Evanxelizar é unha tarefa obrigatoria

Xa escribin algo referente á evanxelización, é dicir, dar a coñecer o Sw Libre. Adoita acontecer que non sempre un pode reflictir na escrita todas as ideas que sobre o tema posúe, sexa por mor do tempo adicado ou polo restrinxido que supón facelo nun blog en troques de conversado e expresado xestualmente. Aproveito tamén para seguir o fío do comentado por Toni a tal artigo.

Voltei ao tema porque nesta semana terei a oportunidade de intervir no IES San Clemente, convidado por Carlos Carrión e Jesús Arribi, e dase o caso que me deixan adicarlle a esta tarefa uns trinta minutos, se cadra algo máis. Ante todo estou moi agradecido mais tamén preocupado, case que tanto como no seu dia cando fora á TVG. Por que? Ben simple, como podo en tan pouco tempo evanxelizar? Na TVG foron uns 10 minutos xunto aos nervos das cámaras e mailo directo e eiquí son máis minutos, si, pero diante de profesorado experto en informática e, según me din, posiblemente non todo a prol de evolucións (antes diría 'migracións').

Desde o meu parecer, a compoñente social é a máis relevante entre todos os obstáculos a seren salvados á hora de acadar unha evolución con éxito. Daquela non se debería menosprezar. É máis, facelo con decisión xunto ao nomeamento de "defensores do cambio" pode ser até vital para o éxito da iniciativa.

Sexa como fora, tanto Carlos como Jesús son coñecedores da relevancia disto e, teño certeza, seguro que estarán aí cando algúns inconvintes xordan e sexa necesario alimentar esas forzas contrarias ao proceso. É un dos privilexios que ten o profesorado deste IES, outro pode ben ser este completo Wiki.

Para rematar, tamén será interesante comprobar como este proxecto, ben estudado e elaborado, sae adiante tendo á compoñente social como derradeira parte do proceso, inmediatamente antes da posta en marcha dos servizos libertados. É dicir, en quente, trala evanxelización virán os obradoiros explicativos das novas ferramentas. Heino seguir con atención porque, ogallá sexa certo, confirmará a regra que di que non debe haber nada estrito nunha evolución. Ben, se cadra, só unha: evanxelizar é unha tarefa obrigatoria.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (2001-’02, Redondela e opos)

Ao remate da miña estadía no Meixueiro chamáronme para unha substitución no IES Pedro Floriani de Redondela. O xefe do meu departamento deixoume destinar unhas pesetiñas á compra dunha distro e merquei unha SuSE. Nin siquera fora instalada nalgún equipo pero serviría para ir metendo o verme nese departamento.

Por aquel tempo comezara unha campaña tentando prohibir as fotocopias de libros por mor da suposta ultraxe aos deireitos autoriais. Naquel instituto tomárono ao pé da letra polo que ninguén podía facer fotocopias. Velaí que cando a directora do centro viume facendo fotocopias de libros... achegouse a min para recreminarmo. Foi entón cando ela, incrédula, descubriu que era iso do "pódese copiar, modificar e distribuir libremente". Aínda así neses tempos comezaba a sentirme canso de ir predicando dun-a-un...

Outra anécdota que lembro dese IES foi o da infección duns PCs da sala de profesores. Vin fozando a un alumno do ciclo de Electrónica que xa daba por morto a un deles cando lle recomendei probar antes facer un "fdisk /mbr". Tiven sorte, conseguiu arrancar o p*** Window$ aínda que finalmente optara por reinstalar todo!

Ao ir rematando do curso púxenme a preparar as opos de Informática, mellor dito, a preparar un chisco e só sobre SwL, non fora ser que caese só diso a que tanto tempo lle adicaba. Nada, as opos foron todas sobre M$ agás algunha preguntiña sobre *nix. Naquel curso (incrible pero certo) tiven que escribir no encerado "Google" pois aínda era un perfecto decoñecido.

Teño lembrazas agridoces dese ano pero quédome co meu tempo de amizade, a estadía no Lobishome, as miñas viaxes ao IES, ás veces en moto e outras co Cadillac El Plateado, e a miña determinación a non seguir dando máis cursos de Economía.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (2001, IES no Meixueiro)

Trala breve (3 meses) experiencia como substituto en ciclos de Economía na Estrada, seguiría crendo que, sen présa, ía facer enxeñaría informática pola UNED. Mais non tiven nin tempo de coller forzas dado que axiña me chaman de novo para unha nova substitución no IES Ricardo Mella do Meixueiro, preto de Vigo.

Foi moi curioso o tempo que alí pasei pois, en principio, só iría substituir ao xefe de estudos uns quince dias. Porén a súa doenza foi máis grave e finalmente cheguei estar alí ata xullo. Facendo o que? Pois cinco horas de contabilidade como horario lectivo e o resto como xefe de estudos! Incríble! Como é posible que un pringao poida ser xefe de estudos? Ben, a verdade é que non fixen máis ca estar no seu despacho, facer unhas rutinarias anotacións a cotío e logo todo o tempo sobrante para min. E claro, ese tempo ía para fedellar cun portátil que mercara de segunda man ao que lle instalara unha Slackware 7.0 e un FreeBSD.

Nese IES aproveitei para imprimir moitos manuais que se xuntarían á xa ampla colección de libros e revistas (mercábaas todas, mes a mes) que posuía sobre GNU e Linux. Alén diso, o horario era magnífico, traballaba de 18hs ás 22 hs, só iso. Bo soldo e horario de envexa... seino.

Un dos fitos dese ano foi, con certeza, a reunión do departamento de Economía. Nun dos puntos do dia estaba preparar e orzamentar a chegada do Hasefroch XP. A pesares de ser substituto tiven que asistir a dita reunión. Sabía das intencións da migración a XP mais non sabía do rexeite tan acérrimo que tería a miña proposta de migración cara GNU/Linux. Houbo excusas de todo tipo e gusto, como "é que as empresas a onde van ir traballar empregan Hasefroch", "é que todo o mundo emprega Hasefroch"... e non convenceron as miñas razóns de liberdade, independencia tecnolóxica, aforro (+100.000 ptas o XP profesional e algunha cousa máis para un único posto en troques dunha caixa con varios CDs e libros para todo o instituto por 12.000 ptas), etc. Até houbo tensión no debate, demasiada tensión... Era eu contra todos, un pringao contra todos!

Logo souben dunha ulterior xuntanza na que non participaría polo seu caracter, digamos informal, no que o responsable comentaría que para aprender Linux custaría un mínimo dun ano. En fin, aquel dia marcaríame profundamente pois fun un descoñecido para min mesmo, nunca fora quen de enfrentarme a un grupo numeroso en solitario, nunha loita todos contra un, un contra todos.

Nese IES coñecera a outro economista no meu departamento que comezaba interesarse polo SwL e a quen lle instalara GNU/Linux no seu portátil. Mágoa non ser quen de configurarlle axeitadamente as X (contorna gráfica) pois a súa tarxeta gráfica non estaba aínda soportada porque iso deulle forzas a quen rexeitaba a miña proposta de liberdade.

Outra anécdota. Un dos meus compañeiros da xunta directiva quería procurar a letra dun tema country. Procurou en Terra, Lycos... e aínda non coñecía Google. Aliás, ninguén coñecía Google! Daquela estábamos no estoupido bursátil das puntocom. Puxo Google como páxina preferida ao comprobar que lle atopara o que procuraba.

A pesares da tensa experiencia sufrida naquela reunión de departamento, esa substitución lembrareina sempre con moito agarimo pois tiven tempo de mellorar os meus coñecementos técnicos, dispor de tempo de lecer e solidificar a ética da libre transmisión do coñecemento.

Chuzame! chuzame -