escolla sería a propia Brawn. Tería ao mellor enxeñeiro aerodinámico do momento, con dous túneis de vento ao seu dispor, un óptimo estratega, ben relacionado coa FIA, con Mercedes entrando no capital social para permanecer (non para participar como acontece agora en McLaren) e, un dos puntos máis importantes, coa condición de ser o número un indiscutible dos seus pilotos. O capital viría do Santander, Telefónica, Repsol ou até doutra empresa española máis que intersada en acompañar ao asturiano.

O futuro dirá que éxito acadou. Polo de agora só se pode ser feliz de ter a Alonso na máis mítica de todas as escuderías maila non ter por ilo garantido o éxito . No pior dos casos tería gañado dous campionatos do mundo batallando con quen ostenta o récord de títulos mundiais e tras ser piloto de Ferrari, o cal “non é male“.

4 ResponsesAlonso na Scuderia Ferrari to “”

  1. Si por fin é oficial.
    Paréceme unha boa apreciación a que fixo sobre a falta de resultados de Ferrari nos últimos anos, e agora moita xente xa fala de grandes éxitos pero…”facta, non verba” aínda que se Alonso foi quen abreu un paréntese no dominio de Ferrari quizais sea el quen o peche.
    Aínda que os cambios na directiva de Ferrari agradáronme e pola contra os de Mclaren non me convencen, lamento que no saíra ben o de Mclaren porque agora que Mercedes ten os mellores motores (aída que posiblemente rompa relacións con Mclaren) e coa gran capacidade evolutiva de Mclaren creo que en principio Mclaren-Mercedes vai a ser o equipo a batir pero isto é F1 e pode pasar de todo.De todos modos espero que a vindeira temporada esta exenta de “manchas ” como as que estan a ocorrer e poder desfrutar e vivir (polo momento dende fóra pero que sabe se nun futuro…) unha nova etapa apaixonante , e cunha gran e limpa rivalidade.
    Por certo¡ nesta fin de semana na Coruña vanse a realizar unhas xornadas de karting en circuito urbano.
    Un saúdo.

  2. Ola Juan! Si, concordo contigo e ademais alédome de que leas as “entreliñas” do intrincado mundo este da F1 onde se mesturan deporte, enxeñaría, negocios e até prensa ‘rosa’.

    Certo, McLaren pode seguir sendo a dominante pois ten a un grandísimo piloto e unha escudería que aporta novidades para cada GP. Maila todo, as cousas tenderán a igualarse por mor duns orzamentos cada vez máis curtos… e iso será un interesante factor a vixiar.

    Sexa o que fora, a ver se, como ben dis, para as vindeiras temporadas temos menos “manchas”, intrigas e rivalidades persoais nas cúpulas directivas.

    Por certo, agradézoche que me informes sobre o da Coruña pois eu como moito só poderei ir de espectador… acho que quebrei algunha costela nunha estúpida caída 🙁

  3. […] da nova da fichaxe de Alonso por Ferrari da que cadrou que escribira onte sen ter a aínda a confirmación dela, houbo algunhas novidades […]

  4. […] cre no éxito de Alonso. Si, moitos desexamos iso pero aproveito para subliñar que fichar por Ferrari non é sinónimo de garantía, pois a máis mítica das escuderías ten unha historia repleta de éxitos pero tamén longas […]