A miña andaina no SwL (resumo)

Deixo as ligazóns directas á serie de artigos referidos á miña andaina no SwL:

A partir daquí deixo unha ligazón a un artigo que me pediron para Código Cero na súa edición impresa (páxina 4 do PDF).

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (2003, nace AGNIX)

Tal como comentara no derradeiro parágrafo deste artigo, atopar unha nova sobre SwL nun xornal como El País supuxo un punto de inflexión determinante. Xa dixen, daquela semellaba que na nosa comunidade non se facía nada para dar a coñecer á alternativa tecnolóxica libre. Digo 'semellaba' porque evidentemente si se facía aínda que se cadra sen a desexada difusión mediática. Exacto, cría que a difusión era unha das maiores tarefas por diante para que chégasemos ter algo semellante ao que o xornal comentaba sobre Estremadura.

Daí que decidira probar a comentalo nalgúns concellos. Fun a varios deles, petei portas pechadas e, nos que decidiron abrilas para escoitarme, deixaba todas as miñas ideas. Axiña comprobei que era necesario deixar esas ideas faladas resumidas nun texto con linguaxe comprensible e directa. Fíxeno pero tampouco abondaba. Daí unha nova consecuencia, tiña que atopar unha mínima masa crítica para levar adiante a difusión. Unha asociación sen fins lucrativos podería ser o idóneo mais, como coñecer e implicar á xentes nunha nova asociación?

Seguín por esta vía e comenteino coa pouca xente que coñecía. Os que comezamos non coincidimos nas formas: uns desexaban enfocalo a nível empresarial e eu non quería meterme neses líos, só desexaba crear unha asociación porque tiña a sorte de ter cobertas as costas en termos económicos. Entendía que non todo o mundo querería implicarse nalgo a cambio de nada e daquela podería ser necesario engadir á asociación un proxecto empresarial.

Porén, ao pouco tempo todo tomou outro rumbo por mor das profundas discrepancias internas dos que conformábamos o grupo inicial. Hoxe, desde o meu punto de vista, afortunadamente houbo que refacelo todo case que desde cero. Así, naceu AGNIX.

Escribín nas webs dos GLUGs galegos para presentar o proxecto "GNU/Linux para O Pobo", comecei escribir artigos e novas a cotío, fun falar con todos os grupos políticos (sen coñecer ninguén en ningures!), seguín petando en portas de concellos e noutras de diferentes institucións... Así ata chegar á unha xuntanza de asociacións para loitar contra a posible aprobación das Patentes de Sw en Europa. Indirectamente desa xuntanza saiu o embrión das futuras "I Xornadas de SwL para o Ensino Secundario".

Nota: Evitei adrede entrar en detalles, sobor de todo nomeando persoas e determinados feitos. Do que aconteceu despois deixo unha ligazón a un artigo que me pediron para Código Cero na súa edición impresa (páxina 4 do PDF).

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (2002-’03, opos)

Ao remate da miña estadía no IES Pedro Floriani de Redondela presenteime ás opos de Informática referidas ao ensino secundario. Como dixen no anterior artigo desta serie, todas as preguntas xiraron ao redor de M$ e, por suposto, a miña intervención foi absolutamente testimonial, non xa pola temática privativa senón pola case que nula preparación que levaba.

Aínda así, a experiencia gustoume e saín moi animado coa idea de preparame para as vindeiras (sen saber se se ían celebrar!) e, de paso, acadar uns coñecementos teóricos nalgo que me atraía profundamente.

Como facelo? Tiña que deseñar unha estratexia axeitada para poder enfrentar con certa solvencia os 74 capítulos do temario. Daquela pensei seguir na liña do SwL, con GNU/Linux como único sistema operativo co que traballar. Isto evidentemente era unha aposta sumamente arriscada pero foi a miña escolla porque, entre outras cousas, faríao con paixón.

Outra das medidas que tomei foi a de tentar cubrir todo o temario, daí que fixen os meus cálculos: setenta e catro entre uns 360 dias saía a uns catro dias para cada tema e deixaría dous meses para o repaso. Iría procurando información, mercando libros, facendo resumos nunha carpeta, repasándoos sistematicamente e practicando sobre GNU/Linux. Todo ilo coa máxima rigurosidade que esixía a miña estratexia.

Claro, nisto tivo moito que ver a miña boa situación financieira. Os atrancos que tiña sufrido xa eran historia e comezaba a obter os froitos do mega esforzo da década anterior.

Chegan as oposicións e todo érame coñecido mais non na profundidade que esixían. Por exemplo, o cuestionario de tipo test ofrecía cinco posibles solucións, todas elas moi semellantes e co agravante de descontar puntos se errase. Como é de supoñer, resultoume moi difícil, tamén a seguinte parte, a de programación.

Pese a todo saín satisfeito, a fin de contas posuía unha formación que antes non tiña xunto a unha sólida paixón polo SwL construida ao longo dos xa daquela cinco intensos aniños.

Que facer despois diso? Antes de nada tomar unhas vacacións. Namentres as disfrutaba, pensei reabrir a porta que abrira da enxeñería técnica informática da UNED, traballar comodamente co meu pai que era como non facer nada posto que me ocuparía tan só unhas horas ao mes, complicarme a vida procurando emprego como Economista con amplos coñecementos informáticos e deixar de disfrutar da familia na intensidade coa que viña facendo, etc.

E aí que aconteceu algo que me chamou a atención, para ben e mal. Para ben porque era a primeira vez que lía un artigo, concretamente no suplemento de negocios de El País, explicando que era isto do SwL. Para mal, porque me irritaba comprobar que falaban de Estremadura e eiquí tiña a sensación de que ninguén facía nada!

Chuzame! chuzame -