I FSL Luanda, o evento

O evento do “I Fórum de Software Livre de Luanda” aconteceu o sábado 28 de xuño organizado pola ASL-Angola (“Associação Software Livre Angola).

Persoalmente califico con matrícula de honra á organización e moi especialmente a Marcio Cándido pois a pesares de ter que trocar a grade (axenda) por mor de diversos acontecementos, a saber, dificultades cos vistos para pasaporte, relatores que non poideron vir, voos ateigados e sen prazas libres, etc, todo saíu á perfección. O lugar seleccionado (Hotel Alvalade), a puntualidade das palestras, a infraestrutura xeral… todo estivo perfecto. A isto hai que engadir o ambicioso obxectivo da organización en convertirse no referente africano nesta materia polo que axiña saberemos de máis fórums. Parabéns.

Trala apertura oficial do Fórum por parte das autoridades o evento celebrouse en dúas salas simultáneas, unha máis técnica e outra máis xeneralista. Tiven a sorte de facer a apertura das xornadas ofrecendo, unha vez máis, o ‘achegamento’ á materia. Tendo en conta que o evento tiña como unha parte importante de alumnado de Enxeñaría Informática e outra de xentes afíns ao Sw Privativo, fiquei sorprendido coa cantidade e intensidade do debate final.

Alberto Sato tivo moito éxito na sala técnica dado que en Angola tiñan interese no Asterisk. Corinto Meffe, representando ao goberno brasileiro, amosou a estratexia englobada no “Software Público” (que non de dominio público pois sigue a GPL…).

Chamoume a atención o “Projecto Software Livre da CNTI“, palestra comandada por Juliana Luzolo Ngundo e compartida co brasileiro Ariel Frozza da Mandriva. Presentaron o Angolinux baseado en Mandriva, e o Aden, específica para cibercafés, moi importante dado que a penetración de internet na poboación apenas ronda o 2%.

Tamén tiven a sorte de rematar a serie de palestras amosando a realidade galega. Chamou poderosamente a atención do público a historia común, a proximidade cultural grazas á língua (as palestras deixeinas escritas en galego), o reducido número de habitantes (até menor có da capital Luanda), o elevado número de asociacións, as funcións de Mancomun.org e mailo seu éxito en Europa, as iniciativas tradutoras, como naceu a nosa empresa (C.T.I. TEGNIX), a asociación de empresas AGASOL…. así ata cubrir todo o meu tempo dispoñible.

En resumo, o evento superou con creces as expectativas deixándome coa fe en que Angola é capaz de liderar en África a implantación do Sw Libre.

Deixo unha selección de fotos ás que axiña lles engadirei comentarios. Outra serie delas tamén están no álbum de Marcio.

As miñas presentacións foron estas:

asennadas

Os comentarios están pechados.