Internet é unha oportunidade para o Galego

A dinamizadora Soraya Suárez vén de publicar un artigo que escribín para o Diario de Carballo:

Internet está a provocar unha auténtica revolución na humanidade. A súa existencia posibilita a comunicación instantánea a custes marxinais case que nulos e por múltiples vías (correos electrónicos, mensaxería, blog, microblog, voz, podcast, videowebs, fotowebs…) que dan como resultado unha contorna que facilita a colaboración masiva entre iguais. E, como en calquera revolución que a Historia presenciou, a orde establecida está a mudar substancialmente á vez que esta tecnoloxía penetra, obrigando a adaptarse a case que calquera, tanto persoas como organizacións. A colaboración está acadando graos insospeitados, xa non só polo cantidade senón porque maioritariamente é de tipo voluntario. Sermos conscientes disto axudaranos a situarnos na punta de lanza da sociedade do futuro.

Os exemplos de iniciativas que souberon aproveitar esta nova situación igualitaria e colaborativa son moitos e diversos. Linux e o Software Libre coas licenzas que dan permisos para copiar, modificar e distribuir con tal de manter inalternadas esas liberdades a favor da sociedade xeral, están perfectamente adaptados á contorna colaborativa e de traballo en rede propiciada por Internet. As tecnoloxías libres son abertas, enriquecedoras, colaborativas, construtivas e aínda poderíamos incluir varios adxectivos máis. A Wikipedia, enciclipedia descentralizada, aberta á participación comunitaria, estanos amosando o rico e doado que é a compartir coñecemento. Con certeza, Linux, Software Libre, Wikipedia e tantos máis están medrando con Internet e servindo de exemplo de éxito, demostrando que a colaboración masiva existe, é posible e rendible para a comunidade.

Como podemos aproveitar esta oportunidade para favorecer á nosa lingua? Ben sabemos que o galego leva sufrindo o trato minorizado durante séculos namentres a súa evolución natural l, o portugués, acadou auxe alén dos mares estendéndose entre millóns de persoas. Agora, grazas a Internet, a nosa relación coa “comunidade” amplíase. Podemos irmanarnos coa lusofonía comunicándonos en galego así como abrir novas canles coa nosa familia emigrante. Alentar o seu uso en todos os frentes onde a rede estea ao noso alcance pode e debe provocar un efecto incentivador que retroalimente o desexeo a “falar e escribir en galego”. Como integrantes da comunidade internauta debemos ter presente que está nas nosas mans colaborar e actuar a prol de incentivar á nosa lingua, como cultura propia, como parte da nosa personalidade.

© Roberto Brenlla – 24 de xullo de 2008

Licenza Creative Commons Recoñecemento 3.02

1 O galego e o portugués considerábase a mesma lingua ata a Idade Media cando o reparto de reinos comezounas a separar.

2 http://creativecommons.org/licenses/by/3.0/deed.gl

3 ResponsesInternet é unha oportunidade para o Galego to “”

  1. Cen por cen dacordo 😉

  2. […] asennadas: Internet é unha oportunidade para o Galego http://brenlla.blogaliza.org/2008/07/24/internet-e-unha-oportunidade-para-o-galego/ […]

  3. Chicao Junior enviou este comentario que extraviouse por mor da migración de Blogaliza:

    Desconhecia a linguagem Galega até então.
    A ascensão das linguas marginalizadas é mais uma das portas que a internet abre e o intercambio das linguagens lusófonas é algo que podemos compartilhar na rede.
    Espero colaborar com o ascesso ao galego e de todas as linguas irmãs!
    Abraço a todos.