A Administración Pública non garante a autonomía tecnolóxica

Comecei vendo esta nova aquí e logo, grazas a ser repartida pola axencia EFE, tamén nestes outros medios.

As personalidades expertas que debateron sobre as políticas tecnolóxicas que seguen as administracións públicas no curso «Coñecemento e software libre: aspectos tecnolóxicos e sociais«, celebrado esta semana en Mérida, constataron que «na súa maioría son incompletas, insuficientes e inadecuadas«. Así o sinalou o coordinador de curso de verán da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Mérida, Rafael Pastor.

Os expertos coincidiron en que as políticas tecnolóxicas deberían ser «máis amplas, firmes e decididas» para aproveitar «definitivamente unha posibilidade histórica que, se se escapa, non volverán ter«.

Neste senso, o director da Oficina de Software Libre da Universidade da Lagoa, Rodrigo Trujillo, explicou que os mecanismos de contratación e relación coa administración pública non garanten a «autonomía tecnolóxica«, porque non aseguran «a existencia de opcións tecnolóxicas, que estas sexan coñecidas e menos aínda que sexan accesibles para todas as persoas e entidades«.
Agás en poucos e coñecidos casos, son doadamente comprobables estas afirmacións. Basicamente a clase política descoñece e/ou está moi parcialmente asesorada mais as consecuencias disto pagámolas a cidadanía xeral.

Unha sensación de impotencia percorre o ánimo do activismo que, a pesares de ter gañadas algunhas batallas, percebe como, en liñas xerais, esta opotunidade histórica semella estar a se escapar entre os dedos das nosas mans…parvos somos se isto acontece.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Proxecto Aprende Linux

O Learn Linux Project (Proxecto Aprende Linux) ofrece cursos en liña para que poidas aprender en profundidade un amplo espectro de temas sobre GNU/Linux.

Para seguires estes cursos terás que saber suficiente inglés, ter nocións de computadoras, tanto de hardware como software, e unhas mínimas aptitudes de programación.

A secuencia de cursos é:

Para todas estas seccións tes a posibilidade de baixar un PDF, seguilo en liña ou empregar a vía do tele-ensino mediante Moodle. En calquera danche unha idea en horas da duración de cada parte do curso.

Estes cursos están baixo licenza Creative Commons.

asennadas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Meu pai (72 anos) usa Ubuntu

O pasado mes de novembro o meu pai cumpriu o seu 72º anversario. Non sabía que regalarlle. Daquela a miña nae di que lle quere mercar un portátil, pedíndome que me encargara de facelo. Tate, xa está! Vai usar Sw Libre!

O meu presente sería darlle clases e mantemento do sistema ameazándolle que, de mercar el algún trebello deses que infestan de publicidade as canles de TV nas madrugadas, estaría estragando os seus cartos pagando licenzas alén de contar coa miña rotunda negación a fornecer calquera tipo de soporte para esas porcalladas.

Predicando con exemplo, fun directo á páxina dos portátiles de Imavisions e seleccionamos un deles. Falei con Manuel Guillán e, tralo orzamento, axiña fixemos a transferencia. Mágoa non ter sabido que tiñamos que agardar 15 dias para a súa entrega pois foi algo que non lle gustou ao meu pai. Para máis atrancos, o portátil viña cun erro de fábrica e tivemos que engadir outros 15 dias, total un mes. Recibímolo o 8 de xaneiro cuns extras engadidos (maletín, lámpada e lapis USB) pola nosa espera.

Meto mans na masa e reinstalo o sistema Ubuntu que tiña pois combrobara que case todo rulaba e prefería unha outra disposición e tamaño das particións. Porén, Manuel incluiu compilacións especiais para obter o son. Éste, trala miña instalación, simplemente non daba sinais de vida porque evidentemente estragara todo o traballo de Manuel. Xunto a isto, non rulaba o lector de tarxetas e uns leds. Ofrecéronse a arranxar todo, daquela envío o portátil e un par de dias despois xa estaba de volta con todo o que podía funcionar facéndoo.

Desde aquí doulle as grazas a Imavisions, especialmente a Manuel, pola adicación e traballo pois a satisfacción tanto miña como do meu pai é total. Engado que eles non só instalan o sistema nos seus equipamentos senón que os configuran e, polo comprobado, ofrecen excelente soporte.

Onte foi o primeiro dia de clases do meu pai. Aínda que xa acudira a algún cursiño de sw privativo, ten que se afacer ao manexo do rato e aprender mecanografía (até eu debería mellorar niso!). Porén ficou abraiado coas posibilidades que se lle abren.

Creou cartafoles, arquivos de texto plano e ODF, aprendeu o socorrido que é o botón dereito do rato, entendeu rapidamente as vantaxes dos escritorios múltiples, navegou, coñeceu a Galipedia, a Wikipedia, abriu a súa conta en GMail, chateei con el estando eu ao seu carón e moito máis! Tras un bo tempo de adicación levouse no maletín o seu flamante portátil e a encomenda de traballar co KTouch.

Non sei quen está máis ledo con todo isto. Será o meu pai ou eu mesmo?

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp