Sendo un segredo a voces, Alonso ha de ser anunciado como piloto Ferrari axiña, se cadra nesta mesma semana. É iso motivo de felicidade? É iso garantía de éxito? A primeira resposta é rotundamente afirmativa, a segunda xa non tanto.
A afección alonsista e case que en xeral da F1 debe estar moi feliz pola fichaxe xa que logo o que é probablemente o mellor piloto da actualidade terá ao fin un monoposto capaz de dar espectáculo e presentar batalla a quen se lle presente nos vindeiros anos, din que cinco anos.
Non quero ser pesimista senón reflexivo e nada mellor para ilo que recabar información na recente historia da F1. Para quen olle só unha década atrás, 1999 foi o ano do comezo da época dourada da Scuderia pois con Schumacher e Brawn viñeron cinco campionatos mundiais de pilotos, o primeiro no 2000 e logo, tras dous anos de seca aínda con Brawn-Byrne-Schummy, xustamente os gañados por Alonso, só veu o de Kimi Raikkonen en 2007. Foi xusto un ano despois da saída do alemán, no ano sabático de Ross Brawn, coa axuda de Massa en Interlagos e do propio Alonso en guerra total co seu equipo McLaren. Nese mesmo GP probablemente comezaran os contactos entre o asturiano e a escuadra de Maranello. Pero Kimi tiña contrato a longo prazo e o traballo de equipo feito por Massa cedendo a victoria a Kimi deulle unha merecida renovación. As portas estaban pechadas.
No 2008 McLaren aínda gozou das rendas de Alonso coa súa aportación á posta a punto tanto de chase como de motor. Neste 2009 está sendo Brawn que, de regreso xa á competición, mercou a poderosa e xigante escudería Honda para fundar a súa propia, todo ilo a prezo de ganga.
Ollando más atrás no tempo e antes de 1999 Ferrari viña dunha longa seca de triunfos maila contar con célebres pilotos coma Prost, Mansell, Berger, Alboreto ou o arxentino Carlos Reutemann. Dúas décadas! Foi en 1979 cando os italianos obtiveron o seu último trofeo no de pilotos co sudafricano Jody Scheckter. Antes viñeron os obtidos por Nikki Lauda (75 e 77) e novamente outra seca dunha década ata 64 (Surtees). A anterior época de títulos remóntase á década dos 50.
Ferrari agora está sen Brawn e Byrne só coma consultor técnico externo, cun regulamento que conxela o desenvolevemento de motores (historicamente o punto máis forte da Scuderia agás na época dos turbo), redución de orzamentos e aparentemente con igualdade de oportunidade para os seus pilotos. Ou aprenderon moito en Ferrari ou a Alonso tocaralle sufrir novamente, e moito. Moito porque os tiffosi son moi críticos cos seus pilotos, até crueis, perdoando case todo a Ferrari como equipo.
Ogallá erre neste pronóstico pero, se cadra se a meta fora acadar máis campionatos, unha mellor escolla sería a propia Brawn. Tería ao mellor enxeñeiro aerodinámico do momento, con dous túneis de vento ao seu dispor, un óptimo estratega, ben relacionado coa FIA, con Mercedes entrando no capital social para permanecer (non para participar como acontece agora en McLaren) e, un dos puntos máis importantes, coa condición de ser o número un indiscutible dos seus pilotos. O capital viría do Santander, Telefónica, Repsol ou até doutra empresa española máis que intersada en acompañar ao asturiano.
O futuro dirá que éxito acadou. Polo de agora só se pode ser feliz de ter a Alonso na máis mítica de todas as escuderías maila non ter por ilo garantido o éxito . No pior dos casos tería gañado dous campionatos do mundo batallando con quen ostenta o récord de títulos mundiais e tras ser piloto de Ferrari, o cal «non é male«.
En: Racing por Roberto Brenlla
4 Comentarios »