Compensa esforzarse en convencer se hai desinterese?

Bob Sutor, vicepresidente de negocio Open Source e Linux en IBM, deu o relatorio inaugural da recentemente concluída LinuxCon 2009 e nel deixou algunhas ideas sobre o seu parecer arredor do futuro de GNU/Linux no escritorio.

Para ilo deseñou estes potenciais escenarios:

  • GNU/Linux destacándose, probablemente tendo unha distro dominando os escritorios
  • GNU/Linux acadando paridade con M$ e Apple
  • GNU/Linux desaparecendo dos escritorios

Sutor cre que a maioría da xente di: “Non quero que me molesten. Iso simplemente funciona. Quero facer o meu traballo e irme a casa“. Daí que Sutor conclúa que “facer unha substitución completa do escritorio é unha ruela sen saída” e que, polo tanto, é un erro intentar convencer ás persoas para que usen algo no cal non están interesadas. “Non desperdicien o seu tempo“, aconsella.

Ao mesmo tempo Sutor suxire á comunidade que enfoque a súa estratexia noutros nichos onde os seus esforzos teñan unha mellor oportunidade de acadar éxito, como os contornos virtualizados. E un exemplo dalguén que sen dúbida se está tomando moi en serio a potencialidade doutros nichos é Intel coa súa iniciativa Moblin.

Podes ampliar máis disto na fonte e máis na nova orixinal.

Opinión

Certo é que hai un factor determinante en todo isto: o costume. Quen está afeito a un xeito de traballar sabe que un cambio de contorno halle supoñer un esforzo, mínimo (considero) pero esforzo ao fin. Ademais é certo que estamos a tratar cunha xeneración á que a tecnoloxía informática chegou de xeito pouco natural. Moitas persoas, atrévome a dicir que a maioría, non navegaba hai unha década e outras moitas foron autodidactas aprendendo a traballar coas aplicacións informáticas. Polo tanto o medo ao cambio é lóxico e natural.

Porén, explicar con claridade as vantaxes do cambio, apoialo con formación e acompañalos nos seus primeiros pasos no novo contorno semella ser determinante para acadar o éxito perseguido por quen promove o cambio. De feito esa é unha mostra da estratexia que empregamos en TEGNIX perante calquera proceso integrador de tecnoloxías libres.

Moitos xa sabedes que penso que no eido particular considero que cada quen pode empregar o que considere apropiado maila aconsellar SwL, está claro. No eido empresarial o SwL supón un monte de vantaxes competitivas e daquela considero que é unha escolla estratéxica e decisiva. No eido público, con total certeza, só se pode promover e dar os pasos necesarios para o seu emprego na totalidade das súas dependencias e usos.

Os múltiples casos de éxito de integracións de tecnoloxías libres fanme concluir que “Si” compensa esforzarse, até se hai desinterese. Abonda con seguir unha planificación estratéxica adecuada e ben medida para cada caso.

Todo isto sen afondar nos múltiples puntos nos que pagaría a pena entrar ou salientar. Se cadra nun seguinte artigo…

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Presentacións do Premio ao mellor PFC con SwL

Ao longo das vindeiras semanas Igalia estará presente nos campus universitarios das tres universidades galegas para presentar o Premio ao mellor PFC con Software Libre. Durante a presentación explicaranse os obxectivos e bases desta iniciativa. As datas son as seguintes:

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

GP Singapur, domingo – 20090927

Previo

Os pesos dos monopostos foron publicados e amosan unha case idéntica estratexia onde, se cadra, Hamilton, Alonso e Glock poidan deterse unhas dúas voltas despois do que fagan o resto dos sete primeiros. Co coche por debaixo do peso permitido, Heidfeld troca motor, cambio e sae dende os boxes.

Os pronósticos de choiva persisten para a carreira. Eses pronósticos confirmaban esa meteoroloxía para todo o fin de semana e ata o de agora errou. Porén, antes da carreira vense raios achegándose á cidade.

Carreira

A choiva non aparece no comezo da carreira nin no transcuros da mesma. O safety-car sae nunha primeira ocasión.  A Alonso iso non lle afecta e a Alguersuari vímolo loitando duro cun pelotón que lle quería adiantar. Xusto detrás do cataán estaba Sutil que, nunha tentativa de adiantamento, procou cun choque a unha nova saída do coche de seguridade. Finalmente  Alonso chega a marcar trala súa derradeira parada a volta rápida da carreira no xiro 53º! Alguersuari abandonou con problemas de freos tras facer unha moi boa carreira.

Resultado final desta emocionante carreira: HAM GLO ALO VET BUT BAR KOV KUB (8º) NAK RAI (10º) ROS TRU FIS LIU

GP Singapur, sábado – 20090926

Previo

Pouco que engadir entre onte e hoxe agás o rumor de que David Richards parece pretender mercar a escudería Renault F1 por uns módicos $50 millóns e a teima de Alonso ao ignorar as protestas que lle instan a ceder a vistoria do pasado ano ao segundo, Rosberg. Cabe lembrar que o asturiano o pasado ano era o máis claro dominador dos adestramentos e só un fallo na bomba de gasolina impediulle facer unha probable pole position. Ademais, o accidente de Piquet aconteceu ben antes do primeiro terzo da carreira e logo houbo moito GP por diante ata rematar coa victoria.

Nos adestramentos libres do sábado repítense os resultados do venres, e case que o das últimas carreiras, moitos pilotos no mesmo segundo. Resultado: HAM VET ROS KOV KUB HEI BAR GLO BUE TRU (10º) NAK RAI WEB BUT ALO (15º) LIU SUT ALG GRO FIS cos sete primeiros no mesmo segundo e ata o 17º todos a menos de 1,5 segs.

Cualificación

Da comezo a cualificación sabendo que Rubinho terá que empregar unha nova caixa de cambios o cal implica unha penalización de cinco postos na grella.

Confírmase tamén que Telefónica debe patrocinar a Campos Meta.

Resultados da Q1: HAM BUT RAI HEI ROS BAR VET KOV KUB NAK (10º) WEB BUE TRU ALO GLO (15º)  e fóra quedan SUT ALG FIS GRO LIU.

Resultados da Q2: ROS WEB VET HAM GLO ALO BAR KUB HEI KOV (10º) e quedan fóra NAK BUT RAI BUE TRU.  Boa oportunidade para Rubinho de coller algúns puntos a Button, maila estar penalizado o paulista con cinco postos polo troco da caixa de cambios. Ningún Ferrari na Q1 e Alonso nela cunha única tentativa. O mellor tempo de todo o GP vai para Rosberg.

Os resultados da Q3 e grella provisional foi determinada polo accidente de Barrichello e a posterior bandeira vermella. Daquela provisionalmente os dez primeiros postos da grella quedan así: HAM VET ROS WEB ALO (5º) GLO HEI KUB KOV BAR.

GP de Singapur, venres – 20090925

Previo

Definitivamente este é o ano das polémicas. Porén vou seguir unha orde cronolóxica dos acontecementos entre GPs. Así sábese que o Banco Santander, maila anunciar o seu acordo con Ferrari, confirma que seguirá tamén con McLaren só nos monos dos pilotos, non nos monopostos e posiblemente baixo o nome da filial Abbey.

O asunto estrela deste período entre GPs foi sen dúbida o asunto Renault en Singapur’08. Maila saír libre de toda culpa, Alonso é acusado por Nelsinho como sabedor de toda a trama dese GP. Afastándose dilo, Alonso confirma que Renault non empregará o KERS nas dúas vindeiras probas. Namentres o asturiano tira balóns fóra, Renault confirma a oferta da cabeza do equipo, Briatore. Faise pública a conversa entre boxes e piloto nese GP.

Seguindo a orde cronolóxica, sábese que BMW-Sauber é mercada pola suiza Qadbak Investments e semella que empregará motores Ferrari en 2010. Sorprendentemente a FIA anuncia a escolla da antiga Lotus con motores Cosworth no lugar da BMW…

O caso Renault segue e confírmase a saída do equipo de Briatore e Symonds. Relembrando tempos pasados, Eddie Irvine confirma que a F1 “sempre foi unha guerra, pois míntese, sabotéase, rachan as regras… e Briatore sinala que “Mi sono sacrificato per salvare la Renault“. Logo sábase que a FIA, tanto Charlie Whiting como Max Mosley sabían do asunto antes de facelo público os Piquet, pai e fillo. E pregunto, por que non fixeron algo ao respecto daquela?

Finalmente a FIA emite o seu veredicto: Briatore é sancionado a perpetuidade, Renault será excluída se reincide en 2 años, Alonso queda eximido de toda culpa e Pat Symonds será inhabilitado durante cinco años. Piquet non recibe sanción. Renault acepta a sanción, Briatore irá recurrir (até pretende facer festa ao regreso) e Bob Bell comandará a escudería ata o remate de ano. Outras consecuencias, o final do patrocinio de ING e Mutua Madrileña a Renault, algo que tampouco é novidade pois ING xa o anunciara antes destas manobras e a Mutua vaise a onde estea Alonso. De feito, agora si, todo apunta a que Alonso irá a Ferrari pois até Raikkonen admite ofertas para o vindeiro ano 2010.

Para rematar, Alonso resposta a Autosport e ignora as protestas que sinalan inxusta a súa victoria eiquí o pasado ano. E, mentras escribo estas liñas… Grosjean (Renault) estréllase na curva 17, no mesmo lugar que o fixo Nelsinho o pasado ano! Ver para crer!

Adestramentos

Os monopostos de Renault perderon os patrocionios de ING e Mutua Madrileña xa neste GP pois agora figuran logos da propia Renault no seu lugar.

Os resultados da primeira rolda: BAR BUT WEB ALO VET KOV HAM KUB RAI NAK (10) ROS SUT BUE HEI GLO (15) TRU FIS LIU ALG GRO

Na segunda rolda, tamén sen choiva, os resultados foron: VET ALO KOV HEI BUT WEB ROS GLO HAM KUB BAR SUT TRU RAI NAK FIS BUE LIU GRO ALG. Paga a pena dicir que o tempo do asturiano foi conquerido na derradeira volta e cun segundo parcial máis ben discreto e maila todo alzouse ao segundo posto. Poderanse dicir moitas coisas de Alonsomas anda que é uma barbaridade” como di un comentarista brasileiro.

Clonando con DRBL e Clonezilla (usando multicast!)

Nas listas de correo Softlibre-edugal Vili Cedeira puxo unha atractiva mensaxe da súa experiencia clonando equipos grazas a este artigo que amosa como clonar equipos con DRBL e Clonezilla. Parte desa mensaxe di:

“Eu conseguín clonar 14 equipos DELL 740 á vez (todo o disco duro, cunha partición de windows e outra de linux) nun tempo récord de 9 minutos (unha vez que comeza a transferencia de datos). A verdade é que me quedei abraiado!!! Nin un sóo erro!!! O switch e tarxetas de rede traballan a 1000 MHz. Se seguides o manual, atoparedes que a distribución LIVE Linux que se utilizou no proceso descrito non existe xa, pero si unha superior en: http://free.nchc.org.tw/drbl-live/stable/

Isto aforra moitísimas horas de traballo frente a clonación con outros sistemas que van dun en un, como o Norton Ghost (máis dunha hora por ordenador).”

Unha vez máis, outro exemplo de colaboración e o SwL indo da man.

DRBL e Clonezilla.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Dia Mundial contra as Patentes de Software

O dia 24 de setembro celébrase o Dia Mundial contra as Patentes de Software. O Parlamento Europeo parou hai cinco anos a tentativa de legalizar as patentes de software en Europa. Un esforzo sen precedentes da comunidade fixo posible avisar dos posibles perigos que ilo suporía. Dende aquela os litixios e trampas das patentes convertéronse nun serio problema tanto para o mercado como para usuarios de software. Daí que esta iniciativa siga loitanto por reducir os riscos que impeden a innovación e investimento no sector.

Maila coñecida intención dos EE.UU. de reformar o seu sistema de patentes de software cara o actual europeo baseado nas leis de Propiedade Intelectual que amparan ao Dereito de Autor, as oficinas de patentes a escala mundial continúan a garantir tales dereitos sen reformar a súa práctica.

Como acontecera anos atrás, é necesaria a axuda dunha comunidade responsable e organizada para superar esta crise de patentes de software.

Pódese colaborar de moitos xeitos, por exemplo, dende asinar a petición europea, pór un banner, mercar unha camiseta, particapar nas súas listas e outras máis que podes atopar na súa web.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Software Freedom Day 2009

Hoxe, 19 de setembro, é o dia elixido este ano 2009 para a celebración do Software Freedom Day, o Dia da Liberdade do Software.

Este ano o Equipo Galicia ten rexistrado como evento un da Comunidade O Zulo coincidindo coa VI Edición de Kernel 2009.

O SFD naceu en 2004. Persoalmente chamoume a atención e decidín facer o rexistro do equipo galego pois daquela éramos apenas testimoniais os grupos rexistrados. De feito non había equipos nin en España nin en moitos outros países desenvolvidos. A partir daí comezaron a rexistrarse equipos e a aparecer celebracións. As galegas podes velas aquí, organizadas no 2006, 2007 e 2008 por GALPon.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

No CNTG, Xornada sobre Virtualización Red Hat orientada a servidores

O vindeiro martes día 6 de outubro ás 17:00 hs terá lugar nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, unha “Xornada técnica sobre solucións de Virtualización Red Hat orientada a servidores” que incluirá exemplos prácticos e teóricos.

A xornada está orientada a perfís técnicos de profesionais, administradores, responsables ou futuros responsables de sistemas, partners de Red Hat, alumnado do CNTG, etc .

Amplía a información consultando o folleto informativo. Podes inscribirte nesta ligazón.

A asistencia á xornada é libre e gratuita, condicionada  á previa inscrición e aforo do local. O evento é organizado por Red Hat en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Consellería de Traballo e Benestar.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Software Libre a tu Alcance

Inaugúrase hoxe no Parque Tecnolóxico de Andalucía (PTA) de Málaga a I Feira “Software Libre a tu alcance“, un atractivo evento que ten como obxectivo ofrecer demostracións de produtos e servizos con casos reais de aplicación, o cal permitará ao público avaliar a idoneidade do Software Libre.

Este atractivo enfoque complementarase coa organización de encontros empresariais entre aquelas que aínda non estean familiarizadas coas solucións baseadas en software libre e mailas altamente especializadas como as que integran ASOLIF, oficialmente presente nesta feira. Para ilo haberá persoal dinamizador responsable de presentar e guiar o público asistente cara os expositores máis axeitados ao seu interese.

Paralelamente haberá obradoiros de curta duración con temática diversa, amosando desde escritorios básicos a sistemas complexos. Con estes obradoiros búscase concienciar ás empresas que aínda non consideran o software libre como alternativa posto que poderán comprobar as múltiples e importantes vantaxes que teñen estas tecnoloxías.

Máis información en ASOLIF e na páxina de CREA (Centro de Referencia para la Excelencia en Entornos Abiertos).

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Creación dixital en 3D con Blender no CNTG

O CNTG amplia a súa oferta formativa incluindo na súa programación a impartición dun curso de Creación dixital en 3D con Blender (PDF). A apertura do prazo de inscrición terá lugar o vindeiro día 1 de novembro, estando previsto para o 25 de xaneiro, de luns a venres e en xornadas de mañá, o inicio da acción formativa.

Para máis información consulte a ficha do curso accedendo á sección formación do menú actividades do CNTG.

O curso será dado por Antonio Carranza contratado por TEGNIX.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno

Ford presenta dispositivo anti-choque de código aberto

Ford anuncia un software construído a partir de código aberto. O que isto significa para Ford non está moi claro pero é interesante comprobar o esforzo que a multinacional adica a estas verbas no seu anuncio. Con certeza, o código aberto (open source) fóra do ámbito da informática é observado como algo absolutamente positivo sinala a fonte desta nova.

Ford aproveita a tecnoloxía do avión de combate F22 para o seu novo modelo Taurus. Esta tecnoloxía está destinada a evitar os accidentes avisando acusticamente xunto a unha alarma de voz no sistema de navegación e prendendo luces vermellas cando o vehículo se atope moi preto doutro. Inclúense tamén outras funcioanalidades como MyKey válido para o control do coche cando se desexe limitar velocidades máximas.

Crese que se este dispositivo de aviso de colisión estivera equipado no ano pasado nos vehículos norteamericanos podería ter salvado 7.000 vidas, sinalan fontes de Ford á BBC.

A tecnoloxía pode ler a estrada e identificar árbores e persoas. Engadíronse algoritmos específicos para determinar se os obxectos son ou non un “vehículo-obxectivo”.

Paga a pena lembrar que este esforzo de Ford por retomar os postos perdidos no liderado na industria automobilística segue a corrente encabezada por BMW e outras compañías coa súa plataforma aberta GENIVI.

Outra curiosa iniciativa é a do Fiat Mio, anunciado como o primeiro coche Creative Commons.

Roberto BrenllaLogo TEGNIX pequeno